Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 29 de xullo de 2002 Páx. 11.770

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de xullo de 2002 pola que se regula a organización académica do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina na sección segunda do seu capítulo III os aspectos básicos da organización do bacharelato, e que son o fundamento dos reais decretos 1700/1991, do 29 de novembro, e 1178/1992, do 2 de outubro, polos que se establecen a estructura e as ensinanzas mínimas do bacharelato, respectivamente.

O Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia constitúe o desenvolvemento desas normas para a nosa Comunidade Autónoma. Como consecuencia da publicación do Real decreto 3474/2000, do 29 de decembro, polo que se modifican os reais decretos 1700/1991 e 1178/1992, o Decreto 275/1994 vén de ser modificado polo Decreto 231/2002, do 6 de xuño (DOG do 15 de xullo).

A relación de materias optativas desta etapa, xunto co correspondente currículo, establécense na Orde do 2 de maio de 1996. Así mesmo, a Orde do 1 de marzo de 1995, sobre a avaliación dos alumnos e alumnas que cursan o bacharelato, regula os procedementos para a avaliación, promoción e titulación do alumnado desta etapa educativa.

Tendo en conta o regulamentado nas disposicións precedentes, así como a experiencia acumulada nos anteriores períodos de implantación do bacharelato, procede establecer novas medidas de ordenación educativa relativas á súa estructura, a asignación horaria das súas materias, así como todos aqueles aspectos que sexan necesarios para o tránsito adecuado do alumnado por esta etapa educativa cara a estudios universitarios ou de formación profesional específica de grao superior.

Polo tanto, en consecuencia co anteriormente exposto e en aplicación da disposición derradeira primeira do Decreto 231/2002, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é regula-la organización académica das ensinanzas do bacharelato dispostas no Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 231/2002.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación en tódolos centros autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir calquera das modalidades de bacharelato establecidas polo Decreto 275/1994.

Artigo 3º.-Acceso do alumnado.

1. Poderá acceder ó primeiro curso das ensinanzas do bacharelato, en calquera das súas modalidades, o alumnado que reúna calquera dos requisitos que a continuación se sinalan:

a) Posuí-lo título de graduado en educación secundaria.

b) Ter superados os estudios do primeiro ciclo do programa experimental de reforma das ensinanzas medias.

c) Posuí-lo título de técnico auxiliar de formación profesional de primeiro grao.

d) Ter aprobado o segundo curso do bacharelato unificado e polivalente ou con dúas materias non superadas como máximo.

e) Ter superados os cursos comúns dos estudios de artes aplicadas e oficios artísticos dos diferentes plans de estudios.

2. O alumnado que, non reunindo ningunha das condicións anteriores, trala superación dun ciclo formativo de grao medio de formación profesional específica ou de artes plásticas e deseño, posúa o correspondente título de técnico poderá acceder ás distintas modalidades de bacharelato.

3. O alumnado que acceda ó bacharelato desde os ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica ou de artes plásticas e deseño, poderá validar algunhas das materias de bacharelato conforme se regula no anexo IV do Real decreto 777/1998, do 30 de abril (BOE do 8 de maio) ou as que de xeito particular se poidan desenvolver.

As solicitudes serán resoltas pola dirección do centro educativo á vista da certificación académica oficial dos estudios realizados. No caso dos centros privados, a resolución das solicitudes de validación de materias correspóndelle ó director do centro público ó que o centro privado está adscrito.

As citadas validacións reflectiranse nas actas de avaliación final e no libro de escolaridade do bacharelato mediante a utilización do termo validada no recadro correspondente á cualificación da materia.

4. Ademais do alumnado que supere o primeiro curso con avaliación positiva en tódalas materias ou negativa en unha ou dúas materias, poderá incorporarse ó segundo curso de bacharelato o que estea en posesión de estudios declarados equivalentes, para efectos académicos, ó primeiro curso de bacharelato, conforme o establecido nos artigos 14, 23.3º

e 48 do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño (BOE do 25 de xuño), polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo.

Artigo 4º.-Admisión e matrícula do alumnado.

1. O proceso de admisión nos centros sostidos con fondos públicos axustarase ó disposto no Decreto 87/1995, do 10 de marzo (DOG do 28 de marzo), polo que se regula a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, educación primaria e educación secundaria, e a Orde do 24 de abril de 2000 (DOG do 30 de maio) que o desenvolve.

2. A matrícula dos alumnos admitidos formalizarase para unha das modalidades do bacharelato impartidas polo centro.

Non obstante, os alumnos de segundo curso que, de acordo co disposto no artigo 25.3º do Decreto 275/1994, deban cursar tres ou menos materias poderanse matricular e ser avaliados en calquera centro, aínda que non teña autorizada a modalidade elixida polo alumno, sempre que as citadas materias formen parte das modalidades que se imparten no centro.

Artigo 5º.-Distribución das materias nas modalidades de bacharelato.

1. A distribución das materias das modalidades de bacharelato para os dous cursos da etapa, e o horario asignado a cada unha delas, establécense nos anexos I e II desta orde respectivamente.

2. Os centros ofertarán ó alumnado tódalas materias comúns, así como tódalas materias propias das modalidades que teñan autorizadas.

3. Con carácter xeral, o alumnado matriculado nas diferentes modalidades de bacharelato que se impartan no centro agruparase nas distintas materias sempre que o número de alumnos non sexa superior a 35.

Artigo 6º.-Materias optativas.

1. O alumnado cursará unha materia optativa no primeiro curso do bacharelato e outra no segundo, elixidas entre as que ofreza o centro, segundo a distribución por cursos establecida no anexo I.

Non obstante, os alumnos poderán solicitar no segundo curso matricularse e ser avaliados adicionalmente dunha segunda materia optativa pertencente ó curso no que se matriculan. Esta materia optativa adicional terá a mesma consideración que o resto das materias e, polo tanto, formará parte do expediente do alumno para tódolos efectos, incluídos o cálculo da nota media e de promoción e titulación. A autorización, que corresponderá ó director, realizarase se a organización e recursos do centro

así o permite e cursar esa materia facilita o cambio de modalidade ou opción ou o acceso a algún dos ciclos formativos de grao superior ou forme parte dalgunha das vías de acceso á universidade.

No caso dos centros privados a autorización anterior corresponderá ó director do centro público ó que estea adscrito, á vista da solicitude e do informe elaborado pola dirección do centro privado.

2. Na elección de materias optativas do segundo curso terase en conta o establecido no artigo 5 da Orde do 1 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio) en relación coas materias de idéntica denominación ou con contidos total ou parcialmente progresivos.

3. Os alumnos poderán cambia-la materia optativa nos seguintes casos: ó repetir curso; ó promocionar ó segundo curso coa materia optativa pendente; no segundo curso, cando se deban cursar tres ou menos materias, sendo unha delas optativa.

Artigo 7º.-Condicións da oferta de materias optativas.

1. Os centros ofertarán as materias optativas en función das súas posibilidades de organización e dos seus recursos.

2. Ademais das materias optativas establecidas para a Comunidade Autónoma de Galicia pola Orde do 2 de maio de 1996 (DOG do 30 de maio), poderanse ofertar como optativas materias propias de modalidade que non estean incluídas na opción elixida polo alumno. En todo caso, deberase respecta-la distribución por cursos recollida no anexo I e a segunda lingua estranxeira será de oferta obrigada en tódalas modalidades.

3. As materias de xeometría da arte, volume II e taller artístico I e II unicamente poderán ser cursadas polo alumnado da modalidade de artes.

4. As materias tecnoloxía industrial I e II, electrotecnia, mecánica, volume, imaxe e técnicas de expresión gráfico-plástica só poderán ser ofertadas como optativas naqueles centros nos que existan as modalidades de tecnoloxía ou de artes, segundo corresponda, ou cando, existindo os recursos específicos necesarios, o autorice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Neste último caso a solicitude, que deberá contar coa aprobación do consello escolar, formularase pola dirección do centro antes do 20 de febreiro do ano escolar anterior, a través da delegación provincial correspondente que xuntará un informe do servicio de inspección. Para a súa autorización terase en conta, ademais dos recursos do centro, a oferta educativa dispoñible na comarca.

5. As ensinanzas das materias optativas que oferten os centros só poderán ser impartidas se existe un número mínimo de quince alumnos matriculados.

Excepcionalmente, cando as peculiaridades do centro o requiran ou circunstancias especiais así o aconsellen a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autoriza-la impartición de materias optativas a un número menor de alumnos do establecido con carácter xeral, respectando, en todo caso, a distribución por cursos recollida no anexo I desta orde.

Artigo 8º.-Itinerarios formativos.

1. Os centros organizarán itinerarios formativos, tendo en conta as diferentes opcións de cada modalidade e as materias optativas que mellor contribúan a acada-los obxectivos da etapa e dean resposta ás preferencias do alumnado en relación coas diferentes opcións de estudios universitarios e de ciclos formativos de grao superior.

2. Na confección dos itinerarios formativos os centros deberán respecta-las opcións establecidas no anexo I desta orde.

3. Os itinerarios formativos elaborados polos centros deberán ser supervisados e aprobados pola inspección educativa antes do 15 de maio do ano académico anterior.

Artigo 9º.-Adscrición das materias ós departamentos didácticos.

1. A adscrición das materias comúns e propias de modalidade do bacharelato ás especialidades correspondentes do profesorado farase de acordo cos reais decretos 1701/1991, do 29 de novembro, 1635/1995, do 6 de outubro, e 777/1998, do 30 de abril.

2. A adscrición daquelas materias que non figuren nos reais decretos antes mencionados realizarase segundo o establecido no anexo III desta orde.

3. Sen prexuízo da prioridade do titular da praza das especialidades correspondentes, as materias poderán ser impartidas polos profesores que teñan atribuída competencia docente, todo isto sen menoscabo do establecido na Orde do 1 de setembro de 1987 pola que se adecúa a xornada de traballo dos funcionarios docentes que imparten ensinanzas básicas, medias, artísticas e de idiomas.

Artigo 10º.-Avaliación e promoción de curso.

No referente á avaliación e promoción do alumnado, así como á avaliación do proceso de ensinanza e do proxecto curricular rexerá o disposto na Orde do 1 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio) sobre a avaliación e cualificación no bacharelato e no Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e as normas que o desenvolvan.

Artigo 11º.-Cambio de modalidade ou opción.

1. Durante o primeiro trimestre do primeiro curso, a dirección do centro poderá autoriza-los cambios de modalidade ou de opción nunha modalidade, sempre que existan razóns que o xustifiquen e que o número de prazas dos grupos autorizados así o permita.

2. Ó finaliza-lo curso académico, os alumnos do primeiro curso de bacharelato que estean en condicións de promocionar ó segundo poderán solicitar á dirección do centro o cambio de modalidade ou de opción nunha modalidade.

Este cambio efectuarase nas seguintes condicións:

a) Deberanse cursa-las materias comúns do segundo curso e, se é o caso, as de primeiro non superadas.

b) Deberanse cursar, igualmente, seis materias propias da nova modalidade, tres de primeiro e tres de segundo, exceptuando aquelas materias da modalidade aprobadas no primeiro curso.

3. Computaranse como materias optativas da nova modalidade, a optativa cursada e superada en primeiro, se é o caso, así como unha das materias propias da modalidade superadas no primeiro curso e non coincidentes coas materias propias da nova modalidade.

4. As materias de primeiro que se deban cursar por razón do cambio de modalidade ou opción non se computarán para os efectos de promoción de curso.

5. A autorización de cambio de modalidade ou opción para os alumnos matriculados en centros privados será realizada pola dirección do centro público ó que están adscritos que deberá ter en conta o correspondente informe elaborado pola dirección do centro.

Artigo 12º.-Permanencia.

Con carácter xeral, o alumnado poderá permanecer escolarizado no bacharelato durante catro cursos académicos. Ó esgotarse este prazo poderase rematar estas ensinanzas por algún dos procedementos previstos no artigo 53 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Artigo 13º.-Anulación da matrícula.

O alumnado poderá solicita-la anulación de matrícula á dirección do centro, antes do 30 de abril, cando concorran circunstancias de enfermidade prolongada, incorporación a un posto de traballo ou obrigas que impidan a normal dedicación ós estudios.

A resolución das solicitudes de anulación de matrícula, que deberán estar documentalmente xustificadas, corresponderá, no caso dos centros públicos, ó director. No caso dos centros privados, corres

ponderá ó director do centro público ó que estean adscritos.

O prazo para a resolución será de dez días hábiles, contados a partir da data de recepción da solicitude.

Artigo 14º.-Acción titorial.

Cada grupo de alumnos terá un profesor titor. A orientación educativa e profesional terá como obxectivo esencial apoia-lo alumnado no seu proceso educativo e facilitarlle a toma de decisión sobre as opcións académicas e profesionais máis acordes coas súas capacidades, intereses e necesidades formativas.

Artigo 15º.-Ensino relixioso.

1. Segundo o establecido no Decreto 235/1995, do 20 de xullo (DOG do 10 de agosto), polo que se regula o ensino da relixión nas ensinanzas de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, as ensinanzas de relixión serán de oferta obrigatoria para os centros e de carácter voluntario para o alumnado.

2. Ó formaliza-la matrícula, os pais, nais ou titores dos alumnos, ou estes mesmos se fosen maiores de idade, manifestarán, voluntariamente, á dirección do centro a súa opción, sen prexuízo de que esta se poida modificar ó comezo de cada curso escolar.

3. Os centros organizarán actividades de estudio alternativas para o alumnado que non opte por seguir ensinanzas de relixión, como ensinanzas complementarias, no mesmo horario que as ensinanzas de relixión. Estas actividades están establecidas polo Decreto 235/1995, do 20 de xullo (DOG do 10 de agosto), e reguladas na Orde do 4 de outubro de 1995 (DOG do 8 de novembro) e na Resolución do 25 de setembro de 1996 (DOG do 16 de outubro).

Artigo 16º.-Bacharelato en música ou danza.

1. O alumnado que, estando en posesión do título de graduado en educación secundaria ou equivalente, supere as materias comúns do bacharelato, e o terceiro ciclo do grao medio das ensinanzas regradas de música terá dereito ó título de bacharelato. Este bacharelato terá a denominación específica de bacharelato en música.

2. De igual modo terá dereito a obte-lo título de bacharelato, mediante a superación das materias comúns de bacharelato cursadas en dous anos académicos, o alumnado que, estando en posesión do título de graduado en educación secundaria ou equivalente, superara o terceiro ciclo do grao medio das ensinanzas regradas de danza. Este bacharelato terá a denominación específica de bacharelato en danza.

3. A proposta de expedición do título de bacharelato corresponderalle ó centro no que o alumno cursara e superara as materias comúns do bacharelato ou, no caso de que este sexa privado, ó que estea adscrito.

4. Os alumnos de música e danza que estean en posesión do título de bacharelato e desexen acceder a estudios universitarios deberán realizar completa a primeira parte da proba de acceso e o exame das materias vinculadas á vía ou vías elixidas.

5. Os alumnos de música e danza que desexen acceder ós estudios universitarios deberán cursa-las materias vinculadas á vía ou vías de acceso elixidas e aquelas do primeiro curso coa mesma denominación ou con contidos total ou parcialmente progresivos.

6. Para supera-las materias comúns e as vinculadas á vía ou vías de acceso elixidas, o alumnado deberá permanecer escolarizado no bacharelato como mínimo dous anos académicos, podendo permanecer nesta etapa un máximo de catro cursos académicos de acordo co establecido no artigo 12º da presente orde. En ningún caso será posible matricularse nun só ano académico dos dous cursos do bacharelato.

Disposición adicional

Única.-A distribución das materias establecida no anexo II da Orde do 14 de abril de 1999, pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada pola establecida no anexo I da presente orde.

Disposición transitoria

Única.-O establecido na presente orde será de aplicación no primeiro curso do bacharelato desde o ano académico 2002-2003 e no segundo curso desde o ano académico 2003-2004.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 18 de maio de 2000 (Diario Oficial de Galicia do 1 de xuño), pola que se regula a implantación do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, así como aquelas disposicións de igual ou inferior rango en todos aqueles aspectos que se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación Educativa e Formación Profesional, de Centros e Inspección Educativa e de Persoal para dicta-las disposicións que sexan precisas para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Cadro horario

Materia

Educación física2-

Relixión-Actividades de estudio alternativas2-

Lingua castelá e literatura33

Lingua galega e literatura33

Lingua estranxeira33

Historia-4

Filosofía33

1ª materia propia de modalidade44

2ª materia propia de modalidade44

3ª materia propia de modalidade44

Optativa44

Total3232

ANEXO III

Adscrición das materias

MateriaEspecialidades

Fundamentos de deseñoDebuxo

ImaxeDebuxo

Taller artísticoDebuxo

VolumeDebuxo

Xeometría da arteDebuxo

EconomíaEconomía

Economía e organización de empresasEconomía

Ética e filosofía do dereitoFilosofía

MateriaEspecialidades

Filosofía da ciencia e da tecnoloxíaFilosofía

Introducción ás ciencias políticas e socioloxíaFilosofía

Literatura universal contemporáneaLingua castelá e literatura

Lingua e literatura galega

Linguas estranxeiras

Literaturas hispánicasLingua castelá e literatura

Lingua e literatura galega

Literatura galega do século XXLingua e literatura galega

Métodos estatísticos e numéricosMatemáticas

ElectrotecniaTecnoloxía

MecánicaTecnoloxía

Historia e xeografía de GaliciaXeografía e historia

Cando non exista profesor da especialidade de economía, as materias sinaladas serán impartidas por profesores das especialidades de administración de empresas e organización e xestión comercial, así como por profesores da especialidade de formación e orientación laboral sempre que estean en posesión das titulacións de licenciado en administración e dirección de empresas, en ciencias empresariais, en ciencias actuariais e financeiras, en economía, en investigación e técnicas de mercado, de diplomado en ciencias empresariais e en xestión e administración pública. No seu defecto, aplicarase o establecido na Orde do 1 de setembro de 1987.