Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 29 de xullo de 2002 Páx. 11.774

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

DECRETO 244/2002, do 11 de xullo, polo que se regula a Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza.

A Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, regula no seu artigo 53 a creación, composición e funcións da Comi

sión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza, como órgano encargado da elaboración e elevación de propostas ó Consello da Xunta de Galicia sobre medidas xerais que favorezan a remoción de cantos atrancos impidan ou dificulten a integración social das persoas máis desfavorecidas, a través dunha actuación integrada e multisectorial dos diversos departamentos da Xunta de Galicia.

Así mesmo correspóndelle o estudio e aprobación previa, se é o caso, de programas integrados de erradicación da pobreza, que poidan propoñe-las diversas instancias do sistema público de servicios sociais ou as asociacións e outras entidades de iniciativa social, para a súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia; a estimación dos gastos que xeren as medidas propostas; a súa distribución entre as distintas consellerías implicadas e a elevación ó Consello da Xunta de Galicia da proposta de inclusión destes no proxecto de orzamentos para o exercicio correspondente.

Finalmente, terá atribuída a función de avaliación das medidas adoptadas, o seguimiento da súa aplicación e as propostas das necesarias modificacións, así como solicitar e recibir dos órganos competentes da Xunta de Galicia canta información sexa precisa para o desempeño das súas funcións.

O artigo 55 establece que a Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza estará integrada por representantes de tódalas consellerías da Xunta de Galicia, designadas polos seus titulares de entre os altos cargos do seu departamento.

A súa presidencia correspóndelle ó presidente da Xunta de Galicia, sendo o seu vicepresidente o titular da consellería competente en materia de servicios sociais.

Por outra banda, con data de 2 de maio de 2002 foi constituída formalmente a comisión, quedando designados os representantes das distintas consellerías, do mesmo xeito que que o titular da secretaría da comisión. En consecuencia, faise preciso proceder á regulación do seu funcionamento, órganos e réxime de traballo, co fin de que poida levar a cabo as funcións previstas no artigo 54 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, anteriormente referenciada.

Por todo isto, e por proposta da Consellería de Asuntos Sociais, en virtude das competencias que en materia de asuntos sociais lle atribúe o Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xullo de dous mil dous

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza estará composta por un total de 17 membros:

Presidente: o presidente da Xunta de Galicia.

Vicepresidente: o/a titular da consellería competente en materia de asuntos sociais.

Vocais: os representantes, con categoría de secretario xeral ou director xeral, de cada unha das Consellerías da Xunta de Galicia, designados polos respectivos conselleiros.

Secretario: o director xeral de Servcios Comunitarios e Inclusión Social da Consellería de Asuntos Sociais.

Por cada membro titular nomearase tamén un suplente, que no caso da vicepresidenta será o secretario xeral da consellería competente en materia de asuntos sociais, e no caso de secretarios xerais ou directores xerais, terá categoría de subdirector xeral.

Os suplentes cando ocupen o posto do titular, participarán nos debates e nas votacións nas mesmas condicións que os vocais ós que substitúen.

Artigo 2º

En caso de ausencia ou enfermidade do secretario, será substituído temporalmente por un funcionario da consellería competente en materia de asuntos sociais, con categoría de subdirector xeral, nomeado polo conselleiro/a.

Deberáselle comunicar ó secretario, antes de abri-la a reunión da comisión, a substitución de calquera dos vocais titulares ou da vicepresidenta, polo seu suplente.

O secretario da comisión, ademais das funcións previstas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, compételle:

-Recibir e procesa-la información e propostas das comisións de traballo.

-Difundir e coordina-la información e propostas recibidas.

O secretario da comisión actuará apoiado cos medios persoais e materiais que a Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social da Consellería de Asuntos Sociais poña á súa disposición.

Artigo 3º

A Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza funcionará:

a) En Pleno.

b) En comisión permanente, que funcionará como Observatorio de Inclusión Social.

c) En comisión de traballo.

a) O pleno estará integrado por tódolos membros da Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza. Reunirase, en sesión ordinaria dúas veces ó ano, e con carácter extraordinario, cando sexa convocado polo presidente, ben sexa por iniciativa propia ou ben por solicitude do Observatorio de Inclusión Social ou da metade dos vocais.

b) O Observatorio de Inclusión Social estará composto polo presidente, que será o/a conselleiro/a competente en materia de asuntos sociais, un vicepresidente, que será o secretario xeral da mesma consellería, e sete vocais designados polo pleno entre os seus membros. O presidente do Observatorio de Inclusión Social poderá delegar no vicepresidente nos casos de ausencia ou enfermidade.

Correspóndelle ó Observatorio de Inclusión Social:

a) Elabora-los documentos base de traballo dos plans de loita contra a pobreza e a exclusión social, a partir das propostas facilitadas polas comisións de traballo.

b) Preparar e poñer á disposición do pleno da comisión a información e documentación precisa para o seu estudio e aprobación, se procede.

c) Cantas outras lle sexan encomendadas polo Pleno.

O Observatorio de Inclusión Social reunirase unha vez cada catro meses de forma ordinaria e, por convocatoria do seu presidente, cantas veces sexa necesario para o desenvolvemento das súas competencias.

O secretario da Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza actuará así mesmo como secretario do Observatorio de Inclusión Social.

c) O pleno poderá crear comisións de traballo por áreas, permanentes ou específicas, formadas polos membros que aquél designe para o efecto, e asistidas polos expertos ou asesores que procedan, designados polo presidente da comisión permanente.

Ademais das funcións que lles sinale o pleno, corresponderalles a análise sectorial, recollida de información e elaboración das propostas.

A presidencia destas e o seguimento dos traballos que efectúen corresponderalle á consellería competente en materia de asuntos sociais a través dos órganos e persoas que designe o seu titular.

As comisións de traballo reuniranse coa periodicidade que elas mesmas consideren, ou por petición do seu presidente.

Artigo 4º

As consellerías designarán un representante permanente, con categoría mínima de xefe de servicio, coa finalidade de conseguir fluídez na interlocución dos asuntos relacionados coa comisión, que poderán participar nas comisións de traballo e asistir ás reunións da Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza, con voz pero sen voto, cando fosen requiridos para iso.

Artigo 5º

Sen prexuízo das peculiaridades previstas no presente decreto, o funcionamento da Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza, acomodarase ás normas contidas na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administra

cións públicas e do procedemento administrativo común, sobre réxime xurídico dos órganos colexiados.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase á conselleira de Asuntos Sociais para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais