Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 16 de agosto de 2002 Páx. 12.442

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 31 de xullo de 2002 pola que se convocan os premios de iniciativas de mellora da calidade de xestión de servicios nas entidades locais de Galicia.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, en virtude das súas competencias en materia de relacións coas corporacións locais, establecidas polo Decreto 147/2002, do 11 de abril, pretende premia-lo esforzo e recoñece-la mellora dos resultados acadada ou proxectada coa implantación de iniciativas de calidade postas en marcha polas entidades locais, así como o recoñecemento activo das actuacións que en materia de xestión da calidade se leven a cabo no eido da Administración local galega, como mellora na prestacións de servicios ó cidadán.

Así, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no marco do compromiso desta coa implantación de actuacións vencelladas á mellora e racionalización da xestión na prestación dos servicios públicos que os entes locais teñen encomendados, aprobouse o Decreto 195/2002, do 23 de maio, polo que se crean os premios de iniciativas de mellora da calidade de xestión de servicios nas entidades locais de Galicia.

O devandito Decreto 195/2002, do 23 de maio, establece no seu artigo cuarto, que a convocatoria destes se realizará con carácter anual, mediante orde da consellería competente en materia de Administración local, determinándose nela as bases polas que se deberá rexe-la súa concesión, as categorías dos premios, así como a composición do xurado, e calquera outro aspecto relacionado cos premios.

Así, en cumprimento do anteriormente sinalado e de conformidade co previsto na disposición derradeira primeira do Decreto 195/2002, do 23 de maio de 2002,

DISPOÑO:

Artigo único.

Convócanse os premios de iniciativas de mellora da calidade de xestión de servicios no ámbito da Administración local en Galicia, co fin de estimular e recoñece-la actuación das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que se teñan distinguido pola implantación -proxectada ou xa realizada- de actividades de mellora na xestión dos ser

vicios que teñen encomendados, de acordo coas bases que se fan públicas no anexo I da presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto no Decreto 195/2002 e na presente orde, haberá que aterse ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

ANEXO I

Bases

Primeira.-Poderán concorrer ós premios entidades locais de Galicia que teñan iniciativas de mellora da calidade en fase de execución na actualidade, e aqueloutras que teñan proxectada a implantación de actividades conducentes ó mesmo fin para o ano 2003.

A convocatoria abrangue as deputacións provinciais, concellos, consorcios e mancomunidades e demais entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Os que desexen participar na convocatoria dos premios formularán a petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e presentarana no Rexistro Central da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, durante o prazo de 30 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

A entidade local interesada xuntará á solicitude a seguinte documentación:

1. Documentación administrativa (sobre A).

No sobre A, pechado, figurará o nome da iniciativa, o da entidade local que a asume, e categoría á que opta, e nel incluirase:

-Declaración xurada do titular do órgano responsable da entidade local que concorre á convocatoria, conforme se dá fe dos resultados obtidos ou do compromiso de realiza-las actuacións de mellora no prazo previsto.

-Certificación do acordo da entidade local pola que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2. Documentación técnica (sobre B).

No sobre B incluirase unha memoria na que se describa a iniciativa, acompañada da documentación que se estime oportuna. Presentaranse en CD-ROM ou disquete en programa compatible con Windows e en soporte de papel DIN-A4, escritas mecanicamente a dobre espacio e por unha soa cara en letra tamaño 12.

As memorias integrarán no seu contido os seguintes elementos:

-Descrición do órgano/unidade e do propio servicio atendendo a cada un dos procesos que o integran, dando conta ademais dos recursos materiais e persoais, internos e externos.

-Diagnóstico da situación prevista no que constará a identificación das áreas de mellora.

-Descrición da/s actuación/s de mellora, atendendo ós obxectivos marcados, á organización e planificación das actividades e ó nivel de implicación e participación de persoas, incluíndo os responsables.

-Fixación de calendario de aplicación.

-Resultados -unicamente naquelas iniciativas presentadas que xa se atopen en fase de execución e implementación- considerando os obtidos de cara ós usuarios e destinatarios; de cara ás persoas que forman o cadro de persoal da unidade ou servicio; e de cara á sociedade en xeral. No percorrido deste capítulo deberá facerse unha comparativa entre obxectivos previstos e resultados obtidos coa identificación de posibles desviacións.

-Avaliación, na que deberá facerse consta-lo seguimento -en fase de execución ou proxectado- das actividades de autoavaliación (avaliación da planificación da acción de mellora; avaliación do desenvolvemento da acción de mellora; avaliación dos resultados globais).

O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local, e daráselles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-A valoración das iniciativas presentadas corresponderalle a un xurado especial, que estará integrado por unha comisión de expertos, composta por cinco membros de recoñecido prestixo no ámbito da calidade nas administracións públicas, nomeados do seguinte xeito:

Pola Xunta de Galicia (tres), en representación do eido universitario (un) e da FEGAMP (un).

Cuarta.-Para a valoración das iniciativas presentadas, o xurado poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos e, en todo caso, teranse en conta os seguintes criterios referidos ó contido do sobre de referencias técnicas das actuacións de mellora da calidade, valorándose ata un máximo de cen puntos, coas puntuacións indicadas en cada un dos puntos:

1. Ter obtido resultados que melloran os servicios prestados ós usuarios (20 puntos).

2. Ter obtido resultados que melloran o funcionamento interno dos servicios (15 puntos).

3. Ter un alto grao de implicación do persoal da unidade/s ou servicios/s (10 puntos).

4. Que as experiencias de mellora teñan servido de referencia a outras organizacións ou que as accións de mellora proxectadas tomen como referencia experiencias exitosas doutras organizacións en ámbitos similares de actuación (5 puntos).

5. Terse adecuado ou ter proxectada a adecuación total ou parcial ó Modelo Europeo de Xestión de Calidade (Modelo da Fundación Europea para a Xestión da Calidade-EFQM) (10 puntos).

6. Carácter innovador e consistencia das accións de mellora proxectadas para a súa implementación no ano 2002 (10 puntos).

7. Vocación de permanencia e aplicabilidade, coa presencia de mecanismos que garantan o seguimento da correcta aplicación das iniciativas, a súa efectividade, e nunha idea de mellora continua (10 puntos).

8. Especialmente, valorarase a aplicación da ferramenta das cartas de servicios como instrumento idóneo para expresa-lo compromiso do servicio público cos seus usuarios, sendo ademais útiles para evidencia-la efectividade do funcionamento da Administración no contacto diario e esporádico que cada persoa establece coa mesma (20 puntos).

Quinta.-Establécense os seguintes premios:

-Primeiro premio, con dotación de 9.015,18 euros.

-Segundo premio, con dotación de 7.512,65 euros.

-Terceiro premio, con dotación de 6.010,12 euros.

-Cuarto premio, con dotación de 4.507,59 euros.

-Quinto premio, con dotación de 3.005,06 euros.

Sexta.-As entidades locais interesadas en concorrer ós premios poderán presenta-las súas iniciativas en calquera dos seguintes eidos:

1. Innovacións na xestión das tecnoloxías.

2. Simplificación de procedementos administrativos.

3. Prevención de riscos laborais.

4. Implantación de cartas de servicios.

Innovacións na xestión das tecnoloxías.

Nesta categoría valoraranse posibilidades de achegamento da Administración ó cidadán a través das

novas tecnoloxías da información e comunicación, en dinámicas que tendan á racionalización dos procesos administrativos. Preténdese a través do establecemento desta modalidade, valorar e avalia-lo uso e rendemento de aplicacións informáticas na prestación de servicios por parte da Administración local.

Simplificación de procedementos administrativos.

Abrangue accións de mellora da calidade na prestación de servicios públicos por parte das entidades locais, atendendo ó ámbito de simplificación de procedementos administrativos, con obxecto de satisfacer plenamente a usuarios e interesados, xerando cada vez maior valor a partir da racionalización na organización destes.

Prevención de riscos laborais.

Inclúense neste campo actuacións tendentes á implantación, no ámbito das entidades locais, de políticas en materia de prevención de riscos laborais, en recoñecemento da súa importancia como dimensión da calidade nas organizacións.

Implantación de cartas de servicios.

Engloba actuacións orientadas á elaboración e aplicación de cartas de servicios como instrumento de comunicación e calidade ó respecto de unidades administrativas ou servicios que, no marco funcional das entidades locais, presten servicios con significativo impacto social. Como documentos a través dos cales as organizacións informan publicamente os cidadáns sobre os servicios que xestionan e respecto dos compromisos de calidade na súa prestación, os obxectivos das cartas de servicios cubren tres dimensións:

a) Facilitarlles ós cidadáns o exercicio efectivo dos seus dereitos, proporcionándolles unha influencia máis directa sobre os servicios administrativos e permitíndolles compara-lo que poden esperar co que reciben realmente.

b) Fomenta-la mellora continua da calidade, dando ós xestores a oportunidade de coñecer -de forma consciente, realista e obxectiva- cómo son utilizados os recursos e o nivel de calidade que poden acadar.

c) Facer explícita a responsabilidade dos xestores públicos con respecto á satisfacción dos usuarios ante o servicio prestado.

Sétima.-O xurado, unha vez avaliadas as iniciativas, elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá a adxudicación dos premios, podendo quedar desertos todos ou algún do premios convocados.

A resolución notificaráselles a tódolos gañadores, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publi

cación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

A entrega dos premios poderá levarse a cabo en acto público, na sala de xuntas da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, en data que, se é o caso, se determinará oportunamente.

Oitava.-O importe dos premios farase efectivo con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.482.0, programa 123.A da Dirección Xeral de Administración Local, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, alcanzando un máximo total de 30.050,60 euros.

Novena.-O presidente da entidade local gañadora disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Décima.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo primeira.-No caso de que o gañador do premio incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos e, conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora adebedados por estes, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, anteriormente citado; e se procede instruirá o correspondente expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Décimo segunda.-A Dirección Xeral de Administración Local resérvase o dereito de publicar e divulga-las iniciativas premiadas, citando as entidades locais que as presentaron, comprometéndose estas mesmas a colaborar nas tarefas de difusión.

Así mesmo, as entidades premiadas poderán mencionar nos seus locais, publicacións e material impreso, que obtiveron o correspondente galardón.

ó da data na que lles sexa notificada a decisión do xurado.

Rematado o devandito prazo sen que se solicite a devolución, poderase proceder á súa destrucción.

Décimo cuarta.-A presentación de iniciativas para os premios implicará a aceptación polas entidades locais destas bases.