Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 05 de agosto de 2002 Páx. 11.994

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cristalería Coca, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Cristalería Coca, S.L., con nº de código 3603402, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-6-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polo delegado de persoal, con data do 10-6-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de xuño de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Cristalería Coca, S.L.

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regulará as relacións laborais entre a empresa Cristalería Coca, Sociedad Limitada e tódolos traballadores que presten servicios nela, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio colectivo terá unha duración de dous anos, contados desde o 1 de xaneiro de 2002 e finalizando o seu efecto o 31 de decembro de 2003, con independencia da súa data de publicación no boletín oficial correspondente.

Artigo 3º.-Denuncia.

O convenio queda automaticamente denunciado ó finaliza-la súa vixencia, comprometéndose ámbalas partes a iniciaren a negociación do novo convenio un mes antes do seu remate.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente (ad personam).

Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas implantadas pola empresa que significarán condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico, indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Para vixia-lo cumprimento do convenio e co fin de interpretalo cando proceda, constitúese unha comisión mixta paritaria formada por un representante dos traballadores e outro da empresa.

Capítulo II

Tempo de traballo

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A duración da xornada ordinaria de traballo será de corenta horas semanais de traballo efectivo de media en cómputo anual.

A empresa poderá distribuí-la xornada establecida no parágrafo anterior durante o ano, mediante criterios de fixación uniforme ou irregular. Afectará a uniformidade ou irregularidade, a todo ou parte do cadro de persoal da empresa, en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda. En todo caso, a distribución irregular da xornada respectará os períodos de descanso diario e semanal previstos no Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de trinta días naturais de vacacións.

Sempre que o permitan as necesidades do servicio, o traballador poderá fracciona-las súas vacacións tantas veces como desexe.

Establécese como período preferente para o desfrute das vacacións o comprendido entre o un de xuño e o trinta de setembro.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

A empresa concederalle ó persoal, logo do aviso e xustificación, permiso retribuído nos casos seguintes:

a) Matrimonio: quince días.

b) Nacemento de fillo: tres días.

c) Falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: tres días. Se cómpre desprazamento: catro días.

d) Traslado de domicilio habitual: un día.

e) Cumprimento de deberes públicos: polo tempo imprescindible.

f) Realización de funcións sindiciais ou de representación do persoal: nos termos establecidos legalmente.

g) Realización de exames prenatais e técnicas de preparación de parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo: o tempo indispensable.

h) Lactación de fillo menor de nove meses: unha hora de ausencia ó traballo, que se poderá dividir en dúas fraccións, ou reducción da xornada en media hora coa mesma finalidade.

i) Coidado directo dun menor de 6 anos ou diminuído físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe actividade retribuída: reducción da xornada de traballo con diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

j) Coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo, que non desempeñe actividade retribuída: reducción da xornada de traballo con diminución proporcional do salario entre, polo menos un tercio, e un máximo da metade da duración daquela.

k) Por asuntos propios: un día.

l) O persoal que precise asistir a consultorio médico en horas coincidentes coa xornada de traballo disporá do tempo preciso para iso.

Artigo 10º.-Día da empresa.

Acórdase considerar como día festivo para todo o persoal da empresa a tarde do 29 de setembro.

Artigo 11º.-Noiteboa e ano vello.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito ó desfrute do descanso as tardes dos días 24 e 31 de decembro.

Capítulo III

Estructura do salario

Artigo 12º.-Retribucións.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa anexa I para o ano 2002.

Para o ano 2003 aplicaranse as retribucións consignadas na táboa anexa II, que representa un incremento do 3% respecto á táboa do ano 2002.

Artigo 13º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 2002 un incremento respecto do 1 de xaneiro, superior ó incremento salarial para o ano 2002, efectuarase unha revisión salarial do exceso sobre a dita porcentaxe.

Artigo 14º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte, que será aboado por día efectivo de traballo, nas contías seguintes:

Do 1-1-2002 ó 31-12-2002: 2,82 euros.

Do 1-1-2003 ó 31-12-2003: 2,90 euros.

Artigo 15º.-Axudas de custo e desprazamentos.

As axudas de custo para o persoal que, en razón de métodos da organización de empresa, deba efectuar saídas, quedan establecidas do seguinte xeito:

Ano 2002Ano 2003

Axuda de custo completa32,5133,49

Media axuda de custo13,2613,39

Nos desprazamentos que se efectúen en coche propio aboarase a cantidade de 0,17 euros/km para o ano 2002 e de 0,18 euros/km para o ano 2003.

Artigo 16º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro polo importe dunha mensualidade cada unha delas, calculadas sobre o salario que se fixa na táboa anexa correspondente.

O ano enténdese dividido en dous semestres naturais. O primeiro corresponde á gratificación de xullo, e o segundo á de Nadal.

Artigo 17º.-Paga de beneficios.

A empresa aboaralles ós traballadores unha paga extra anual de nominal de beneficios. A súa contía será dunha mensualidade calculada sobre o salario que se fixa na táboa anexa correspondente. A dita paga extra seralles aboada ós traballadores durante o primeiro trimestre do ano seguinte. A gratificación aboarase en proporción ó tempo traballado nos doce meses inmediatamente anteriores á data do seu aboamento.

Capítulo IV

Prestacións sociais

Artigo 18º.-Incapacidade temporal.

Complemento de prestación de incapacidade temporal: a empresa complementará a prestación económica por incapacidade temporal ata o cento por cento do salario base do traballador nos seguintes casos e durante o tempo que se indica para cada un:

a) IT: derivada de accidente profesional ou enfermidade profesional; desde o primeiro día e ata a alta médica.

b) IT: derivada de accidente non laboral ou enfermidade común; con hospitalización, desde o primeiro día cun máximo de catro meses.

Artigo 19º.-Indemnizacións.

Establécense as seguintes indemnizacións para tódolos traballadores afectados por este convenio:

a) No caso de morte derivada de enfermidade común ou accidente non laboral: o importe dunha mensualidade de tódolos conceptos das táboas do convenio aplicable vixentes en cada momento.

b) No caso de morte, incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez, derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional: 37.564,26 euros.

c) No caso de incapacidade permanente total, derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional: 6.310,63 euros.

Nos supostos de morte, as indemnizacións establecidas aboaranse á viúva ou beneficiarios do traballador segundo as normas da Seguridade Social.

Estas indemnizacións terán vixencia desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro dos anos respectivos.

Artigo 20º.-Recoñecementos médicos.

A empresa virá obrigada a realizarlles recoñecementos médicos periódicos a tódolos traballadores ó seu servicio, alomenos unha vez ó ano.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o seu persoal das axeitadas roupas de traballo. O persoal recibirá dúas fundas por ano ou roupa similar. A primeira funda será entregada o 1 de xaneiro de cada ano e a outra a primeiros de xullo; é obrigatorio o seu uso para o persoal ó que se lle entreguen as devanditas roupas.

Capítulo V

Categorías profesionais

Artigo 22º.-Clasificación empresarial.

Persoal administrativo.

Xefe administrativo: é aquel empregado que, provisto ou non de poder, ten a responsabilidade directa da oficina da empresa. Dependen del as diversas seccións administrativas ás que imprime unidade.

Oficial de 1ª: é aquel empregado que actúa ás ordes dun xefe, se o houber, e que ten un servicio determinado ó seu cargo, dentro do cal exerce iniciativa e posúe responsabilidade con ou sobre outros empregados ás súas ordes, realizando traballos que requiren cálculo, estudio, preparación ou condicións axeitadas.

Considéranse incluídos nesta categoría os contables que leven eles sós a contabilidade.

Oficial de 2ª: é o empregado que con iniciativa e responsabilidade restrinxida e subordinada a un xefe ou a un oficial de primeira, se o houber, realiza traballos de carácter auxiliar ou secundario que só esixen coñecementos xerais da técnica administrativa.

Auxiliar: é o empregado que se dedica a operacións elementais administrativas e, en xeral, ás puramente mecánicas e inherentes ó traballo da oficina ou despacho.

Especialistas de industria.

Encargado: é o empregado que, ás ordes dun técnico ou xerente, reúne condicións prácticas para dirixir un grupo de profesionais ou peóns nos seus labores.

Oficial de 1ª: é o empregado que, unha vez realizada a aprendizaxe coa debida perfección e adecuado rendemento, executa, con iniciativa e responsabilidade, todas ou algunha das tarefas propias deste, con productividade e resultados correctos, coñecendo as máquinas, os útiles e ferramentas que teña ó seu cargo para coidar da súa normal eficacia, engraxamento e conservación, poñendo en coñecemento dos seus superiores calquera desperfecto que observe e que poida diminuí-la productividade.

Oficial de 2ª: é o empregado que realiza os mesmos cometidos asignados ó oficial de 1ª, cun rendemento ou grao de especialización menor ca este.

Oficial de 3ª: é o empregado que axuda á realización das tarefas encomendadas ós oficiais de 1ª e 2ª.

Peón especialista: os dedicados a aquelas tarefas concretas e determinadas que, sen constituír un oficio, esixen sen embargo certa práctica e especialidade.

Peón: é o empregado encargado de executar labores para a realización das cales se require predominantemente a achega de esforzo físico. Poden presta-los seus servicios indistintamente en calquera servicio ou centro de traballo.

Capítulo VI

Outros acordos

Artigo 23º.-Seguridade e saúde laboral.

Delegado de prevención: observarase o establecido pola lexislación vixente.

Formación: a empresa facilitará as horas precisas para a formación do delegado de prevención.

Así mesmo, a empresa procurará impartir formación, ben por si mesma ou por medios externos, a tódolos traballadores, en materia de seguridade e prevención de riscos laborais.

Artigo 24º.-Dereitos da muller traballadora.

Non haberá discriminación por razón de sexo en materia de retribución, xornada laboral e demais condicións de traballo.

Artigo 25º.-Comisión negociadora.

Este convenio foi negociado na representación da empresa por Agustín Bartolomé Domínguez, e dos traballadores, polo delegado de persoal, Evaristo Rodríguez Figueroa.

ANEXO I

Táboa salarial ano 2002

CategoríasEuros

Persoal administrativo

Enxeñeiros e licenciados947,27
Enxeñeiros técnicos889,15
Xefe administrativo803,18
Oficial de 1ª716,08
Oficial de 2ª660,12
Auxiliar624,29

Especialistas de industria

Encargado de almacén706,59
Oficial 1ª659,83
Oficial 2ª624,27
Oficial 3ª572,59
Peón especialista558,01
Peón542,52
AprendizSMI

ANEXO II

Táboa salarial ano 2003

CategoríasEuros

Persoal administrativo

Enxeñeiros e licenciados975,69
Enxeñeiros técnicos915,82
Xefe administrativo827,26
Oficial de 1ª737,57
Oficial de 2ª679,92
Auxiliar643,01

Especialistas de industria

Encargado de almacén727,79
Oficial 1ª679,31
Oficial 2ª643
Oficial 3ª589,77
Peón especialista574,75
Peón558,80
AprendizSMI