Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 16 de agosto de 2002 Páx. 12.440

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 260/2002, do 30 de xullo, polo que se modifican os estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI Galicia) constituiuse o día 31 de marzo de 1997, despois de acordada a súa creación polo Decreto 56/1997, do 6 de marzo, ó amparo da disposición adicional décimo segunda da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997. No devandito Decreto 56/1997 tamén se aproban os estatutos da sociedade.

Coa finalidade de delimitar por unha parte o seu obxecto social, no relativo á totalidade dos conceptos nos que pode actua-la sociedade en relación coa Xunta de Galicia e os terceiros e por outra para adapta-la composición do Consello de Administración da sociedade á modificación parcial da estructura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, é preciso modifica-los estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., aprobados polo Decreto 56/1997, do 6 de marzo.

Por todo o anterior e de conformidade co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/ 1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Os artigos 2, 9 e 11 dos estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., aprobados polo Decreto 56/1997, do 6 de marzo, quedan redactados nos seguintes termos:

«Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto da sociedade é proxectar, construír, conservar e explotar, por ela mesma, por terceiras persoas ou en calidade de concesionaria, actuando por encargo do Consello da Xunta, en nome propio ou por conta e mandato da Xunta de Galicia, segundo os termos dos encargos e os mandatos de actuación, toda clase de infraestructuras que a Xunta promova ou participe, e tamén os servicios que se poidan instalar ou desenvolver nas ditas infraestructuras. A súa actividade comprende tamén, logo de autorización do Consello da Xunta, a promoción e execución de actividades urbanísticas e inmobiliarias, adquisición e alleamento de toda clase de bens inmobles, xestión e realización das obras e dotación de

servicios e a súa posible explotación. Todas estas actividades poderán desenvolverse total ou parcialmente mediante a participación da dita sociedade pública, suxeita sempre á Lei de patrimonio da Xunta de Galicia ou calquera outra disposición que sexa aplicable polo carácter de empresa pública da sociedade, en sociedades de obxecto idéntico ou análogo.

Nas súas actuacións haberá de respecta-los principios de publicidade e concorrencia propios da contratación administrativa».

«Artigo 9º.-O Consello de Administración.

O Consello de Administración estará formado por un número de membros non inferior a cinco nin superior a nove.

Formarán parte do Consello de Administración ademais do presidente e do vicepresidente, dous conselleiros en representación da Consellería de Economía e Facenda, un en representación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, un en representación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e outro en representación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural que serán designados pola xunta xeral.

Así mesmo, a xunta xeral poderá designar como conselleiro o director xerente.

O Consello de Administración renovarase cada cinco anos, podendo os seus membros ser reelixidos unha ou máis veces por períodos de igual duración. Co obxecto de establecer un sistema de renovación parcial do consello, cesarán ós tres anos a metade máis un dos primeiramente designados, determinándose por sorteo os conselleiros ós que corresponda cesar».

«Artigo 11º.-Facultades do consello.

A representación da sociedade en xuízo e fóra del correspóndelle ó Consello de Administración, tendo facultades para contratar en xeral, realizar toda clase de actos e negocios de ordinaria ou extraordinaria administración e de rigoroso dominio, respecto de toda clase de bens, mobles, inmobles, diñeiro, valores mobiliarios e efectos de comercio, sen máis excepción cá daqueles asuntos que sexan competencia doutro órgano ou non estean comprendidos no obxecto social e cos requisitos e limitacións que normativamente lle resulten aplicables pola súa condición de sociedade pública.

A título enunciativo e non limitativo enuméranse as seguintes facultades:

a) Representa-la sociedade fronte a toda clase de oficinas das administracións públicas, xulgados e autoridades de calquera clase e xerarquía e actuar en forma como representante legal da sociedade.

b) Dirixi-lo persoal, nomeando e separando empregados, fixando as súas retribucións ou soldos e gratificacións.

c) Transixir e comprometer en árbitros, xa sexa a arbitraxe de dereito ou de equidade.

d) Realizar toda clase de operacións bancarias, sen limitación ningunha, e en consecuencia, constituír e retirar depósitos e consignacións, abrir, seguir, cancelar e liquidar contas correntes e de crédito en toda clase de bancos, incluso o Banco de España, caixas de aforro e outros establecementos, con ou sen garantías, baixo toda clase de condicións; librar, aceptar, endosar, descontar, garantir, cobrar e negociar letras de cambio, obrigas de pagamento, cartas, ordes, cheques, facturas e outros documentos de xiro; contratar empréstitos, préstamos e anticipos con ou sen interese, con ou sen garantía, xa sexa persoal, peñor, hipoteca, anticreses e outras garantías baixo toda clase de condicións.

e) Realizar e outorgar compras, vendas, permutas, transaccións, cesións, opcións, alugueiros, subarrendos, traspasos e calquera outras adquisicións e alleamentos de bens mobles e inmobles, establecer, exercitar e renunciar dereitos de tanteo, retracto e accións con condicións suspensivas, resolutorias e rescisorias. Realizar agrupacións, segregacións e divisións de predios, facer declaracións de obra nova e melloras, división horizontal de edificios, rectificar lindeiros, acomoda-la situación rexistral á realidade física, establece-lo réxime de propiedade horizontal, e en xeral, realizar nos inmobles toda clase de actos suxeitos a inscrición, anotación ou nota marxinal, solicitando a súa práctica ou a súa cancelación, e para todo iso poder insta-la tramitación de toda clase de expedientes, incluso o de dominio e o de liberación de cargas, outorgando cantos documentos públicos ou privados sexan necesarios para tal fin.

f) Aceptar, ratificar, pospoñer ou subrogar, dividir, ampliar ou reducir, constituír e cancelar total ou parcialmente hipotecas, censos, servidumes, fianzas e depósitos, incluso na Caixa Xeral de Depósitos, embargos, anotacións preventivas e outros gravames e obrigas de calquera natureza e renunciar a toda clase de privilexios e accións mediante pagamento.

g) Asistir e intervir en poxas de obras públicas ou privadas e concursos xudiciais e extraxudiciais, así como concursos poxa, presentando proposicións, constituíndo e alzando fianzas e subscribindo escritos públicos ou privados se fose a sociedade a adxudicataria e concertar e contratar directamente co Estado, provincia, municipio, organismos autónomos, comunidades autónomas e entidades de toda clase.

h) Subscribi-lo Convenio Marco entre a Sociedade e a Xunta de Galicia e propoñe-los plans económicos-financeiros correspondentes ós encargos de obras, aproba-los convenios específicos coas consellerías, organismos autónomos e sociedades públicas da Comunidade Autónoma así como o Manual de Procedemento Interno da Sociedade, os pregos de cláusulas particulares que deban rexe-la contratación das obras ou a prestación de servicios, sen prexuízo da súa aprobación polo mandante cando

sexa preceptivo, o inicio da licitación das obras e servicios así como a súa adxudicación por proposta da mesa de contratación.

Esta relación de atribucións non é limitativa senón explicativa da función executiva.

O Consello de Administración poderá delegar nos seus membros todas ou parte das facultades legalmente delegables, nomear un ou varios conselleiros delegados e revogar delegacións. Todo iso sen prexuízo dos apoderamentos que, se é o caso, poida conferi-lo director xerente».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda