Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 26 de xullo de 2002 Páx. 11.697

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 24 de xuño de 2002 pola que se dispón a aprobación e publicación do Plan de Protección Civil ante Situacións de Seca en Galicia, homologado pola Comisión Galega de Protección Civil.

Conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, no seus artigos 76.3º e 77 indícase que os plans deben ser aprobados polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de seren homologados pola Comisión Galega de Protección Civil, serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

O Plan de Protección Civil ante Situacións de Seca en Galicia, logo do informe da Comisión Galega para os Riscos de Inundacións e Situacións de Seca, foi homologado pola Comisión Galega de Protección Civil o 26 de abril de 2002.

Para dar cumprimento ó establecido no Decreto 56/2000, publícase como anexo o texto do Plan de Protección Civil ante Situacións de Seca en Galicia, que foi homologado pola Comisión Galega de Protección Civil.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A aprobación do Plan de Protección Civil ante Situacións de Seca en Galicia, que figura no anexo desta orde.

Artigo 2º

A publicación do devandito plan no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais

ANEXO

Plan de Protección Civil ante Situacións

de Seca en Galicia

I. Introducción.

As situacións de seca, que a finais da década dos anos oitenta afectaron a un número considerable de concellos de Galicia, crean en determinados concellos situacións de emerxencia que precisan unha coordinación eficaz de actuacións dos grupos sociais e das administracións públicas competentes para evitar ou, alomenos, limita-los seus efectos sobre a poboación.

A Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais realiza o presente Plan de Protección Civil ante Situacións da Seca en Galicia, integrada no Platerga, con carácter de norma básica para os plans de emerxencia das provincias galegas afectadas e como marco para as actuacións dos departamentos competentes das diferentes consellerías da Xunta de Galicia, da Administración local (concellos, mancomunidades de concellos e deputacións provinciais), e da Administración xeral do Estado (Delegación do Goberno en Galicia e as catro subdelegacións do Goberno en Galicia) con competencia na materia.

Para a elaboración do presente plan dispúxose da experiencia obtida na seca de finais dos anos oitenta.

As actuacións consideradas no presente plan e os seus efectos teñen a consideración de urxentes e prioritarios polo carácter extraordinario da súa natureza.

A consecuencia dunha situación de seca prolongada nunha bisbarra, concello, mancomunidade de concellos, provincia ou na totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cambie ou transforme o medio, concrétase fundamentalmente na reducción das reservas de auga e aumento de riscos sanitarios, precisa poñer en marcha programas, accións preventivas e outras medidas de actuación e de intervención.

O presente Plan de Protección Civil ante Situacións de Seca en Galicia clasifícase como Plan Específico de Protección Civil de Galicia e queda integrado no Platerga (Plan Territorial de Protección Civil de Galicia). No capítulo II do Platerga, punto 2.2, identifícanse os riscos na Comunidade Autónoma de Galicia, e entre os riscos naturais defínese o da seca: producida pola falta de chuvias durante un tempo prolongado. Pode chegar a producir problemas de saúde pública e perdas na agricultura e gandería, incrementando o risco de incendios forestais.

Este plan será informado previamente, conforme o establecido no Decreto 56/2000, do 3 de marzo, pola Comisión Galega para os Riscos de Inundación e Situacións de Seca, e aprobado polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Posteriormente será homologado pola Comisión Galega de Protección Civil e publicado no Diario Oficial de Galicia.

II. Obxectivo.

O obxectivo do presente plan, desde Protección Civil, é garantir á poboación que está afectada pola situación de seca que dispoña de auga para consumo durante o tempo que dure a situación de emerxencia.

Baixo a dirección e coordinación das autoridades de Protección Civil da Xunta de Galicia, as actuacións prioritarias que deben levarse a cabo nesta situación, sen prexuízo doutras específicas e singulares que se realicen, resúmense en:

Dispoñibilidade de auga para a poboación afectada, sexa:

-Embotellada.

