Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 05 de agosto de 2002 Páx. 11.997

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2002, da Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade, pola que se fixa o prazo para a presentación de solicitudes para a realización de convenios de reserva e ocupación de prazas en centros residenciais e vivendas tuteladas para maiores e se establecen os prezos máximos de praza/día.

O Decreto 306/2001, do 15 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Asuntos Sociais como órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de política de servicios sociais.

Pola súa banda, o Decreto 310/2001, do 17 de decembro e o Decreto 402/2001, do 28 de decembro, de estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, crean a Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade como órgano superior da citada consellería.

A Orde do 16 de maio de 1995, modificada pola Orde do 8 de xullo de 2002, pola que se regula o establecemento de convenios de colaboración en materia de reserva e ocupación de prazas en centros residenciais e vivendas tuteladas para a terceira idade, establece a posibilidade de que estas poidan ofertar prazas para a súa reserva e ocupación, logo da sinatura do correspondente convenio.

A mesma orde no artigo 8.2º sinala que a Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade fixará anualmente o prazo para presentar solicitudes por parte das entidades interesadas na subscrición dos citados convenios, e o seu artigo 6 sinala que esta dirección xeral establecerá o custo máximo da praza/día ocupada.

Por todo isto, en uso das facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro.-O prazo para presentar solicitudes para a formalización dos convenios ós que se refire a Orde do 16 de maio de 1995, modificada pola Orde do 8 de xullo de 2002, será de catro meses desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo.-O custo máximo por praza/día ocupada nos centros/vivendas cos que a Consellería de Asuntos Sociais estableza convenios de reserva e ocupación de prazas durante o ano 2002 serán os seguintes:

-Prazas de persoas válidas: 23,30 euros/día.

-Prazas de persoas asistidas: 42,70 euros/día.

Terceiro.-As obrigas contraídas pola consellería para o financiamento das prazas conveniadas serán con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.212.B.262, para a que se establece un crédito inicial de 44.972,61 euros.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2002.

Armando González López

Director xeral do Maior e de Persoas

con Discapacidade