Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 20 de agosto de 2002 Páx. 12.572

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación a L.M.T., C.T. e R.B.T. de Monte, Serra, Rente e Sabenche, no concello de Sarria. (Expediente 25/2001 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para os efectos de notificación na avda. Finisterre, 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

1º José Luis Castaño López e Daniel López Toirán que solicitan, con base no prexuízo que a nova liña lles ocasionaría nas súas parcelas, unha modificación do trazado da liña cara ó oeste, modificación que non suporía unha variación superior á permitida segundo o artigo 161 do Real decreto 1955/2000 e que, así mesmo, implicaría que a liña discorrería na súa maior parte sobre terreos de uso público e só afectaría puntualmente estremas de predios de propiedade privada.

Polo que respecta ó predio nº 2, da que é interesado Daniel López Toirán, maniféstase tamén a existencia dunha explotación ovina en réxime de estabulación libre e que, dado que o trazado presentado implicaría a corta de arboredo que serve para dar sombra ós animais, habería que ter en conta non só o valor do terreo e das árbores, senón tamén os prexuízos para a explotación gandeira e a necesidade de realizar obras para crear zonas de sombra artificial.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1º Polo que respecta á solicitude de modificación do trazado realizada polos alegantes, por canto a mesma, ben que non superaría en lonxitude ou altura o dez por cento da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorre sobre a propiedade dos solicitantes e, posiblemente, tampouco implicaría emprego de novos elementos constructivos polo que non significaría sobrecusto significativo, non cumpriría unha terceira condición esixida no artigo 161 do devandito Real decreto 1955/2000, como é que a variación transcorra sobre terreos de dominio e de uso ou servicio público ou patrimoniais do Estado, comunidades autónomas, provincias ou municipios ou que discorrese por estremas de propiedade privada.

A variación que se propón non discorre, salvo en zonas moi puntuais, sobre estremas de predios nin tampouco sobre bens públicos ou patrimoniais do Estado, comunidades autónomas, provincias ou do municipio, senón que afectaría a montes veciñais ou propiedades particulares de titularidade privada polo que non se cumprirían, como se dixo anteriormente, tódolos requisitos esixidos no tan reiterado artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Polo que se refire ós prexuízos que o trazado proposto ocasionaría para a explotación gandeira existente na parcela número 2, cómpre indicar que a determinación da indemnización que corresponda pola imposición da servidume de paso será obxecto da correspondente valoración nunha fase posterior do expediente. Para iso tramitarase a oportuna peza separada de prezo xusto segundo o procedemento establecido nos artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa de 1954. Nesta fase o alegante poderán presenta-la correspondente folla de aprecio na que concretará a indemnización que considere

conveniente polos prexuízos que o paso da liña lle ocasionase.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que a liña ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non incorre en ningunha limitación sobre os predios en expropiación, ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e vista a Lei 54/1999, do 27 de novembro e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. ó C.T. de Sabenche e remate no C.T. proxectado de Serra de 934 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

2. Centro de transformación aéreo de intemperie de Serra de 50 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

3. Rede de baixa tensión aérea de Monte, Serra e Rente de 1.620 m de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

4. Rede de baixa tensión aérea de Sabenche de 610 m de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, da necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó proxecto de execución denominado L.M.T., C.T. e R.B.T. Monte, Serra, Rente, Sabenche, asinado polo enxeñeiro técnico industrial José María Fernández Rey e visado polo COETI na Coruña co número 014782 en data 28-8-2001, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo II, título VII do citado Real decreto 1955/2000, e visto o contido dos informes técnicos de data 11 de abril de 2002.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios en relación coas instalacións autorizadas.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso do 23 de abril de 2002, Diario Oficial de Galicia do 20 de maio de 2002 e no BOP de Lugo do 6 de maio de 2002, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello de Sarria. Ata o momento do levantamento das actas, poderanse formula-las alegacións por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 10 de xullo de 2002.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo