Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 22 de agosto de 2002 Páx. 12.670

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 13 de agosto de 2002 pola que se regulan e se convocan axudas para a compra de gando bovino que teña por obxecto a reposición das reses como consecuencia do sacrificio obrigatorio en execución dos programas de control e erradicación de enfermidades dos animais.

O Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais (BOE nº 307, do 21 de decembro), establece no seu artigo 2 as enfermidades que estarán sometidas a control oficial en programas nacionais de erradicación e cita a brucelose bovina e a tuberculose bovina entre elas.

Nos artigos 15, 16 e 17 deste real decreto disponse o sacrificio obrigatorio dos animais reaccionantes positivos a algunha destas enfermidades e o dereito a percibir indemnizacións como consecuencia desa obrigatoriedade de sacrificio deses animais.

Con todo, as indemnizacións establecidas son insuficientes para palia-las importantes perdas económicas dos productores, sobre todo naquelas explotacións nas que se fai un baleiro sanitario total por sacrificio preventivo e destrucción de tódolos seus animais que, ademais, teñen que sufrir un período de inactividade productiva ata que os servicios veterinarios oficiais autoricen novamente a reintroducción de animais novos nesa explotación.

Así, aínda que a lexislación de epizootías recoñece expresamente o dereito do dono do animal a ser indemnizado polo dano causado ó sacrifica-los animais, a aplicación dos métodos de valoración existentes na actualidade non son proporcionais á deterioración patrimonial que efectivamente se produce, porque se lle impide producir durante un período de tempo que, en moitos casos, constitúe o seu medio de vida, polo que, unha vez declarada a enfermidade, se producen na práctica situacións de grave desamparo e indefensión. Estes feitos poden poñer en perigo a viabilidade económica destas explotacións.

Consecuentemente co exposto anteriormente, faise imprescindible establece-los mecanismos de reparación e resarcimento dos danos realmente causados ó propietario, ante o establecemento de medidas obrigatorias como consecuencia dun programa de prevención e erradicación de enfermidades dos animais das que en ningún caso se pode facer responsable o propietario da explotación.

Ademais, hai que ter en conta a dificultade coa que se atopa o productor para poder repoñe-los animais de similares características ós que se lle obrigou a sacrificar, e que na maior parte dos casos non hai posibilidade de acada-la reposición total ó mesmo tempo.

As directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C-28/2), no caso das destinadas a loita contra enfermidades animais e vexetais, establecen que poderán concederse compensacións por un importe igual ó valor normal dos animais sacrificados.

O importe das indemnizacións por sacrificar animais que foron diagnosticados positivos na brucelose ou tuberculose é un valor fixo establecido nun baremo publicado no Real decreto 1328/2000, do 7 de xullo, polo que se establecen os baremos de indemnización por sacrificio obrigatorio dos animais obxecto de programas nacionais de erradicación de enfermidades.

Polo tanto, para aqueles casos nos que coas indemnizacións por sacrificio obrigatorio non se acada o valor de adquisición de novos animais similares ós sacrificados e, consecuentemente, non resultaría factible repoñer eses animais, considérase necesario establecer axudas para favorece-la reposición de gando sacrificado obrigatoriamente.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establécense axudas ós titulares de explotacións de gando bovino para a compra de animais da citada especie, que teña por obxecto a reposición de efectivos naquelas explotacións nas que se ordene o sacrificio de animais da especie bovina existentes nela, trala realización do diagnóstico dunha das enfermidades sometidas a un programa oficial de erradicación de brucelose ou tuberculose.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións de gando bovino nas que fora ordenado o sacrificio obrigatorio de bovinos existentes na explotación como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa oficial de erradicación.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Para poder ter dereito ás axudas establecidas nesta orde, é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootías, programas de erradicación de enfermidades animais e a relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles, especialmente os seguintes requisitos:

-En tódolos casos, ter sacrificado obrigatoriamente aqueles animais de especies susceptibles de pade

ce-la enfermidade e que foron diagnosticados positivos.

-Non ter incumprido con anterioridade a normativa sanitaria vixente en materia de sanidade animal de xeito que exista resolución en expediente sancionador.

-Ter efectuado, previamente á reposición dos animais, a limpeza e desinfección da explotación de acordo coa lexislación vixente e as instruccións da autoridade competente.

-Non estar en ningún dos supostos establecidos no artigo 22 da Orde do 4 de abril de 1997 pola que se establecen as normas para desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa.

Artigo 4º.-Requisitos dos animais adquiridos.

1. Os animais da especie bovina obxecto de subvención deberán ter permanecido na explotación de orixe durante un mínimo de 30 días anteriores á súa incorporación á explotación de destino, e procederán de explotacións con cualificación sanitaria e libre de encefalopatías esponxiformes transmisibles.

2. Unicamente será subvencionable a reposición efectuada con femias correctamente identificadas e da mesma aptitude productiva, para manter na explotación un nivel de producción similar ó existente con anterioridade ó sacrificio, e cunha idade comprendida entre 20 meses e 4 anos.

En caso de que a reposición se efectúe mediante a compra dun rabaño completo, o 70% dos animais deste deberán estar comprendidos neste tramo de idade, sendo subvencionables unicamente os animais que se atopan comprendidos entre os 8 meses e os 5 anos de idade.

Artigo 5º.-Clase e contía das axudas.

1. As axudas para a compra de animais destinados á reposición recollidos nesta orde poderán concederse nas contías e cos límites seguintes:

-Douscentos cincuenta euros (250 A) por animal adquirido da especie bovina, nos casos de baleiro sanitario nunha explotación, ata un máximo de 12.000 A por beneficiario.

-O 75% do importe citado no primeiro punto por cada animal bovino adquirido nos casos en que non se realiza baleiro total da explotación, ata un máximo de 12.000 A por beneficiario.

-Ademais do establecido nos puntos anteriores, poderá concederse unha contía adicional nos casos seguintes:

* Se os animais sacrificados pertencen a explotacións incluidas en núcleos de control leiteiro, nun importe por animal igual ó resultado de multiplicar:

0.15 A polos quilos de leite resultantes de aplica-la diferencia entre o rendemento leiteiro medio de, alomenos, o 60% das femias da explotación con maior rendemento e a cantidade de 6.700 quilos.

* Se os animais sacrificados pertencen a unha raza cárnica e están inscritos no libro xenealóxico da

citada raza, poderase engadir unha contía adicional de:

150 A en vacas menores de 10 anos, cualificación morfolóxica de 75 a 79 puntos.

300 A en vacas menores de 10 anos, cualificación morfolóxica de 80 a 84 puntos.

450 A en vacas menores de 10 anos, cualificación morfolóxica máis de 85 puntos.

Aplicaríase a cualificación morfolóxica que figure na carta xenealóxica do animal.

Nestes dous casos o límite máximo por beneficiario será de 24.000 A.

-En todo caso o límite máximo do importe da axuda por cada animal reposto será a diferencia entre o valor de adquisición do animal novo e a suma do importe da indemnización polo sacrificio do animal substituído e o valor obtido na súa comercialización.

2. Para efectos de cómputo da axuda, teranse en conta unicamente os bovinos maiores de 24 meses que figuren asignados a esa explotación na base de datos oficial da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

3. O número de reses obxecto da axuda non poderá ser superior, en ningún caso, ó dos animais reproductores que foran obxecto de sacrificio obrigatorio, entendéndose como tales os animais bovinos de máis de dous anos, e os de menos de dous anos que pariran antes desa idade, e que teñan menos de dez anos de idade.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazos e documentación.

As solicitudes, segundo modelo que figura como anexo II da presente orde, poderán presentarse nas oficinas da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como nos demáis lugares e forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de catro meses contado desde a data en que os servicios veterinarios oficiais autoricen a introducción de animais na explotación, finalizando en todo caso o 30 de novembro do ano 2002, incluida esta data no cómputo do prazo.

Coa solicitude xuntarase a seguinte documentación:

-NIF do solicitante no caso de persoas físicas e CIF cando se trate de persoas xurídicas.

-Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta que consta na solicitude para a domiciliación dos pagamentos corresponde ó solicitante.

-Facturas que acrediten a compra das reses polas que se solicita a axuda.

-No caso de ser unha explotación incluída en núcleo de control leiteiro, certificación que acredite os rendementos medios obtidos polo rabaño correspondente ás lactacións válidas e finalizadas.

-No caso de persoas xurídicas, copia compulsada do documento de constitución da sociedade e dos estatutos e certificado expedido polo órgano xestor da sociedade no que conste o acordo de solicita-la axuda e a identidade da persoa autorizada para solicitala.

Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requerirase ó interesado na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emenda a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixera, darase por desistida a súa petición, logo de resolución dictada para o efecto.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria é o órgano competente para a resolución das axudas reguladas e convocadas na presente orde, logo do informe técnico das solicitudes polos servicios provinciais de Gandería. Contra a resolución que dicte o director xeral, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación daquela.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entenderanse desestimadas as solicitudes non resoltas e notificadas nun prazo de tres meses contados desde a data de presentación destas e, en todo caso, antes do 31 de decembro de 2002. Transcorrido o dito prazo, o interesado dispón de tres meses para interpoñer recurso de alzada contra a desestimación presunta da súa petición, ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Unha vez esgotada a vía administrativa, cabe interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da notificación da resolución do recurso de alzada, se é expresa; ou seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.

O pagamento da subvención realizarase dunha soa vez, logo de comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos anteriores e comprobada a reposición efectiva.

Os beneficiarios presentarán, antes do pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ademais, deberán presentar certificación de estar ó día das obrigas tributarias e sociais e de que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma.

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de se-lo caso, xuntar, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo I desta orde para os efectos de que a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a poida solicitar por vía informática.

Artigo 9º.-Compatibilidade das axudas.

As subvencións reguladas pola presente orde serán compatibles con calquera outra que poida obterse de distintas administracións para a mesma finalidade.

Artigo 10º.-Controis.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderá realiza-los controis administrativos e as inspeccións que considere oportunos co fin de comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. O beneficiario estará obrigado a colaborar na citada inspección, proporcionando os datos requiridos e facilitando, de se-lo caso, o acceso á explotación.

O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 11º.-Incumprimento.

O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas na presente orde dará lugar á perda do dereito á subvención e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houber lugar.

Artigo 12º

As axudas establecidas nesta orde aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613-A.770.0 Programas sanitarios especiais, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, ata un importe de 480.000 euros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural