Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 06 de agosto de 2002 Páx. 12.029

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 17 de xullo de 2002 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Universitario de Ferrol.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Universitario de Ferrol, con domicilio en Narón (A Coruña).

Supostos de feito.

1. Leopoldo Ibáñez Santiago, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 12 de xuño de 2002, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ferrol, o día 30 de maio de 2002, ante o notario Manuel Aceituno Pérez, co número seiscentos dezaoito do seu protocolo, por María Enriqueta Boutureira Vilariño, Leopoldo Ibáñez Santiago, María José López Díaz, Ángel Antonio Gárate Roca, Juan José Fernández García, Francisco Manuel Pita-Romero Caamaño e Antonio Viqueira Pérez; interveñen María Enriqueta Boutureira Vilariño, en nome e representación do Club Universitario de Ferrol, os demais comparecentes no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é promover, desenvolver e impulsa-lo deporte, con especial atención á participación de mulleres, universitarios e minusválidos, así como procura-la inserción sociolaboral dos deportistas, unindo a cultura, a educación e a práctica deportiva para o desenvolvemento integral da sociedade e contribuír así á formación dunha xuventude máis sa desde o punto de vista persoal e social.

4. O padroado da fundación estará integrado por Leopoldo Ibáñez Santiago como presidente, María José López Díaz como vicepresidenta e Antonio Viqueira Pérez como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación, como benéfico-social, da Fundación Universitario de Ferrol, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de intese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto leais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 16 de xullo de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Universitario de Ferrol e adscribila á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia Relacións

Institucionais e Administración Pública