Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 16 de agosto de 2002 Páx. 12.445

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2002 pola que se convoca un curso de contratación administrativa para o persoal ó servicio dos concellos de Galicia, na modalidade de formación a distancia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2002, e ó amparo do convenio subscrito con data 15 de xaneiro de 2002 para a creación do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de contratación administrativa para o persoal ó servicio dos concellos de Galicia, na modalidade de formación a distancia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Perfeccionar e actualiza-los coñecementos dos participantes no procedemento de xestión na contratación administrativa local.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal ó servicio da Administración local que desenvolva traballos de xestión administrativa no ámbito da contratación, pertencentes ós grupos C e D ou asimilados.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Duración: 40 horas (36 de autoestudio con titorías telefónicas e 4 horas presenciais).

2. Titorías telefónicas: 9 horas semanais, en horario de tarde.

3. Datas: outubro e novembro do ano 2002.

4. Sesión presencial: durante a segunda quincena de novembro realizarase unha xornada presencial de 4 horas. Esta sesión realizarase de forma descentralizada, en cinco localidades que fixará a EGAP en atención ó domicilio dos participantes.

5. Prazas: 100.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos epígrafes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de setembro de 2002.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Procurarase que estea representado o maior número posible de concellos, con preferencia daqueles máis distantes das capitais de provincia.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Probas e certificados.

A EGAP fixará as probas que considere pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos. Ós participantes que superen os exercicios de avaliación outorgaráselles unha certificación de aproveitamento coa cualificación de apto.

Oitava.-Contido.

Os contratos das administracións públicas. O texto refundido dos contratos das administracións públicas. Os contratos administrativos e contratos privados. Requisitos dos contratos. Órganos de contratación, obxecto e prezo. Capacidade e solvencia das empresas. Clasificación. As garantías dos contratos administrativos. Actuacións relativas á contratación: pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas. Perfección e formalización dos contratos. Prerrogativas da Administración. Actuacións preparatorias dos contratos. Tramitación do expediente de contratación. Adxudicación. A mesa de contratación. Execución e modificación dos contratos. A revisión de prezo. Extinción dos contratos. O contrato de obras. Preparación e adxudicación. Execución e modificación do contrato de obras. Extinción. A execución de obras por administración. O contrato de xestión de servicios públicos. O contrato de subministración. Os contratos de consultoría e asistencia e de servicios.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA