Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 14 de agosto de 2002 Páx. 12.384

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 29 de xullo de 2002 pola que se establecen os procedementos de información en materia de calidade da subministración eléctrica e se crea a Comisión de Seguimento da Calidade do Servicio Eléctrico de Galicia.

O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica establece no seu artigo 104 que «o distribuidor deberá dispoñer dun sistema de rexistro de incidencias de acordo co procedemento de medida e control da continuidade da subministración e da calidade do producto» que lle permita determina-la afectación das incidencias de continuidade da subministración das súas redes con todos e cada un dos consumidores conectados a elas en tódalas súas zonas de distribución. O prazo máximo de implantación será dun ano desde a aprobación deste.

Pola súa parte, o artigo 108.3º do real decreto mencionado establece que as empresas distribuidoras «deberán dispoñer dun procedemento de medida e control da continuidade da subministración e a calidade do producto, homoxéneo para tódalas empresas e auditable. Este procedemento será presentado de maneira conxunta polas empresas distribuidoras para a súa aprobación polo Ministerio de Economía, logo do informe da Comisión Nacional de Enerxía, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor do presente real decreto».

Así mesmo por, orde ECO/797/2002 foi aprobado o procedemento de media e control da continuidade da subministración eléctrica.

Polo exposto, tendo en conta que o artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, e o artigo 3.3º da Lei 54/1997, reguladora do sector eléctrico, determinan a competencia autonómica no desenvolvemento e execución da normativa básica estatal.

DISPOÑO:

Capítulo I

Procedemento de información

Artigo 1º

As empresas distribuidoras de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia deberán dispoñer dun sistema de información que permita o acceso por vía telemática á información que o Real decreto 1955/2000 e a orde ECO/797/2002, obrigan a dispoñer por parte das ditas empresas.

O dito acceso quedará restrinxido ó persoal funcionario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia que expresamente autorice o conselleiro de

Industria e Comercio. A información dispoñible será tal que se respecten os principios establecidos na Lei de protección de datos.

Artigo 2º

Con periodicidade trimestral as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia deberán remitir un informe por comarcas, sobre a continuidade da subministración eléctrica coa información que esixe o punto 16 «modelo de informe» do anexo da orde ECO/797/2002.

A dita información deberá permiti-la elaboración dos índices de calidade zonal TIEPI, percentil 80 do TIEPI e NIEPI, e será difundida pola Consellería de Industria e Comercio e estará dispoñible na páxina web da dita consellería.

Artigo 3º

No suposto de incumprimento das obrigas reguladas nesta orde haberá que aterse ó disposto no título X «sobre infraccións e sancións» da Lei 54/1997.

Capítulo II

Comisión de seguimento da calidade

da subministración eléctrica

Artigo 4º

Créase a Comisión de Seguimento da Calidade da subministración eléctrica en Galicia coa seguinte composición:

Presidente:

* O director xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Secretario:

* Un funcionario da Consellería de Industria e Comercio.

Vocais:

* O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

* O director de Área de Enerxías Convencionais do Inega.

* Un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio.

* Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

* Seis representantes das compañías distribuidoras.

* O presidente do Instituto Galego de Consumo.

* O presidente do Consello Galego de Consumidores.

A dita comisión reunirase polo menos unha vez ó ano e elevará ó conselleiro de Industria e Comercio un informe anual sobre a calidade da subministración eléctrica en Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-O acceso por vía telemática disposto no artigo 1º deberá estar dispoñible no prazo estable

cido polo artigo 104 do R.D. 1955/2000 en relación coa orde ECO/797/2002.

Segunda.-A periodicidade trimestral regulada no artigo 2º comezarase a computar a partir do 15 de setembro de 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Industria Enerxía e Minas para dicta-las disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor unha vez transcorrido un mes desde a súa publicación.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA