Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 01 de agosto de 2002 Páx. 11.922

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 19 de xullo de 2002 pola que se regula a renovación da autorización de bancos e depósitos de sangue.

O Decreto 224/2002, do 20 de xuño, polo que se regula a hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia crea a Rede de hemodoazón e hemoterapia de Galicia, que actuará a tres distintos niveis: Centro de Transfusión de Galicia,

bancos de sangue hospitalarios e depósitos de sangue hospitalarios. A través destas unidades levaranse a cabo as distintas funcións da organización da hemoterapia, e en concreto, a obtención, preparación, conservación, almacenamento, tráfico e subministración do sangue e os seus compoñentes.

O gran incremento da actividade asistencial e a necesidade de cubrir tódalas necesidades dos hospitais galegos esixe unha organización hemoterápica eficaz que permita a promoción da doazón do sangue para acada-lo autoabastecemento mediante unha acción coordinada que aglutine tódolos medios humanos e materiais, públicos e privados, existentes na Comunidade Autónoma.

Por todo isto, os bancos e depósitos de sangue de Galicia quedan integrados na Rede de hemodoazón e hemoterapia da Galicia, unha vez sexan autorizados. Esta autorización levarase a cabo consonte o procedemento disposto no Decreto 77/2001, do 29 de marzo, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de marzo de 2001 que a desenvolve. Logo entón, dada a proximidade no tempo do procedemento recollido na devandita normativa reguladora de autorización de centros sanitarios, e en relación coa renovación dos bancos e depósitos de sangue, considérase axeitado simplificar e axiliza-los trámites do procedemento.

Por último, subliñar que, dado que o contido desta orde é aclaratorio do sentido no que debe ser interpretado o parágrafo 1º da disposición transitoria do Decreto 224/2002, e segundo a doutrina sinalada polo Tribunal Supremo respecto á retroactividade tácita das normas interpretativas e aclaratorias (entre outras, sentencias de 24 de maio de 1943, 23 de outubro de 1982 e 5 de xuño de 1996), a eficacia da presente orde retrotráese á entrada en vigor do devandito Decreto 224/2002.

En consecuencia, de acordo coas facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Sen prexuízo do disposto no artigo 6 do Decreto 224/2002, do 20 de xuño, (DOG nº 127, do 3 de xullo) polo que se regula a hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia, e para os efectos do establecido no parágrafo 1º da súa disposición transitoria, considerarase que os bancos e depósitos de sangue terán renovada a autorización mediante a obtención do correspondente informe técnico e a conseguinte acta de conformidade coa normativa de aplicación, que se levará a cabo de oficio no prazo de seis meses recollido na devandita disposición transitoria.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2002.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade