Visto o expediente de clasificación da Fundación Magar, con domicilio en Vigo, rúa Coruña 50-1º C (Pontevedra).
Supostos de feito.
1. A fundación, en escrito do 20 de maio de 2002, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Magar, foi constituída en escritura pública outorgada no Porriño, o día 2 de abril de 2002 ante a notaria Mónica Alba Castro, co número 532 do seu protocolo por Manuel-Ángel García Álvarez, María Dolores Rodríguez Araújo, Manuel García Castro e Cándida Álvarez Fernández.
3. Segundo consta no artigo 7 dos estatutos, é obxecto da fundación traballar pola mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de acondroplasia en tódalas etapas e ámbitos da súa vida e conseguir unha integración social real facendo extensivo este propósito a toda persoa con discapacidade física; recoñecendo que o primeiro dereito de calquera persoa discapacitada é chegar a non selo.
4. O padroado da fundación estará constituído por Manuel García Castro como presidente, María Dolores Rodríguez Araújo como vicepresidente, Manuel García Álvarez como secretario, Ernesto Regueira Nuñez e Ana Isabel Otero González como vocais.
5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Magar, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Asuntos Sociais.
Fundamentos de dereito.
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa
proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 2 de xullo de 2002.
Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.
Na súa virtude,
DISPOÑO:
Clasificar como de interese asistencial a Fundación Magar e adscribila á Consellería de Asuntos Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2002.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia, Relacións
Institucionais e Administración Pública