Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 31 de xullo de 2002 Páx. 11.900

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do parque arqueolóxico da arte rupestre de Campo Lameiro, sito no concello de Campo Lameiro (Pontevedra), promovido pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Antecedentes.

En aplicación do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, que establece a obrigatoriedade de someter a unha avaliación de impacto ambiental os proxectos deste tipo, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial do parque arqueolóxico da arte rupestre, no concello de Campo Lameiro (Pontevedra), de acordo coa tramitación establecida no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

O parque arqueolóxico sitúase no monte Paradela, entre os lugares de Paredes e Praderrei, nunha superficie de 218.720 m. O obxecto do proxecto é a instalación de infraestructuras que permitan pór en valor e difundi-la arte rupestre, construíndo un centro de interpretación e levando a cabo a recuperación paisaxística do ámbito do parque.

As características da intervención, en números aproximados, son:

-Centro de interpretación: 2.810 m.

-Aparcadoiro: 1.500 m.

-Área de reserva: 10% da superficie construída e aparcadoiro (431 m).

-Espacios libres: resto.

O ámbito do proxecto conforma unha meseta que remata nunha lomba elíptica, dentro da que se levantan varios pequenos outeiros, sendo as pendentes da maior parte da superficie suaves.

En data 8 de marzo de 2002 solicítase informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e o 11 de marzo de 2002 á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e a Augas de Galicia. O informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recíbese o

25 de marzo de 2002, o de Augas de Galicia o 16 de maio de 2002, e o da Dirección Xeral de Conservación da Natureza o 3 de xuño de 2002.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, o 25 de marzo de 2002 (DOG nº 59), mediante resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, someteuse a información pública o estudio de impacto ambiental do proxecto sectorial do parque arqueolóxico da arte rupestre (Campo Lameiro), non téndose constancia da presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Feita a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial do parque da arte rupestre (Campo Lameiro).

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No anexo I resúmese o proxecto e as medidas correctoras propostas.

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos, que foron tidos en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada polo promotor:

* Proxecto sectorial do parque arqueolóxico da arte rupestre (Campo Lameiro). Decembro 2001,

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á construcción do parque arqueolóxico da arte rupestre de (Campo Lameiro, Pontevedra), que se levará a cabo sobre unha superficie total de 218.720 m no monte Paradela.

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po e gases.

Adoptaranse as medidas descritas no estudio, para que os niveis de po, producidos fundamentalmente polos movementos de terras, se manteñan por debaixo dos limiares descritos no programa de vixilancia ambiental.

2.2. Sobre ruído e vibracións.

Os niveis de presión sonora nas vivendas máis próximas á zona de obras non poderán supera-los valores límite establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o establecido nas ordenanzas municipais, se é o caso.

3. Protección das augas.

3.1. Tal e como se indica no estudio, realizaranse os controis de calidade das augas segundo o indicado no Plan de Vixilancia Ambiental.

No caso dos amoreamentos de terra vexetal, e de calquera outro amoreamento que poida contamina-las augas ó seu paso a través deles, construiranse foxos de garda que eviten a entrada da auga de escorrega nestas zonas.

3.2. Cumprirase co estipulado no artigo 80 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

3.3. Deberase describi-lo sistema de tratamento de augas residuais e, se é o caso, o punto de vertedura, tanto durante obra como durante a vida útil do parque. Así mesmo, solicitarase a autorización de vertedura a Augas de Galicia.

3.4. Durante a construcción e na fase de explotación deberanse aplica-las medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de vertedura neles dos refugallos, no caso de que estes se producisen, prohibíndose o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite de maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos arroios afectados.

3.5. Na realización ou mellora de pistas e sendeiros colocaranse tantos pasos de auga como sexan necesarios para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo destas infraestructuras lineais.

4. Protección do solo.

4.1. Tal e como se di no estudio, retirarase e amorearase a capa de terra vexetal procedente de tódalas superficies que se vaian ocupar, incluídas as zonas de instalacións auxiliares. As moreas disporanse formando cordóns que non superen os 1,5 m de altura, e deberán facerse de forma que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica. Os vertedoiros permanentes e temporais de terras procedentes da escavación situaranse en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística e de pouco interese natural.

4.2. No caso de que o período de amoreamento da terra vexetal sexa superior a un ano, co fin de conserva-las propiedades da terra vexetal amoreada ata o momento da súa reposición, será preciso adopta-las medidas necesarias para o seu mantemento: regas periódicas, removido temporal (mínimo cada seis meses), achega de fertilizante mineral, e sementeiras a base de leguminosas a razón de 15 g/m con achega de mulch en cantidade suficiente para manter entre un 5 e un 6% de materia orgánica.

4.3. Esta terra vexetal mentres permaneza amoreada non poderá ser mesturada con ningún tipo de residuos ou entullo.

4.4. Os labores de mantemento, servicio e reparacións da maquinaria, así como o amoreamento de terra vexetal, efectuaranse nunha zona delimitada para o efecto, que se reflectirá no plano requirido no punto 8.1.4 da DIA, evitando derrames de aceites e combustibles. Esta zona estará impermeabilizada, ou pavimentada no caso de que sexa o pavimento definitivo.

O promotor deberá contar con documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos, segundo o Decreto 298/2000, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

4.5. Os residuos xerados nestas tarefas xestionaranse conforme a súa natureza. Os aceites e outros residuos perigosos que se poidan producir deberán ser recollidos en contedores axeitados e entregados a un xestor autorizado, segundo o exposto no Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos. En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor, estes contedores almacenaranse nun lugar debidamente sinalizado e localizado no plano requirido no punto 8.1.4 da DIA.

4.6. Extremarase a precaución no caso de utilización de herbicidas para o control de vexetación invasora, preferíndose o emprego doutros sistemas de eliminación nas zonas sensibles.

5. Protección da fauna e vexetación.

5.1. A eliminación da vexetación das áreas que se van alterar será sempre mediante sistemas de roza.

5.2. Respectarase a vexetación arbórea de especies autóctonas para alcanzar unha maior calidade da paisaxe no lugar das actividades.

5.3. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

5.4. Deberanse inicia-las obras de retirada de vexetación en épocas que non coincidan coa tempada de cría.

6. Protección do patrimonio.

6.1. Tendo en conta o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, non se impón ningunha condición no que respecta á protección do patrimonio.

7. Restauración e revexetación.

7.1. Procederase á restauración de tódalas superficies alteradas ou creadas como consecuencia da construcción, de acordo co indicado nesta DIA e no estudio de impacto ambiental presentado. Na restauración vexetal empregaranse especies autóctonas.

7.2. Procederase á rega regular, ó fertilizado mineral de reforzo anual e á resementeira daquelas superficies nas que se observe a presencia de calvas,

ata que se asegure a viabilidade da revexetación. Así mesmo, procederase á reposición de marras.

7.3. Tódalas plantas e sementes que se van empregar reunirán as condicións suficientes de pureza, potencia xerminativa e ausencia de pragas e enfermidades que garantan o éxito da revexetación.

7.4. O desmantelamento das instalacións auxiliares levarase a cabo antes de inicia-los labores de revexetación final proxectadas nesa zona.

7.5. Unha vez rematados os traballos de restauración, procederase á restauración das vías interiores xunto cos seus correspondentes foxos, no caso de que non sexan viais definitivos.

8. Documentación adicional.

8.1. Nun prazo máximo dun (1) mes desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará ante esta dirección xeral dúas (2) copias da seguinte documentación:

8.1.1. Plano en planta, a escala 1:5000 e dotado de coordenadas UTM, no que se localice a zona destinada a reparación, mantemento e servicio da maquinaria e a zona destinada a almacenamento de residuos.

8.1.2. Descrición do sistema de tratamento de augas residuais.

8.1.3. Resultados da campaña o do Plan de Vixilancia Ambiental.

Esta documentación remitiráselle a esta dirección xeral para a valoración e, se procede, imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven.

9. Programa de vixilancia ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e do condicionado desta declaración. Este programa permitirá detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, permitindo determinar e cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 10.13 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle a esta dirección xeral tres (3) copias de:

9.1. Durante a fase de obras:

9.1.1. Mensualmente: cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte mes.

9.1.2. Trimestralmente: memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental proposto, xunto co cronograma actualizado das obras, no que se inclúa o desenvolvemento dos traballos de restauración. Indica

ranse e xustificaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

No caso de xerarse algún informe especial, remitirase coa maior brevidade posible a esta dirección xeral.

10. Condicións adicionais.

10.1. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural comunicaralle a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras, como mínimo con 48 horas de antelación.

10.2. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito, poderase proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

10.3. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte dos promotores, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

10.4. As condicións sinaladas na presente DIA son de obrigado cumprimento para os promotores. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan na presente declaración de impacto ambiental.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral ó efecto.

10.5. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberán designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

10.6. Calquera cambio no proxecto obxecto desta declaración deberalle ser comunicado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e emitirá informe sobre se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

10.7. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

10.8. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2002.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto localízase no monte Paradela, entre os lugares de Paredes e Praderrei, pertencentes ó termo municipal de Campo Lameiro, ocupando unha superficie de 218.720 m.

O proxecto de execución comprende a realización das seguintes actuacións e dotacións:

-Centro de interpretación e documentación: 2.810 m.

-Aparcadoiro: 1.500 m.

-Área de reserva en previsión de crecemento: 10% da superficie construída e aparcadoiro.

-Espacios libres: resto de superficie.

Resumo de medidas correctoras

* Emisións de po: rega-las superficies denudadas no estío.

* Destrucción do solo por ocupación, erosión ou perda de fertilidade:

-Construcción:

-Os amoreamentos de terra vexetal realizaranse cunha altura máxima de 1,5 m acaroados ás zonas de escavación e nos bordos das vías.

-Realizarase o seu mantemento de xeito que se garanta a conservación das súas propiedades edáficas e grao de humidade.

-Os materiais mobilizados estabilizaranse inmediatamente e situaranse en áreas chás para evita-los escorregamentos ladeira abaixo ou cara a cursos de auga.

-A gabia recubrirase con materiais procedentes da escavación. En todo caso realizarase a revexetación de tódalas zonas denudadas ou que recibisen achegas, incluíndo os noiros pedregosos.

-Minimiza-la superficie ocupada polas instalacións temporais necesarias durante a fase de construcción.

-Minimiza-la compactación en zonas non afectadas inicialmente polas instalacións permanentes ou temporais de xeito directo, pero que serán empregadas para a manobra de maquinaria.

-Realizarase un control e vixilancia continuados dos labores de obra, así como un plan de seguimento e vixilancia ambiental, que se iniciará ó tempo que se executen os labores de obra civil.

-Realizarase un control de eficacia, para verificar que as medidas correctoras propostas son suficientes.

* Alteracións da rede hidrográfica: cando se realicen movementos de terra ou outras tarefas de obra civil será imprescindible evitar que provoque cambios nos fluxos naturais das augas de escorrega, nin dificulten a súa liberación.

* Alteración da calidade das augas: tomaranse mostras de auga previamente ó inicio das obras, mensualmente durante a execución da obra, e a intervalos moito maiores despois da finalización das obras.

* Paisaxe:

-Traslado do campo de fútbol.

-Reacondicionamento paisaxístico do terreo non ocupado polo Centro de Interpretación.

-Traslado dos depósitos de auga Laxe dos Cabalos.

-Ocultación e traslado de entullo do depósito Fonte da Pena Furada.

-Derruba dun transformador.

-Restitución topográfica orixinaria da torre de telefonía móbil.

-Supresión e redeseño da cartelería.

-Replanteo de pistas e camiños.

-Supresión e restitución topográfica orixinaria das devesas.

-Control e ordenación da vexetación.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas.

* A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable do estudio de impacto ambiental do proxecto sectorial do parque arqueolóxico da arte rupestre (Campo Lameiro).

* O Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, no seu informe indica:

-Conclúese que dado que tódalas actuacións se realizan nunha zona de transformacións previas que demostraron ser compatibles co correcto funcionamento da rede hidrográfica, proponse un cambio de uso que en principio non producirá modificacións na rede hidrográfica, non formulándose polo tanto medidas correctoras no estudio achegado.

-Durante a construcción e na fase de explotación deberanse ter en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de vertedura neles dos refugallos, no caso de que estes se produciren, prohibíndose o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite de maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos arroios afectados.

-A calidade das augas manterase en niveles óptimos, de tal xeito que, trala construcción do parque,

a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

-A futura autorización deberá reflectir que esta se axustará ó Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

-En definitiva, considérase que a instalación do citado parque non produce alteracións importantes en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre que se cumpran as especificacións citadas no presente informe.

-No caso de que se precisase do uso regular da auga para o seu normal funcionamento, ou se producisen verteduras ou captacións debido ó Centro de Interpretación e Documentación, será obrigatoria a obtención da autorización de vertedura, captación ou cruzamento.

* A Dirección Xeral de Conservación da Natureza indica no seu informe o seguinte:

-Non existe ningún espacio natural protexido no ámbito das obras proxectadas.

-Establecerase a recollida, almacenamento, conservación e/o xestión da terra/area afectada polas obras. Os vertedoiros permanentes e temporais de terras procedentes da escavación situaranse en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística e de pouco interese natural.

-Evitarase depositar residuos ou productos sólidos en zonas onde as escorregas de augas produzan arrastres a ríos ou regos coa conseguinte contaminación de augas continentais. Por conseguinte, en todo momento as augas susceptibles de seren afectadas polas obras cumprirán o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima esixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

-Deberá extremarse a precaución no caso da utilización de herbicidas para o control de vexetación invasora, preferíndose a utilización doutros sistemas de eliminación naquelas zonas sensibles.

-Delimitarase correctamente o terreo que van ocupa-los labores do proxecto, co fin de diminuí-la perda innecesaria e a alteración de formacións vexetais polo tráfico de maquinaria. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo.

-Intentarase respecta-la vexetación arbórea de especies autóctonas para alcanzar unha maior calidade da paisaxe no lugar das actividades. As zonas denudadas revexetaranse con especies autóctonas e preferentemente por medios manuais.

-Na realización ou mellora de pistas e sendeiros colocaranse tantos pasos de auga como sexan necesarios para non influír nos ecosistemas naturais situados por abaixo destas infraestructuras lineais. Tamén se evita a erosión producida sobre estas infraestructuras, e diminúese o arrastre de materiais ós cursos de auga.

-Tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar derrames accidentais dos tanques de almacenamento de productos como aceites, graxas e carburantes de motores.

-Integración estética ó medio das obras que se van executar, minguando o impacto visual e paisaxístico.

-Deberanse inicia-las obras de retirada de vexetación en épocas que non coincidan coa tempada de cría.

-Durante a execución do proxecto se se chegara a producir calquera afección ó medio, tomaranse inmediatamente as medidas necesarias para reduci-lo dano ocasionado, comunicándoo canto antes ó Servicio Provincial de Conservación da Natureza, quen decidirá sobre a conveniencia da solución que se vai adoptar, así como as actuacións precisas para corrixi-los efectos provocados.