-En cisternas.

Realización de obras de infraestructura hidráulica de emerxencias que permita dispoñer de auga para abastecemento público.

Priorización do recurso hídrico para abastece-la poboación.

III. Sectores afectados.

a) Sector da poboación. Abastecemento e consumo de auga potable.

-Baixa dispoñibilidade de auga. Restriccións parciais ou totais en cantidade e/ou horario.

-Incidencia sanitaria.

b) Sector agrícola.

-Problemas no ciclo de producción.

-Deficiencia na vexetación do consumo diario.

c) Sector gandeiro.

-Escasa dispoñibilidade de auga.

-Incidencia sanitaria.

d) Sector industrial.

-Producción eléctrica.

-Reducción de consumo de auga para uso industrial.

e) Sector forestal.

-Aumento do índice de risco de incendios forestais.

f) Sector servicios.

-Sanitarios.

-Turísticos.

-Sociais.

g) Sector ambiental.

-Diminución ou incluso eliminación de caudais ecolóxicos no caso de secas extremas.

IV. Medidas que van adopta-los distintos departamentos da Xunta de Galicia.

1. Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

1.1. Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

-Coordinación xeral das medidas adoptadas no presente plan a través dos comités provinciais de Seguimento da Seca.

-Control e seguimento no almacenamento, transporte e distribución da auga.

-Coordinación das comisións provinciais de Seguimento da Seca.

-Coordinar recursos complementarios en colaboración coa Administración xeral do Estado, deputacións e concellos con cargo ós fondos para danos catastróficos, para pequenas obras complementarias de captación, abastecemento de auga potable e subministración por cisternas nas poboacións que o precisen.

-Asegura-los servicios esenciais na Comunidade Autónoma de Galicia que poidan verse afectados pola seca.

-Solicitar do Instituto Nacional de Meteoroloxía (INM), a través do Centro Meteorolóxico territorial da Coruña (CMT-A Coruña) informes ou prognósticos a medio prazo sobre a posibilidade de prolongación da situación da seca. Achega por parte do CTM-A Coruña de estatísticas combinadas de frecuencia ou duración da seca no ámbito local-provincial, así como la Unidad de Observación y Predicción Meteorológica de Galicia.

1.2. Dirección Xeral de Administración Local.

-Recomendar ás corporacións municipais e ás deputacións provinciais, en función da emerxencia que considera o presente plan e para os efectos de corrixi-las súas consecuencias, que establezan ou elaboraren os seus programas, con carácter prioritario; que os fondos e recursos públicos para o financiamento dos programas se apliquen a obras de abastecemento e saneamento de augas de núcleos urbanos afectados pola seca; e de xeito prioritario, ós que se atopen en situación deficitaria en canto á calidade de infraestructura deste servicio.

-Mediante circular ás corporacións locais, insta-la estricta aplicación das ordenanzas municipais de augas, así como a elaboración de programas dos que a finalidade sexa axustada no posible, os consumos de auga ás dispoñibilidades locais e, se é o caso, a vixilancia do seu cumprimento e correspondentes sancións ós infractores. Isto implica a organización de reservas de auga e a distribución racional das achegadas complementariamente.

-Elaboración da ordenanza (tipo) municipal de augas como norma subsidiaria.

-Interesa-las corporacións locais para que pidan á poboación a máxima colaboración coas empresas constructoras durante a execución das obras de carácter urxente, especialmente en canto á dispoñibilidade de terreos afectados por estas, e aplicación dos créditos comprometidos a estes fins.

-Insta-las corporacións locais para que dispoñan os medios dirixidos a unha óptima utilización hidráulico-sanitaria existente; en especial as estacións potabilizadoras e depuradoras de augas residuais.

-Asesoramento ás corporacións locais para solicitar ás administracións competentes a realización das obras de actuación de carácter urxente polas vías máis directas e eficaces.

2. Consellería de Medio Ambiente (Centro de Desenvolvemento Sostible: Augas de Galicia).

-Elaboración de estudios de reutilización de augas residuais para usos diversos en zonas onde a escaseza de auga o aconselle.

-Ordena-lo peche de comportas nos encoros da Comunidade Autónoma cando o nivel de reservas así o aconselle.

-Seguimento dos datos da reserva de auga nos encoros da Comunidade Autónoma de Galicia, convocando as comisións de desembalse co fin de determina-lo uso das ditas reservas en caso de necesidade, e sempre dentro das competencias de Augas Galicia.

-Realización daqueles actos necesarios para facilita-lo abastecemento de augas públicas (outorgadas en concesión) e daqueloutros recursos de auga sometidos a outro tipo de propiedade, cando a situación así o requirise.

-Axilizar, facilitar e, se é o caso, colaborar cos municipios, na realización de obras de abastecemento naqueles núcleos que teñan carencia de auga por motivos estructurais, ou ben naqueles concellos que teñan alta incidencia de carencias conxunturais, logo de solicitude das entidades locais.

-Colaborar cos municipios na identificación e posterior análise das posibles causas determinantes dun maior grao de vulnerabilidade ós episodios de seca.

-Asesorar e colaborar cos municipios en estudios que permitan reutiliza-las augas residuais noutros usos.

3. Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (CPTOPV). (Dirección Xeral de Transportes, Dirección Xeral de Obras Públicas).

-Aplicación do plan de utilización de vehículos para transporte de pensos e auga á gandería, así como o traslado de gando a zonas máis idóneas, se é o caso.

-Colaborar cos medios públicos e privados na elaboración e execución dun Plan de Utilización de Vehículos para o Transporte de Auga ás poboacións que o requiran.

-Axilización de obras urxentes de abastecemento e saneamento.

4. Consellería de Sanidade. (Dirección Xeral de Saúde Pública. Sergas (División de Farmacia e Productos Sanitarios; División de Asistencia Sanitaria).

-Insta-los concellos a que intensifiquen os programas de control de calidade sanitaria das augas de consumo público, tanto nas fontes de abastecemento ordinario como outras de carácter alternativo.

-Face-lo seguimento epidemiolóxico para detectar calquera problema de saúde derivado da situación da seca.

-Elaborar e difundi-las recomendacións de carácter preventivo e de protección da saúde, tanto para os concellos como para a poboación en xeral.

-Dispoñe-los medios de protección da saúde que van segui-los establecementos alimentarios, co fin de que se manteñan os niveis axeitados de seguridade alimentaria.

-Asegura-las dotacións nos centros hospitalarios da rede do Sergas dos tratamentos e materiais necesarios para o potencial tratamento de afeccións derivadas da situación de seca.

-Dispoñer, se é o caso, a evacuación dos pacientes ingresados nos centros hospitalarios.

-Asegura-la subministración de auga ós centros hospitalarios de Galicia, en colaboración e coordinación coas autoridades competentes en materia de auga.

5. Consellería de Política Agroalimantaria e Desenvolvemento Rural (Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias).

-Instruccións para o uso racional de auga para a rega, coa colaboración do organismo autónomo de Augas de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Norte de España, nos ámbitos de competencias de cada un deles.

-Programa de previsión de transportes de pensos e auga para a gandería ata as súas zonas de explotación normal.

-Plan de medidas zoosanitarias de carácter preventivo en colaboración coa Consellería de Sanidade, para o almacenamento de productos desinfectantes e farmacolóxicos tanto nas zonas de explotación como nas de recepción do gando, e aplicación rigorosa do Regulamento de epizootias.

6. Consellería de Industria e Comercio (Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas).

-Aplicación das medidas previstas no Plan de Restriccións Eléctricas.

-Establecemento, nas industrias das zonas afectadas, de plans de funcionamento que consideren restriccións graduadas da producción en función dos consumos de auga, en colaboración e coordinación coa autoridade competente en materia de augas.

V. Dirección do plan.

-Ámbito autonómico.

Correspóndelle ó director xeral de Interior e Protección Civil, ou persoa en quen delegue, a dirección do presente plan a nivel autonómico e a coordinación a nivel provincial.

O director do plan contará coa Comisión Galega para os Riscos de Inundacións e Situacións de Seca en Galicia (Decreto 56/2000, do 3 de marzo, da Xunta de Galicia).

A nivel autonómico e co obxecto dunha coordinación operativa das diferentes unidades administrativas da Xunta de Galicia, que se indican no punto IV do presente plan, créase unha Comisión Autonómica de Seguimento da Situación de Seca da que formarán parte os máximos responsables das diferentes direccións xerais que se indicaron anteriormente, o subdirector xeral de Protección Civil, así como outros responsables de direccións xerais que se considere oportuno se incorporen a esta, entre elas as que teñan competencias en asuntos económicos, así como un representante da Delegación do Goberno en Galicia, outro da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) e un representante da Confederación Hidrográfica do Norte de España.

Poderán tamén formar parte desta, cando as circunstancias así o aconsellen, representantes doutras entidades públicas que teñan actuacións máis directas no plan.

Cada membro nomeará un suplente; no caso da Xunta de Galicia con rango de subdirector xeral.

Esta comisión de seguimento estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil, ou persoa en quen delegue, actuando como secretario un xefe do Servicio de Protección Civil.

-Ámbito provincial.

Correspóndelle a dirección do plan a nivel provincial ó delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relación Laborais, ou persoa en quen delegue.

En cada provincia créase unha Comisión Provincial de Seguimento da Seca.

As comisións provinciais de Seguimento da Seca estarán presididas polo delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, formando parte dela os delegados provinciais da CPTOPV, Industria e Comercio, Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Sanidade e Medio Ambiente; un representante da Deputación Provincial; un representante da Subdelegación do Goberno en Galicia; e un representante da Confederación Hidrográfica do Norte de España nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, un representante da Confederación Hidrográfica do Douro na provincia de Ourense, e un representante do organismo autónomo de Augas de Galicia a nivel provincial. Cada membro nomeará un suplente. Actuará como secretario o xefe provincial de Protección Civil.

As comisións provinciais de Seguimento da Seca constituirán un grupo de traballo técnico que será presidido e coordenado polo xefe provincial de Protección Civil e formarán parte del os xefes provinciais das delegacións provinciais anteriormente indicadas. Cada un dos membros nomeará un suplente.

Poderán tamén formar parte dos grupos de traballo técnico, cando as circunstancias así o aconsellen, representantes doutras entidades públicas que teñan actuacións máis directas no plan, sendo este o caso dos concellos afectados. A misión e cometidos deste grupo de traballo será a de asesorar, informar, realizar inspeccións e actuar como equipo técnico das comisións provinciais de Seguimento da Seca.

-Gabinete de Información.

O Gabinete de Información do presente plan será o Gabinete de Prensa da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que dependerá do director deste plan.

-Centro de Coordinación Operativo (Cecop).

Ó Centro de Coordinación Operativo (Cecop) localizarase na Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia (Cecop-Galicia), en Santiago de Compostela.

A nivel provincial os centros de coordinación operativos provinciais, en caso necesario de activalos, localizaranse nas delegacións da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

VI. Mecanismos de coordinación.

1. Ámbito autonómico.

Cada un dos departamentos da Xunta de Galicia con funcións e responsabilidades atribuídas no presente plan, disporá das medidas necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación no ámbito das súas

competencias, en coordinación coa Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

As funcións da Comisión Galega para os Riscos de Inundacións e Situacións de Seca son as que se indican no Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

As misións da Comisión Autonómica de Seguimento da Seca son: segui-lo desenvolvemento dos programas de actuacións; mante-lo control dos problemas derivados da seca do ámbito da emerxencia; propoñer medidas alternativas ás contidas no plan; elevar propostas cando proceda ó departamento da Xunta de Galicia correspondente, cando se trate de accións puntuais e calquera outra que permita facilita-la intervención e a adecuación das medidas adaptadas á situación.

2. Ámbito provincial.

Correspóndelle ós delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de informe das comisións provinciais de Seguimento da Seca, delimita-lo ámbito da emerxencia na súa provincia, de acordo coa información recibida dos concellos, o seguimento e coordinación das medidas adoptadas na súa provincia, así como propor aqueloutras que demande a evolución da situación.

Tódalas medidas adoptadas polos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais con relación á adopción de medidas pola seca serán comunicadas ó director xeral de Interior e Protección Civil.

3. Ámbito local.

Correspóndelles ós alcaldes defini-la situación e, se é o caso, as alertas que se indican no punto VII, no seu concello en canto ós efectos da seca, adopta-las medidas necesarias para unha mellor aplicación e distribución dos recursos de auga dispoñibles, así como aqueloutras que tendan a minimiza-los efectos á poboación e informa-los presidentes das comisións provinciais de Seguimento da Seca da situación, medidas adoptadas e, se é o caso, eleva-las propostas para as oportunas actuacións doutras administracións, para os fins previstos no plan.

VII. Alertas.

Pola gravidade da situación causada pola seca, establecense tres tipos de alerta:

-Alerta de primeiro grao ou alerta verde.

-Alerta de segundo grao ou alerta azul.

-Alerta máxima ou alerta vermella: emerxencia.

Declárase en relación co número de días que se calcule duren as reservas de auga na localidade de que se trate e a reducción do consumo total no abastecemento de auga.

-Declárase alerta verde (primeiro grao) cando as reservas de auga para a poboación sexan suficientes para corenta días (40 días), cunha reducción do consumo total estimado nun 10%.

-Declárase alerta azul (segundo grao) cando as reservas diminúan ata posibilita-lo abastecemento durante quince días (15 días), cunha reducción do consumo total estimado nun 35%.

-Declárase alerta vermella (alerta máxima) ou emerxencia cando as reservas de auga soamente

sexan suficientes para cinco días (5 días), cunha reducción do consumo total estimada nun 75%.

Esta clasificación anterior deberase entender sempre como informativa e orientativa, sen prexuízo de que o responsable do servicio de abastecemento poida propoñer xustificadamente a declaración de calquera dos tres tipos de alerta, en escenarios distintos dos indicados anteriormente.

En canto á actuación do plan debe aplicarse só e exclusivamente naqueles concellos que por razón da seca se atopen en situación de emerxencia, alerta vermella ou alerta máxima, polo que se require adoptar medidas excepcionais para controlar e reduci-los efectos desta sobre a poboación.

Os delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais non poderán propoñer medidas extraordinarias das que se indican no presente plan, cando a situación non teña carácter de emerxencia.

Proporase ó director xeral de Interior e Protección Civil a aplicación do plan e declararase a situación de emerxencia cando se cumpran os seguintes requisitos:

1. Que a situación da seca non sexa motivada pola infraestructura da rede de abastecemento e planta potabilizadora ou captación de auga.

2. Que a falta de dispoñibilidade de auga para o consumo sexa directamente imputable ó esgotamento de acuíferos ou outras fontes de abastecemento.

3. Que os concellos afectados carezan de recursos e medios propios para acomete-la situación do problema.

4. Que as poboacións afectadas se atopen en alerta e sexa inminente o paso a vermella (emerxencia).

VIII. Administracións implicadas no abastecemento de auga potable.

En función da poboación que se vai abastecer será de competencia das administracións sobre a base do seguinte esquema:

Concellos con nº de habitantesAdministracións implicadas

no abastecemento de auga potable

Menos de 5.000 habitantesConcello e Deputación Provincial

Entre 5.000 e 50.000 habitantesConcello, Deputación Provincial

e Xunta de Galicia

Superior a 50.000 habitantesConcello, Deputación Provincial, Xunta de Galicia e Administración xeral do Estado

IX. Catálogo de medios e recursos.

O Catálogo de Medios e Recursos será o que dispón a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil correspondente ó Platerga (Plan Territorial de Protección Civil de Galicia).

A mobilización de medios e recursos necesarios levarase a cabo a través da Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

X. Anexo. Comisións implicadas no presente plan.

Nivel autonómico:

* Comisión Galega para os Riscos de Inundacións e Situacións de Seca: os compoñentes son os membros que se indican no Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

* Comisión Autonómica de Seguimento da Seca:

Presidente: director xeral de Interior e Protección Civil, ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-Os directores xerais de: Orzamentos; Política Financeira e Tesouro; Obras Públicas; Transportes; Industria, Enerxía e Minas; Infraestructuras Agrarias; Producción e Sanidade Agropecuaria; Saúde Pública; División de Farmacia e Productos Sanitarios; División de Asistencia Sanitaria; Administración local e do Centro de Desenvolvemento Sostible, e o subdirector xeral de Protección Civil.

-Un representante da Delegación do Goberno en Galicia.

-Un representante da Confederación Hidrográfica do Norte de España.

-Un representante da Fegamp.

-Outros implicados directamente no plan.

Secretario: xefe de Servicio de Protección Civil.

Nivel provincial:

* Comisións provinciais de Seguimento da Seca:

Presidente: delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-Delegados provinciais das consellerías de: CPTOPV, Industria e Comercio, Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Sanidade e Medio Ambiente.

-Un representante do organismo autónomo Augas de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra).

-Un representante da deputación provincial.

-Un representante da Subdelegación do Goberno en Galicia.

-Responsable da CHN (Lugo, Ourense e Pontevedra).

-Responsable da CH do Douro (Ourense).

Secretario: xefe provincial de Protección Civil.

* Grupo de traballo técnico das comisións provinciais de Seguimento da Seca:

Presidente: xefe do Servicio Provincial de Protección Civil.

Vocais:

-Xefes dos servicios provinciais das consellerías representadas na comisión provincial.

Outros membros: representantes doutras entidades públicas directamente implicadas no plan.

XI. Funcionograma.

Mecanismos de coordinación ante situacións de seca en Galicia:

XII. Normas para a aplicación do plan.

Seguirase o esquema seguinte:

Norma aplicableOrganismo solicitanteActuacións que se van realizarOrganismo a informar

Alerta verdeConcello.

(Un mes antes da alerta vermella).

* Informe do grupo de traballo técnico (reservas de auga e causas).

* Reunión Comisión Provincial de Seguimento da Seca.

* Presidente Comisión Provincial de Seguimento da Seca.

* Director xeral de Interior e Protección Civil.

Alerta azulConcello.

(Dez días antes da alerta vermella).

* Reunión do grupo de traballo técnico.

* Reunión Comisión Provincial de Seguimento da Seca.

* Organización para proceder a subministrar auga.

* Presidente Comisión Provincial de Seguimento da Seca.

* Director xeral de Interior e Protección Civil.

Alerta vermella

Emerxencia

Concello, que indicará:

* Lugares afectados.

* Poboación que necesita auga.

* Cantidade diaria necesaria.

* Tempo estimado de duración.

* Medidas económicas que adoptar.

* Controis que efectuará o concello.

* Informe do grupo de traballo técnico.

* Reunión Comisión Provincial de Seguimento da Seca.

* Control e seguimento do Servicio Provincial de Protección Civil.

* Custo da subministración.

* Lugar captación auga.

* Vehículos de transporte.

* Información.

* Presidente Comisión Provincial de Seguimento da Seca.

* Director xeral de Interior e Protección Civil.

* Concello: comunicación ó concello das medidas adoptadas.