Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 23 de xullo de 2002 Páx. 11.508

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de xullo de 2002 pola que se convoca o Premio Galicia á Innovación Empresarial correspondente ós Premios Galicia de Investigación 2002.

O Decreto 202/1998, do 25 de xuño, modificado polos decretos 138/1999 e 177/2002, do 7 de maio e 10 de maio, respectivamente, crea ademais dos Premios Galicia de Investigación, o Premio Galicia á Innovación Empresarial, destinado a recoñecer e estimula-lo esforzo innovador por parte das pequenas e medianas empresas (Pemes). A innovación tecnolóxica é un elemento clave para aumenta-la productividade das empresas e sobre todo a súa competitividade, converténdose así nun instrumento de primeira orde para logra-lo desenvolvemento económico de Galicia. Por esta razón e, tendo en conta as súas competencias, tanto a Consellería de Industria e Comercio como o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) decidiron, como continuación da colaboración iniciada no ano 1999, apoiar economicamente a convocatoria do Premio á Innovación Empresarial 2002, creado polos devanditos decretos, achegando cada un deles dezaoito mil trinta euros. Por outra banda, o Plan Galego de Investigación,

Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (PGIDIT) aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 14 de marzo de 2002, defínese como un plan para a innovación, polo que a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, acordou tamén participar no financiamento do Pre

mio á Innovación Empresarial 2002, achegando 18.030 euros, considerando que constitúe un elemento de apoio á innovación a través do estímulo e que tamén pode contribuír á mentalización social.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócase o Premio Galicia á Innovación Empresarial destinado ó recoñecemento das pequenas e medianas empresas que teñan feito un notable esforzo innovador contribuíndo á transferencia e á explotación dos resultados da investigación, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 50.000 euros que se aboarán con cargo á partida orzamentaria 04.06.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002. Esta partida dotouse con fondos procedentes da Consellería de Industria e Comercio (18.030 euros) o Igape (18.030 euros) e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (13.940 euros). O premio vai acompañado dun diploma acreditativo e dunha placa conmemorativa.

Segunda.-Poderán concorrer ó premio as Pemes galegas instaladas ou non en Galicia, que teñan feito un notable esforzo innovador nos últimos catro anos e non recibisen o premio no dito período. Poderán

ser obxecto de premio outras Pemes non galegas con algún tipo de vinculación acreditada con Galicia, que realizasen unha innovación tecnolóxica salientable nos últimos catro anos. Así mesmo, tamén poderán concorrer ó citado premio aquelas empresas que, como consecuencia do seu esforzo innovador, deixaron de ser Pemes transformándose en grandes empresas sempre que a dita evolución se producise nos últimos tres anos.

Entenderase por pequena e mediana empresa (PEME), de acordo co disposto na Recomendación da Comisión das Comunidades Europeas do 3 de abril de 1996 (DOCE do 30 de abril), as empresas que cumpran as condicións seguintes:

a) Que empreguen menos de 250 persoas.

b) Que teñan un volume de negocio anual que non exceda de 40 millóns de euros ou cun balance xeral anual que non exceda de 27 millóns de euros.

c) Que sexan independentes, entendendo como tales as empresas nas que o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenza a outra empresa, ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME ou de pequena empresa segundo o caso. Esta porcentaxe poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou a investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa.

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quen o posúe e se a empresa declara que pode lexitimamente presumir que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou conxuntamente a varias empresas que non responden á definición de PEME ou de pequena empresa, segundo o caso.

Terceira.-As candidaturas serán presentadas polas propias empresas ou pola Confederación de Empresarios de Galicia utilizando o modelo oficial que se publica como anexo á presente orde e que está dispoñible na Internet nos enderezos:

-http://www.sxid.org.

-http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index/.htm.

-http://www.cesga.es/sxid.

As solicitudes irán acompañadas dos seguintes documentos:

1. Copia cotexada da tarxeta de persoas xurídicas ou tarxeta de identificación fiscal.

2. Poderes suficientes do solicitante e copia compulsada da escritura de constitución e modificación, se é o caso, da persoa xurídica á que representa,

debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

3. Certificación acreditativa de estar ó día nas obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente, así como certificación de encontrarse ó día nos pagamentos das cotas de Seguridade Social.

4. Fotocopia compulsada do imposto sobre sociedades correspondentes ó último ano.

5. Memoria descritiva na que se expoñan as razóns polas que a actividade realizada pola empresa a fan merecedora do premio.

6. Documentación que acredite a innovación realizada pola empresa e descrita na memoria do punto anterior.

7. Outra documentación adicional que poida contribuír á mellor avaliación da proposta.

8. No caso de que a empresa recibise, nos últimos catro anos, algunha subvención para realizar innovación deberá achegar copia do proxecto subvencionado e o importe da subvención recibida.

Os documentos 5, 6 e 7 presentaranse por septuplicado.

Cuarta.-As solicitudes presentaranse desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta orde ata o 13 de setembro de 2002 na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, Xunta de Galicia, situada na rúa Feáns, 7, local C, 15706 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-A selección será realizada por un xurado constituído por:

Presidente: secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento ou persoa en quen delegue.

Vocais: unha persoa proposta por cada unha das seguintes entidades:

-Consellería de Industria e Comercio.

-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

-Confederación de Empresarios de Galicia.

-Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento que actuará con voz pero sen voto.

Sexta.-O premio poderá ser declarado deserto. O xurado adoptará os seus acordos por maioría simple, dirimindo o voto de calidade do presidente en caso de empate. A decisión do xurado será inapelable.

O xurado trasladará a súa proposta á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que a elevará ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para que resolva. A resolución, que porá fin á vía administrativa, publicarase no DOG.

Artigo 2º

O premio obxecto desta convocatoria, unha vez resolto, será obxecto de entrega en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación da presente convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública