Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 26 de xullo de 2002 Páx. 11.720

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 15 de xullo de 2002 pola que se acorda a cesión da propiedade de determinados automóbiles a favor dos concellos de Fornelos de Montes (Pontevedra), Soutomaior (Pontevedra), O Barco de Valdeorras (Ourense), Sarria (Lugo), Ames (A Coruña), Laxe (A Coruña) e Pedrafita do Cebreiro (Lugo).

A protección do ambiente e a mellora da calidade de vida dos cidadáns son dous obxectivos prioritarios da Xunta de Galicia.

Para o cumprimento destes fins e consciente das necesidades de medios materiais e técnicos e a falta de medios económicos que teñen os concellos, na pasada década a Xunta de Galicia estableceu un programa de cooperación coas entidades locais para dotalas de recursos que lles permitiran realizar con éxito as tarefas de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos ó vertedoiro ou ecoplanta.

O programa de cooperación coas entidades locais en materia de residuos sólidos urbanos regulouse ó abeiro das ordes do 26 de maio de 1989 (DOG nº 121, do 26 de xuño), 11 de maio de 1990 (DOG nº 97, do 21 de maio), 26 de marzo de 1991 (DOG nº 71, do 15 de abril), 12 de maio de 1992 (DOG nº 106, do 4 de xuño), 25 de maio de 1994 (DOG nº 113, do 14 de xuño) e 26 de setembro de 1996 (DOG nº 189, do 26 de setembro) e co desenvolvemento de convenios de colaboración específicos

cos concellos e mancomunidades que así o solicitaron, para a cesión en uso de determinados vehículos recolectores-compactadores de residuos sólidos urbanos.

Os concellos de Fornelos de Montes (Pontevedra), Soutomaior (Pontevedra), O Barco de Valdeorras (Ourense), Sarria (Lugo), Ames (A Coruña), Laxe (A Coruña) e Pedrafita do Cebreiro (Lugo) solicitan a cesión en propiedade dos vehículos recolectores-compactadores de residuos sólidos urbanos, cedidos en uso na actualidade.

Con este fin a Consellería de Medio Ambiente tramitou o expediente de cesión dos ditos vehículos, de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, engadido pola Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo (DOG nº 156, do 13 de agosto).

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade dos seguintes vehículos a favor dos concellos de Fornelos de Montes (Pontevedra), Soutomaior (Pontevedra), O Barco

de Valdeorras (Ourense), Sarria (Lugo), Ames (A Coruña), Laxe (A Coruña) e Pedrafita do Cebreiro (Lugo):

VehículoNº bastidorMatrículaConcello

Ros-RocaVSKM1116GLB338847C-2144-ATFornelos de Montes

Ros-RocaVSKM1116GLB338799C-2146-ATSoutomaior

Ros-RocaVS11217A7KE 60233C-2150-ATO Barco de Valdeorras

Ros-RocaVS11217A7KE 60129C-3663-ATFornelos de Montes

Ros-RocaVSKM1116GLB340388C-6831-ATAmes

Ros-RocaVSKM1116GLB345555C-3372-AVLaxe

Ros-RocaVSKM1116GLB339476C-3637-ATPedrafita do Cebreiro

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos destinaranse á recollida e transporte de residuos sólidos urbanos.

b) A cesión, en propiedade, outórgase con carácter definitivo, sen prexuízo do previsto nos parágrafos seguintes.

c) Coa cesión outorgaralle ó concello a propiedade do vehículo, comprometéndose este a realizar ante a Xefatura Provincial de Tráfico os trámites precisos para o cambio da titularidade do vehículo.

d) O concello comprométese a efectua-lo pagamento dos importes que se deben en concepto de imposto de circulación.

e) Se os bens cedidos non se aplicasen ó fin sinalado, ou no suposto de alleamento o seu importe non fose reinvestido na adquisición dun ben destinado á mesma finalidade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán na Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioración que experimentasen.

f) A Consellería de Medio Ambiente poderá comproba-lo cumprimento das obrigas que leve implícitas a cesión, en virtude das facultades de control e vixilancia da cesión atribuídas no artigo 87 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma.

g) As entidades locais serán responsables fronte a terceiros de tódolos danos que se puidesen derivar directa ou indirectamente da utilización dos bens cedidos.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e o órgano competente dos distintos concellos, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Medio Ambiente, a través das súas delegacións provinciais realizará os trámites necesarios para a efectividade da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente