Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 20 de agosto de 2002 Páx. 12.533

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de xullo de 2002 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a concesión dunha axuda para a realización dun proxecto de investigación sobre desenvolvemento dun sistema de adquisición e transmisión automatizado de parámetros oceanográficos en tempo real e se procede á súa convocatoria.

O Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002, prevé a utilización de diferentes instrumentos para levar a cabo a execución dos seus programas. Ademais dos instrumentos ordinarios, considéranse outros máis específicos, con frecuencia de utilización esporádica e que responden ós obxectivos concretos de cada programa. Neste punto encádrase a presente convocatoria, dentro do programa de recursos mariños, e con ela preténdese a realización dun proxecto de investigación específico, de interese para a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, por parte dun equipo de investigación integrado en institucións públicas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

a) Convócase unha axuda destinada á realización dun proxecto de investigación sobre desenvolvemento dun sistema automatizado para a adquisición e transmisión de parámetros oceanográficos en tempo real, que ten por obxectivo fundamental o desenvolvemento dun sistema de adquisición e transmisión automática e en tempo real da temperatura e salinidade das augas costeiras, co fin de coñecer dunha maneira detallada e continua a estructura destes parámetros na columna de auga co obxectivo de delimitar con precisión as distintas masas de auga que se distribúen desde a superficie ó fondo.

O proxecto ha de desenvolverse do seguinte xeito:

1. Deseño dun sistema automático de medición da temperatura e salinidade na columna de auga, desde a superficie ó fondo, a intervalos de profundidade máximos de 0,5 metros entre medidas sucesivas e a intervalos máximos de tempo de 10 minutos entre perfís verticais sucesivos, dotado dun sistema de alimentación mediante acumuladores baseados na enerxía solar.

2. Deseño dun sistema de transmisión dos datos de temperatura e salinidade obtidos mediante o sistema descrito no punto 1, debendo te-las seguintes características: posibilidade de transmisión en tempo real ou diferido con fixación de intervalos de tempo variables entre transmisións, transmisión dos datos baseado en telefonía móbil GSM.

3. Deseño dun sistema informático centralizado de recepción, visualización e exportación dos datos recibidos, situado no Centro de Control do Medio Mariño en Vilaxoán.

4. Elaboración de tres sistemas integrados polos compoñentes descritos nos puntos 1 e 2 de tal xeito que as súas características permitan un fácil axustamento ás boias de sinalización marítima xa existentes. Deberá garantirse a inviolabilidade destes sistemas.

5. Colocación e mantemento dos sistemas do punto 4 en tres zonas da Ría de Arousa, que serán designadas polo Centro de Control do Medio Mariño.

6. O Centro de Control do Medio Mariño facilitará os medios necesarios para os desprazamentos para a instalación e labores de mantemento dos tres sistemas de medida; corresponderanlles ós adxudicatarios os labores de instalación, posta a punto e mantemento periódico durante toda a fase de proba e validación do sistema e, en todo caso, ata a finalización do presente proxecto.

b) Para a concesión da axuda obxecto desta convocatoria destinaranse ata un máximo de 60.100 euros que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.06.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2002 e 2003 de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2002: 36.060 euros.

Ano 2003: 24.040 euros.

Artigo 2º

A axuda poderá ser solicitada por equipos de investigación integrados en institucions públicas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes no modelo oficial, do que a cara externa se publica como anexo á presente orde, e dispoñibles na Internet nos enderezos: http//www.sxid.org, http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid, presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

-Composición do equipo que levaría a cabo o correspondente estudio.

-Currículum vitae normalizado de cada un dos membros do equipo.

-Horas semanais que cada un dos membros do grupo se compromete a dedicar á realización do traballo.

-Metodoloxía que se vai utilizar e medios dos que dispón o equipo para a realización do traballo.

-Plan de traballo.

-Prazo de execución do traballo.

No caso de que o proxecto presentado considere a participación de investigadores pertencentes a diferentes organismos públicos radicados na Comunidade Autónoma (proxecto coordinado), deberá

designarse un investigador principal responsable da totalidade do proxecto así como un director por cada un dos diferentes subproxectos, especificándose por cada subproxecto os estudios que se van desenvolver, o importe específico de cada un deles e o compromiso do director de cada subproxecto a ser coordinado polo investigador responsable da totalidade do proxecto e co visto e prace do responsable legal de cada organismo.

Os solicitantes deberán realizar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de tódalas administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG.

Artigo 3º

A selección do beneficiario da axuda será realizada por unha comisión constituída por cinco membros designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento: un deles actuará como presidente, outro como secretario e dos tres vocais, dous serán propostos pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no DOG.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

-A valoración científico-técnica realizada por expertos externos: 60 puntos.

-A idoneidade do equipo para o proxecto que se vai desenvolver: 15 puntos.

-O plan de traballo: 10 puntos.

-Os medios de que dispón o equipo: 10 puntos.

-A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que formen o equipo, en proxectos realizados anteriormente: 5 puntos.

Artigo 4º

O libramento da axuda realizarase a través do correspondente organismo ou organismos (no caso de subproxectos coordinados), logo de presentación das correspondentes certificacións expresivas da realización do gasto. Poderán efectuarse anticipos ou pagamentos parciais conforme as normas e limitacións establecidas.

Para efectua-lo derradeiro pagamento o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades. Dado o carácter destas axudas considéranse incompatibles con calquera outra destinada ó mesmo fin, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda.

Artigo 5º

O proxecto deberá estar rematado antes do 1 de marzo de 2004. Considerarase rematado mediante a entrega, a través do rexistro xeral da Dirección

Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro ou da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento dunha memoria final de resultados (5 exemplares). Os sistemas automáticos deberán estar situados nos lugares designados antes do 30 de agosto de 2003.

Artigo 6º

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, poderá coñece-la marcha do proxecto financiado.

Os traballos, os resultados obtidos e mailos tres sistemas desenvolvidos con cargo ó proxecto de investigación serán propiedade da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos; os resultados obtidos non poderán ser publicados sen a previa autorización escrita da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 7º

As bases que rexen a concesión das axudas e todos cantos actos administrativos se deriven da súa aplicación, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e ás presentes bases, dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artígo 9º

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro da correspondente convocatoria, pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de 6 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencio

so-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública