Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 26 de xullo de 2002 Páx. 11.721

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2002 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica ós custos de auditoría de contas nos programas de préstamos e garantías.

Estas bases teñen por finalidade regula-lo establecemento de axudas ós custos externos de auditoría de contas para as empresas que, non estando obrigadas por lei a audita-las súas contas anuais, presenten solicitude ó Igape no ámbito dos programas de préstamos ó sector audiovisual (Resolución do 26 de abril de 2002) e de avais (Decreto 284/1994).

Ambos programas singularízanse pola importancia que no procedemento de concesión ten a correcta análise do risco para asumir polo Igape, sendo unha das bases da dita análise a dispoñibilidade dunha

completa e fidedigna información contable. Así, tanto o Decreto 284/1994, que regula a concesión de avais polo Instituto Galego de Promoción Económica, no seu artigo 6.1º d), como as bases reguladoras do programa de préstamos para financiar produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu punto terceiro recollen as contas auditadas entre a documentación que hai que presentar coa solicitude.

Tendo en conta que a vixente normativa mercantil non obriga a tódalas empresas a audita-las súas contas, e para evitar un maior gasto a aquelas empresas que polo seu reducido tamaño non teñan a dita obriga, o Consello de Dirección do Igape na súa reunión de 27 de xuño de 2002 aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape ós custos de auditoría de contas nos programas de préstamos e garantías.

Por todo o que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Facer público o texto das bases reguladoras das axudas do Igape ós custos de auditoría de contas nos programas de préstamos e garantías, que se xunta á presente resolución.

O crédito reservado para o financiamento das axudas para conceder no exercicio 2002 con cargo a estas bases ascende a 120.000 A desagregado nas seguintes partidas orzamentarias:

-60.000 A con cargo á partida 16/04/01 656700 para subvenciona-las auditorías na concesión de préstamos ó sector audiovisual.

-60.000 A con cargo á partida 16/04/02 656700 para subvenciona-las auditorías na concesión de garantías polo Igape.

En Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2002.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

Bases reguladoras de axudas do Igape ós custos de auditoría de contas nos programas de préstamos e garantías

Base 1ª.-Obxecto.

O obxecto das presentes bases é subvenciona-los custos externos de auditoría das contas das empresas que presenten unha solicitude de apoio ó Igape dentro dos seus programas de préstamos e de garantías.

Base 2ª.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios aquelas empresas que, non estando legalmente obrigadas a audita-las súas contas anuais, presenten unha solicitude ó Igape dentro dos seus programas de préstamos ou de garantías.

As subvencións concederanse por estricta orde de tramitación, mentres exista límite de crédito dispoñible na partida orzamentaria correspondente.

Base 3ª.-Conceptos subvencionables.

Será subvencionable o gasto incorrido pola contratación dun auditor de contas inscrito no rexistro

oficial correspondente, para practica-la auditoría das contas pechadas dun ou dos dous exercicios inmediatamente anteriores ó da presentación da solicitude.

Base 4ª.-Contía da subvención.

A subvención ascenderá ó 50% do gasto xustificado e pagado, cun límite de 6.000 A/ano.

Base 5ª.-Tramitación.

5.1. As solicitudes de subvención presentaranse xunto coa solicitude de aval ou de préstamo e a súa documentación anexa, segundo o modelo que figura como anexo I, nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. A solicitude acompañarase do encargo da auditoría de contas debidamente aceptado que deberá conter, alomenos, a identificación do auditor, o prazo de entrega da auditoría, o alcance do traballo e o prezo.

5.3. Se coa solicitude non se achegarase a documentación esixida nestas bases segundo anexo II, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días hábiles desde o seguinte á recepción do requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que en caso contrario, consideraráselle desistido da súa petición, dictándose a correspondente resolución de arquivo, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1º da dita lei. Este prazo, cando existan causas xustificadas, poderá ser prorrogado de oficio ou por instancia de parte por un período que non exceda a metade do inicial. O requirimento de documentación suspenderá o prazo para resolver.

5.4. Unha vez completas as solicitudes, serán estudiadas polos servicios técnicos da Subdirección de Xestión de Incentivos á Dinamización Económica. Inmediatamente antes de dictar proposta de resolución, poñerase de manifesto ós interesados, para que no prazo de 10 días poidan alegar e presenta-los documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figure no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

5.5. Concesión.

a) Unha vez avaliadas as solicitudes, a Dirección da Área de Financiamento elevará a súa proposta de resolución á Dirección Xeral do Igape.

b) O director xeral do Igape resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de seis meses, descontados os de suspensión.

c) Na resolución de concesión farase consta-lo importe do gasto subvencionable para xustificar e o prazo de vixencia para o cumprimento das con

dicións da subvención e a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape de conformidade co disposto na regulación da U.E. para as axudas de mínimis.

Base 6ª-Notificación e aceptación.

As resolucións de concesión deberán ser aceptadas por escrito polo beneficiario no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa notificación. En caso contrario, entenderase a renuncia do beneficiario, dictándose resolución neste sentido. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumpri-las condicións e obrigas establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións que sexan de aplicación.

Base 7ª.-Recursos.

7.1. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía administrativa, polo que de conformidade co previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados competentes do contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ó da súa notificación.

7.2. Potestativamente, e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes computado desde o día seguinte á notificación da resolución, recurso potestativo de reposición que resolverá o Consello de Dirección do Igape.

Base 8ª.-Obrigas dos beneficiarios.

8.1. As contas deberán ser auditadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución individual de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nas presentes bases ou demais normativa de aplicación.

8.2. Son obrigas dos beneficiarios, as establecidas no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as establecidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e en particular:

a) Achegar en prazo toda a documentación xustificativa nos termos da resolución de concesión.

b) Cumpri-las condicións establecidas na resolución de concesión e en particular, non desistir da solicitude de concesión de aval ou de préstamo que xustifique a realización da auditoría.

c) Facilita-las actividades de comprobación que o Igape considere oportuno realizar ó longo do desenvolvemento do proxecto ou en calquera fase do procedemento, que poderán ser exercidas directamente polo Igape ou polas empresas, persoas ou entidades que este designe e presentar nos prazos concedidos para o efecto toda a documentación ou información que lle sexa solicitada en calquera momento polo Igape.

8.3. O incumprimento das citadas obrigas poderá dar lugar á revogación da concesión e, se é o caso

ó reintegro do indebidamente percibido e ós seus xuros de demora ou ó resarcimento dos danos e prexuízos causados ó Igape.

Base 9ª.-Incidencias e modificacións.

9.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou á súa revogación en caso de considerarse que a modificación afecta a un aspecto substancial da concesión.

9.2. Os beneficiarios das subvencións quedan obrigados a comunicar ó Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que estas foron concedidas.

9.3. O director xeral do Igape, logo de solicitude razoada poderá acorda-la modificación da resolución a instancia do beneficiario sempre que a dita modificación teña causa xustificada, non cause prexuízo a terceiros e os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

Base 10ª.-Xustificación e abono da subvención.

10.1. A xustificación ante o Igape da realización da auditoría e dos gastos incorridos, realizarase polo beneficiario como máximo dentro dos catro meses seguintes ó da notificación da concesión da axuda.

10.2. Para o cobro da subvención o beneficiario deberá presentar ó Igape unha solicitude de cobro axustada ó modelo que se xunta como anexo III, acompañada da seguinte documentación:

-Informe de auditoría datado e asinado por auditor inscrito.

-Factura firme.

-Documento de pagamento (transferencia, cargo en conta).

-Certificacións de estar ó corrente das súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social, e de non ter pendentes de aboamento débedas coa Xunta de Galicia.

Base 11ª.-Incumprimento.

11.1. Non se poderá esixi-lo pagamento da subvención concedida e procederá a revogación da axuda e se é o caso o reintegro total ou parcial da contía percibida e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda, especialmente a desistencia polo beneficiario da súa solicitude de aval ou de préstamo ó Igape.

d) Incumprimento das condicions impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

11.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracions públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere a porcentaxe máxima de axuda establecida na base 4ª ou ben, supere os límites establecidos segundo o réxime de axudas de minimis establecido pola U.E.

11.3. O procedemento de incumprimento iniciarao o Igape, de oficio, ben por iniciativa do órgano concedente, ou como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia ou por denuncia.

11.4. O órgano competente para iniciar, tramitar e resolve-lo expediente será aquel que dictou a resolución de concesión.

11.5. O procedemento iniciarase mediante a comunicación ó beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as posibles consecuencias del. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ó trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

11.6. O prazo máximo para resolve-los procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de iniciación. Se pasado o dito prazo non se dictase resolución, entenderase caducado o procedemento sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.

11.7. Será competencia dos órganos de recadación a xestión recadatoria en período voluntario e en período executivo nos expedientes de reintegro, en virtude do disposto pola Consellería de Economía e Facenda. As contías para reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Base 12ª.-Informes.

Para os efectos de configurar unha base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas, segundo o establecido na disposición adicional terceira do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o Igape remitirá á Consellería de Economía e Facenda a información sobre a xestión das axudas establecidas nestas bases.

Base 13ª.-Restriccións ó dereito de acceso a arquivos e rexistros.

En virtude do establecido no artigo 37 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e para a necesaria

protección do segredo comercial ou industrial dos solicitantes das axudas reguladas nestas bases, entenderase excluído o dereito de acceso a arquivos e rexistros administrativos respecto daqueles documentos que polo seu contido deban ter este tratamento.

Base 14ª.-Control.

As empresas beneficiarias sométense ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento das axudas con fondos europeos. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

Base 15ª.-Interpretación.

15.1. En todo o non disposto polas presentes bases, será de aplicación o disposto para axudas e subvencións na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

15.2. Corresponde ó director xeral do Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten en aplicación dela.

Base 16ª.-Vixencia.

16.1. As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terán vixencia indefinida ata que non se publique a súa derrogación expresa. Anualmente e unha vez aprobado o seu orzamento, o Igape publicará a reserva de crédito dispoñible con cargo ás mesmas para cada exercicio orzamentario, limitándose a concesión ás dispoñibilidades orzamentarias.

16.2. No caso dos expedientes que non puideran ser resoltos favorablemente por falta de crédito, e unha vez habilitado o crédito no exercicio seguinte, os solicitantes poderán reitera-la súa solicitude, computándose a data da primeira solicitude para os efectos de realización das actuacións subvencionables.

Base 17ª.-Silencio administrativo.

As solicitudes que non fosen resoltas no prazo de seis meses, que se establecen nas presentes bases, poderán considerarse desestimadas, adecuándose o sentido do silencio á regulación legal vixente en cada momento.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA