Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 23 de xullo de 2002 Páx. 11.506

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de xullo de 2002 pola que se convoca o Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social e o Premio para Investigadores Mozos (área de ciencias sociais), correspondentes ós Premios Galicia de Investigación 2002.

O Decreto 202/1998, do 25 de xuño, modificado polos decretos 138/1999 e 177/2002, do 7 de maio e 10 de maio respectivamente, crea os Premios Galicia de Investigación para recompesa-lo traballo de investigadores prestixiosos realizado desde Galicia, por galegos a prol de Galicia, para estimula-los investigadores mozos e para favorece-lo recoñecemento social de seu labor, así como o papel da investigación como promotora do desenvolvemento a través da innovación empresarial. Procede agora ordena-la convocatoria dos devanditos premios correspondentes ó ano 2002, de acordo coas bases establecidas no decreto. Por iso, por proposta da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, esta consellería:

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócase o Premio Eugenio Monterio Ríos de Investigación Social, correspondente ó ano 2002, consonte as seguintes bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 37.000 euros que se aboarán con cargo á partida orzamentaria 04.06.432A.480.0 do orzamento de gastos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para o ano 2002, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, así como un diploma acreditativo e un medallón esculpido en bronce, coa efixie e o nome de Eugenio Montero Ríos no anverso e coa inscrición «Premio Galicia de Investigación Social 2002. Xunta de Galicia» e o nome do galardoado no reverso.

Segunda.-Poderán optar ó premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social aquelas persoas que veñan realizando investigación, polo menos desde hai quince anos, na área de ciencias sociais e que se encadren nalgún dos seguintes puntos:

a) Os investigadores adscritos a centros públicos ou privados de investigación situados en Galicia.

b) Os investigadores galegos non vinculados a centros situados en Galicia.

c) Os investigadores que, non estando incluídos en ningún dos puntos anteriores, abordasen temas directamente relacionados con Galicia.

Terceira.-Para concorreren ó premio, os candidatos serán propostos por algunha institución académico-científica, pública ou privada, ou estarán avalados, alomenos, por dez investigadores da área, no caso de que concorran por iniciativa propia.

Cuarta.-As solicitudes, formalizadas no modelo oficial que se publica como anexo I a esta orde, que estará á disposición dos interesados na Internet nos seguintes enderezos: http://www.sxid.org, http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index/.htm ou http://www.cesga.es/sxid., irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Currículum vitae completo do candidato (por septuplicado).

b) Breve memoria na que se xustifica que o traballo do candidato o fai acredor do premio (por septuplicado).

c) Copia dalgunhas publicacións máis relevantes, ata un máximo de dez.

d) Calquera outra documentación que se considere oportuna.

Quinta.-As solicitudes presentaranse ata o 13 de setembro na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, Xunta de Galicia, situada na rúa Feáns, 7 local C, 15706, Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-O xurado será nomeado polo conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e estará formado por sete expertos na área, dos cales un actuará como presidente. Tres deles poderán ser propostos polas universidades do sistema universitario de Galicia, un por cada unha. Outro polas outras institucións académico-científicas galegas competentes na área. Os restantes pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que tamén propoñerá un funcionario que exercerá as funcións de secretario sen dereito a voto. O xurado elaborará a súa proposta tendo en conta a relevancia das contribucións realizadas na área polos candidatos presentados. As decisións adoptadas polo xurado serán inapelables.

Artigo 2º

Convócase o Premio de Investigación Social para Investigadores Mozos correspondente á convocatoria de 2002, consonte as seguintes bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 6.100 euros, con cargo á partida orzamentaria 04.06.432A.480.0 do orzamento de gastos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para o ano 2002, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, así como un diploma acreditativo.

Segunda.-Poderán concorrer a este premio os investigadores que poidan encadrarse nalgún dos puntos da base segunda do artigo 1º desta orde, sempre que non transcorresen máis de seis anos desde a presentación da súa tese de doutoramento.

Terceira.-As solicitudes dos candidatos, formalizadas no modelo oficial que se publica como anexo II a esta orde, que estará á disposición dos interesados na Internet nos seguintes enderezos: http://www.sxid.org, http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index/.htm ou http://www.ces

ga.es/sxid., irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Curriculum vitae completo do candidato (por septuplicado).

b) Breve memoria na que se xustifica que o traballo do candidato o fai acredor ó premio (por septuplicado).

c) Copia das publicacións máis relevantes, ata un máximo de cinco.

d) Calquera outra documentación que se considere oportuna.

Cuarta.-O prazo e lugar de presentación das solicitudes serán os establecidos na base quinta do artigo 1º desta orde.

Quinta.-Actuará como xurado o establecido na base sexta do artigo 1º desta orde, que elaborará a súa proposta atendendo ó esforzo e á creatividade dos candidatos presentados.

Artigo 3º

Os premios poderán ser declarados desertos. Os xurados adoptarán os seus acordos por maioría simple, dirimindo o voto de calidade do presidente no caso de empate. Os acordos dos xurados serán inapelables. Os xurados trasladarán as súas propostas á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que pola súa banda as elevará ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para a súa resolución definitiva. A resolución, que porá fin á vía administrativa, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

Os premios obxecto desta convocatoria, unha vez resoltos, serán entregados en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 5º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de 6 (seis) meses, contados desde a data de publicación desta convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á devandita liña de axudas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública