Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 20 de agosto de 2002 Páx. 12.575

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se fai pública a clasificación do monte Lagoa de Abaixo, a favor dos veciños dos lugares da Ponte e O Mosqueiro, no concello de Vilar de Santos.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o vintenove de maio de dous mil dous, adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común denominado Lagoa de Abaixo, por solicitude do Concello de Vilar de Santos no mesmo concello (Ourense)

Resultando que o 16 de marzo de 1988 tivo entrada no rexistro da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente en Ourense dirixido ó Xurado

Provincial de Montes Veciñais en Man Común certificado do secretario do Concello de Vilar de Santos sobre o acordo do Pleno na sesión do 27 de febreiro de 1988 relativo á solicitude de clasificación como veciñal en man común de diversos montes entre os que figura o relacionado no parágrafo anterior

Resultando que o 11 de maio de 1988 o Xurado Provincial acorda a iniciación da investigación para clasificación dos posibles montes veciñais en man común do Concello de Vilar de Santos.

Resultando que o 15 de decembro de 1999, unha vez finalizado o procedemento de concentración parcelaria de Vilar de Santos-Sandiás, o xurado acordou o reinicio do expediente e a independencia na tramitación dos distintos montes da solicitude segundo os lugares ós que pertencen no concello de Vilar de Santos, designando instructores a Manuel Bouzas Costa e Miguel Ángel González Trigás, que aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia, e remitíndose comunicacións dirixidas ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello de Vilar de Santos, á delegación provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Catastro, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, e á delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria: Servicio de Estructuras Rurais, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e

no taboleiro de anuncios do Concello de Vilar de Santos, durante o prazo dun mes segundo consta en dilixencia anotada ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, para que durante o prazo sinalado en edictos os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos.

Resultando que o Concello de Vilar de Santos remite alegación nas que en relación ó expediente de clasificación do monte denominado O Cagarreto correspondente á parcela nº 1003 da concentración parcelaria de Vilar de Santos-Sandiás manifestando que o nome correcto é Lagoa de Abaixo e que non corresponde ós veciños de Parada, senón ós veciños da Ponte e O Mosqueiro.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente se practicou no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia como segue:

Letra A sobre o predio 3.150, ó folio 66 do tomo 664, do libro 21 de Vilar de Santos.

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes:

1) Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades municipais;

2) Que, polo tanto, o número de titulares é variable e indeterminado;

3) Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano;

4) Que o patrimonio e a participación é inalleable, imprescritible e inembargable; e

5) Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuneiros pedi-la «actio communi dividundo».

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños do lugar da Ponte e O Mosqueiro, no Concello de Vilar de Santos

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños do lugar da Ponte e O Mosqueiro están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que segundo o teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia do Concello de Vilar de Santos, para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, do 26 de novembro de 1992.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros:

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte denominado Lagoa de Abaixo, de 3 ha 48 a, aproximadamente en conxunto de superficie a favor dos veciños dos lugares da Ponte e O Mosqueiro, no concello de Vilar de Santos (Ourense), e cos datos que a seguir se relacionan, coma veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: Vilar de Santos (Ourense).

Nome do monte: Lagoa de Abaixo, corresponde á parcela nº 1003 da concentración parcelaria de Vilar de Santos-Sandiás (Vilar de Santos- Sandiás-Ourense).

Comunidade propietaria: veciños dos lugares da Ponte e O Mosqueiro.

Superficie: tres hectáreas e corenta e oito áreas, aproximadamente.

Estremas:

Norte: Francisco Conde Losada; José Nogueiras Fernández; Manuel Jardón Pérez e camiño.

Sur: con camiño.

Leste: José Manuel Jardón Pérez e outros., e outros propietarios doutros predios.

Oeste: Camila Quintas Fernández.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíquese esta resolución ó alcalde-presidente do Concello de Vilar de Santos, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, da Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que, por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 29 de maio de 2002.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común