Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 14 de agosto de 2002 Páx. 12.430

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CALDAS DE REIS

ANUNCIO.

A Comisión de Goberno, en sesión extraordinaria de data 11 de xuño de 2002, acordou convoca-lo I premio xornalístico Máximo Sar, e aproba-las bases reguladoras desta convocatoria, que literalmente din:

Bases do I premio xornalístico Máximo Sar:

O Concello de Caldas de Reis, co obxecto de estimula-la publicación de traballos xornalísticos que traten sobre os diversos aspectos do municipio, convoca o I premio xornalístico Máximo Sar.

Primeira.-Poderán optar ó premio tódalas persoas, de calquera idade e calquera que sexa a súa nacionalidade, podendo presentar cada persoa un número ilimitado de traballos.

Segunda.-Os traballos terán que saír publicados ó longo do ano 2002 en calquera medio de comunicación do estado español, sexa prensa escrita, radio, televisión ou Internet.

Terceira.-Os traballos poderán adopta-la forma de artigo, reportaxe, ou calquera outro modelo ou forma xornalística.

Cuarta.-Os traballos tratarán en toda a súa extensión sobre aspectos do municipio relacionados coa cultura, urbanismo, ambiente, gastronomía, historia, etc.

Quinta.-Os traballos poderán presentarse ó longo de todo o ano no rexistro do Concello de Caldas de Reis, polo propio autor, por terceira persoa ou de oficio polo propio Concello, ata o día 15 de xaneiro de 2003.

Sexta.-Os traballos presentaranse facendo consta-lo nome do medio en que foi publicado, sección e data de difusión. Tamén deberá incluí-lo nome e apelidos, enderezo e teléfono de contacto do autor do traballo.

Séptima.-O xurado estará presidido por Maximino Rodríguez Buján, Máximo Sar, e serán vocais os membros da Comisión informativa de Cultura do Concello de Caldas de Reis, todos con voz e voto, facendo de secretario o presidente da devandita comisión.

Oitava.-O xurado decidirá os premios antes do día 31 de marzo do ano 2003, podendo quedar deserto calquera dos premios.

Novena.-Este concurso consta de dous premios:

Primeiro premio: 600 euros.

Segundo premio: 300 euros.

Décima.-O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do IRPF.

Undécima.-A decisión do xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases, así como canta decisión adopte o Concello de Caldas de Reis para que poidan ser interpretadas e aplicadas.

Duodécima.-O Concello reserva para si o dereito de reproducir e dar coñecemento á opinión pública das propostas premiadas na forma que considere oportuna.

Décimo terceira.-Os traballos non premiados poderán retirarse no Concello a partir do día seguinte da entrega dos premios.

Caldas de Reis, 8 de xullo de 2002.

O alcalde

Rubricado