Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 22 de xullo de 2002 Páx. 11.446

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de subcontratistas de Sogama no Complexo Ambiental de Cerceda.

Visto o expediente do convenio colectivo de subcontratistas de Sogama no Complexo Ambiental de Cerceda (código convenio 1503941) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-4-2002 e complementado o 17-6-2002 e 24-6-2002, subscrito en representación da parte económica polas empresas Serviguide, S.L; Ader RR.HH. ETT, S.A.; CTM CEMSA, UTE; UTE-DANIGAL-CTM, e da parte social polo comité de empresa e delegados de persoal das devanditas empresas, o día 5-4-2002 e complementado o 16-5-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 25 de xuño de 2002.

Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servicios no Complexo Ambiental de Cerceda, como subcontratistas da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama)

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo será de aplicación a tódolos traballadores e empresas que presten actualmente ou poidan prestar nun futuro os seus servicios no centro de traballo do Complexo Ambiental de Cerceda (Sogama), fixos e eventuais, calquera que sexa a súa modalidade de contrato ou a súa categoría profesional.

Quedan expresamente excluídos os traballadores de empresa que poidan prestar algún tipo de colaboración accesoria en traballos que non sexan da propia actividade destas instalacións.

Así mesmo quedan excluídas as empresas ou traballadores que, con convenio propio ou sectorial, teñan condicións superiores ás deste convenio en cómputo anual.

Artigo 2º.-Vixencia.

Convenio por dous anos, vixencia do 1 de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2003.

Finalizada a vixencia deste convenio e ata que se produza o asinamento dun novo entre as partes, seguirá en vigor todo o seu articulado e contidos.

Artigo 3º.-Denuncia.

Quedará denunciado automaticamente á finalización da súa vixencia.

Artigo 4º.-Subrogación do persoal.

Ademais do previsto no artigo 49 e seguintes do convenio xeral que será norma básica, as partes acordan que:

Ó termo da concesión de calquera das contratas, os traballadores dela que teñan a condición de fixos no cadro de persoal ou de carácter temporal, continuarán prestando servicios na nova contratista, respectándoselles tódolos seus dereitos, obrigas e condicións de traballo, independentemente dos tipos de contratos que existan no momento da subrogación.

Igualmente, a empresa entrante respectará tódolos dereitos de representación e garantías da representación legal dos traballadores.

Artigo 5º.-Garantía ad personam.

As condicións máis beneficiosas para os traballadores con respecto a este convenio, individual ou colectivamente, subsistirán para aqueles que as veñan desfrutando, non sendo compensables ou absorbibles.

Artigo 6º.-Comisión mixta paritaria.

Ámbalas partes negociadoras acordan establecer unha comisión mixta paritaria que estará composta por catro membros da parte social e catro membros da parte empresarial.

A comisión mixta paritaria terá as seguintes funcións:

a) Vixilancia e seguimento do cumprimento deste convenio.

b) Interpretación da totalidade dos preceptos deste convenio.

c) Conciliación en conflictos colectivos que supoñan a interpretación e aplicación das normas deste convenio.

d) Cantas funcións tendan á maior eficacia deste convenio, ou se deriven do estipulado no seu texto e anexos, que forman parte del.

e) Os acordos por unanimidade da comisión paritaria serán incorporados ó convenio como se deste se tratase.

Artigo 7º.- Anticipos.

Por petición dos traballadores, a empresa concederá anticipos quincenais que non excederán do 90% do salario devengado ata o momento do seu aboamento.

A petición de anticipos efectuarase do día 15 ó 20 de cada mes e o pagamento efectuarase o 25 ou o día anterior se este é festivo ou inhábil.

Artigo 8º.-Xornada.

A xornada do persoal comprendido dentro do ámbito deste convenio será de 40 horas semanais, cun descanso intermedio de 30 minutos diarios, considerados como tempo efectivo de traballo, cando a xornada sexa igual ou maior a 6 horas continuadas.

Todo o persoal que preste servicios na planta clasificadora (bolsas amarelas), disporá de tres descansos que serán de 10, 20 e 10 minutos diarios. Computarán como xornada ordinaria.

Na sección triaxe PRTE, a permanencia en cada posto de traballo non poderá exceder, en ningún caso, de dúas horas continuadas por xornada, non podendo volver ó mesmo posto de traballo ata transcorridas, como mínimo, dúas horas.

Os traballadores entre si, e logo de comunicación ó encargado de quenda, poderán cambia-las súas quendas de traballo e os seus períodos de descanso semanal, sempre que as súas categorías e os postos de traballo sexan homologables en coñecemento das funcións que van realizar.

En cómputo anual a xornada será de 1.760 horas para o ano 2002 e 1.760 para o ano 2003, que se distribuirán mediante calendario anual de horario e descanso, que se negociará cos representantes legais dos traballadores.

Artigo 9º.-Accidentes de traballo.

No suposto de que a un traballador, realizando o seu cometido cun vehículo propiedade da empresa e cumprindo a función que se lle encomendase, lle fose retirado o permiso de conducir, a empresa colocarao noutro posto de traballo, similar ó cargo realizado anteriormente, conservando a súa retribución durante este tempo, sempre e cando o accidente non se deba á imprudencia temeraria ou embriaguez constitutivas de delicto.

Se a retirada do permiso de conducir se produce ó ir ou regresar do traballo co seu vehículo particular, a empresa comprométese a garantizarlle o posto de traballo e a retribución durante todo o tempo da retirada do permiso de conducir, sempre que non medie imprudencia temeraria ou embriaguez do conductor.

A empresa comprométese a facerse cargo, ben directamente ou a través da compañía de seguros, das responsabilidades económicas de toda índole, tanto respecto de terceiros como fronte á propia empresa, de que poidan ser responsables os conductores desta, polos accidentes que poidan producirse cos vehículos dela durante a execución do servicio, sempre que o dito accidente non se deba a imprudencia ou embriaguez constitutivas de delicto.

No caso de que a retirada da licencia fose como consecuencia dos feitos ocorridos cun vehículo particular, a empresa asignaralle outro posto de traballo, percibindo as retribucións correspondentes a ese novo posto.

En calquera dos casos, unha vez cumprida polo traballador a sanción de retirada de carné, este volvería a ocupa-lo seu posto de conductor e nas condicións que lle correspondese.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións anuais fíxanse en 31 días naturais.

A empresa, de acordo cos representantes dos traballadores, establecerá antes do 31 de xaneiro de cada ano o calendario de vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio poderán cambia-lo mes de desfrute das vacacións cos compañeiros, con coñecemento da dirección, e sen oposición dela e o comité de empresa.

Cando un traballador por calquera circunstancia, non puidese desfruta-las vacacións na quenda establecida no calendario, asignaráselles outra quenda de desfrute dentro de cada ano natural, que será negociada coa empresa.

A retribución do período vacacional consistirá no importe real dunha mensualidade, excepto o complemento de transporte.

Artigo 11º.-Licencias ou permisos retribuídos.

Logo de aviso e xustificación posterior, o traballador poderá ausentarse do posto de traballo por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

1. Por matrimonio: 16 días naturais.

2. Casamento de fillos, irmáns, irmáns políticos, pai o nai: un día

3. Por morte ou enfermidade grave de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días naturais se é na provincia de domicilio do traballador, e 4 días naturais se é fóra dela.

4. Por nacemento ou adopción de fillo do traballador: 3 días naturais se ocorre dentro da provincia, e 4 se é fóra dela. Se concorre enfermidade grave da muller que deu a luz, o prazo aumentarase a 5 días naturais.

5. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, sempre que non se trate dun cargo público ou cometido que comporte ausencias frecuentes ou periódicas: en tal caso poderá a empresa pasalo á situación de excedencia forzosa. Para a obtención do permiso de conducir, para a concorrencia a exames regrados, renovación carné da indentidade ou de conducir: as horas necesarias.

6. Por traslado do domicilio habitual: un día.

7. O tempo necesario para a asistencia á consulta do médico de familia e médico especialista.

Terá a mesma consideración que o cónxuxe a persoa que conviva de maneira estable co/coa traballador/a, e así fose acreditado ante a empresa mediante os correspondentes certificados de empadroamento ou parella de feito.

Nos demais casos non previstos neste artigo observarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 12º.-Permiso por maternidade e xestación.

Obxervarase o que dispoña a lexislación vixente na materia.

Artigo 13º.-Excedencias, forzosas ou voluntarias.

Ademais do previsto no convenio xeral interconfederal, as empresas ó remata-lo período de excedencia, estarán obrigadas a readmiti-lo traballador inmediatamente ó posto que deixou vacante, sempre que a solicitude de reincorporación se curse dous meses antes do vencemento da excedencia. As condicións de traballo serán iguais ás que tiñan no momento de pedi-la excedencia, computándose en todo caso, para efectos de antigüidade, os períodos delas coa excepción da excedencia voluntaria.

Artigo 14º.-Incapacidade temporal

1. Para o traballador que cause baixa como consecuencia dunha incapacidade temporal, derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional, aboaráselle ata o 100% do seu salario real desde o primeiro día da baixa, como complemento das prestacións da Seguridade Social.

2. A empresa aboará ata o 100% do seu salario real durante o tempo que dura a hospitalización do traballador, intervención cirúrxica e convalecencia domiciliaria derivada dela, como complemento das prestacións da Seguridade Social.

3. A empresa aboaralles ós traballadores afectados por este convenio ata o 85% do seu salario real ata o 20º día de baixa por incapacidade temporal derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, a partir do 21º día aboarase ata o 95%.

Artigo 15º.-Incapacidade permanente derivada de accidente laboral.

Neste punto as empresas comprométense á contratación dunha póliza de seguros que cubra as continxencias comúns derivadas de morte, incapacidade permanente parcial, total, absoluta ou grande invalidez cunha cobertura de 2.500.000 ptas (15.025,30 euros).

Artigo 16º.-Promoción interna e control de ascensos.

No prazo de tres meses a comisión paritaria elaborará un regulamento sobre as ditas materias.

Mentres este non estea elaborado, a empresa comprométese a comunicarlles ós traballadores, a través do comité de empresa calquera praza vacante ou de nova creación, por se coas mesmas cualificacións profesionais houbese dentro do cadro de persoal traballadores que poidan acceder ó dito posto; en tal caso; estes terán preferencia.

Artigo 17º.-Xubilación.

De conformidade co Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, poderá solicitarse a xubilación ós 64 anos, estando obrigadas as empresas, de acordo co citado real decreto, a substituí-lo traballador que se xubila por outro traballador nas condicións previstas na referida disposición.

Artigo 18º.-Día de pagamento.

O día de pagamento será o día 10 de cada mes. No caso de que o dito día coincida en sábado ou festivo, será o día anterior hábil.

Artigo 19º.-Condicións económicas.

Serán as seguintes: (anexo I).

-Salario base mensual.

-Complemento transporte (aboaráselles a tódolos traballadores).

-Complemento penoso, tóxico e perigoso (aboaráselles a tódolos traballadores).

-Complemento de productividade (aboaráselles a tódolos traballadores).

-Complemento noturno (aboaráselles os que traballen de: 22 a 6 horas).

-Complemento turnicidade (a tódolos que as fagan).

-Complemento operadores tren, (aboarase por 12 mensualidades).

-Antigüidade.

No caso dos traballadores a tempo parcial cobrarán tódolos conceptos económicos proporcionalmente á

xornada de traballo, excepto o complemento de transporte que se pagará na súa totalidade.

Artigo 20º.-Complemento por antigüidade.

Tódolos traballadores, ó cumpriren os dous anos de antigüidade no centro de traballo, percibirán un complemento de 2.000 ptas./mes (12,02 euros), que se incrementará cada bienio en 500 ptas./mes (3,01 euros) máis, durante os seguintes 10 anos, manténdose o dito complemento desde esa data.

Estas cantidades revisaranse tódolos anos de vixencia do convenio na mesma porcentaxe que o faga a táboa salarial.

Artigo 21º.-Incentivo operadores tren.

A todo o persoal que desempeñe as funcións de operador de tren, aboaráselles un incentivo de 2.500 ptas./mensuais (15,03 euros).

Artigo 22º.-Pagas extraordinarias.

A empresa aboaralle a todo o persoal comprendido neste convenio tres pagas extraordinarias anuais que se axustarán ás seguintes normas:

-Contía: 30 días de salario base máis antigüidade.

-Data de aboamento:

* Verán: 20 de xullo.

* Nadal: 20 de decembro.

* Marzo: 20 de marzo.

Artigo 23º.- Horas extraordinarias.

Segundo táboas en anexo I.

-1.200 ptas. (7,21 euros) en días laborables.

-1.400 ptas. (8,41 euros) en festivos, noites e domingos.

Artigo 24º.-Seguridade, prevención e saúde laboral.

1. Roupa de traballo ó ano: ó persoal afectado por este convenio facilitaráselle, como mínimo:

-3 buzos que poderán substituírse por traxe de faena de dous corpos á vontade do traballador, sempre que as condicións de traballo e seguridade o permitan.

-3 camisas.

-1 cazadora ou chaleco.

-1 anorak ou forro polar.

-2 pares de botas.

-1 impermeable ou roupa de augas ó persoal que o necesite.

-Equipo de protección individual: os necesarios.

Calquera dos anteriores que se deteriore cambiarase por un novo.

2. Servicios da empresa: en canto a servicios na empresa tales como armarios, duchas, comedores, salas de estar, etc., observarase o disposto na regulamentación vixente.

3. Comités de seguridade e saúde: a súa composición observará o disposto no artigo 35 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Os membros do comité de seguridade e saúde disporán do tempo necesario, dentro da súa xornada laboral, para o exercicio das súas funcións, que deberá comprender de forma efectiva e habitual a comprobación e revisión das medidas de prevención no centro de traballo.

4. Recoñecemento médico: con carácter obrigatorio para a empresa, tódolos traballadores efectuarán unha revisión anual, específica para o posto de traballo que desempeñan, dentro da xornada laboral.

Artigo 25º.-Representacións sindicais.

Ademais do previsto no ET, na LOLS e demais lexislación vixente na materia.

As horas sindicais poderán acumularse nun ou en varios membros do comité anualmente, por seccións sindicais.

Artigo 26º.-Categorías profesionais.

Asimílanse a determinada categoría as seguintes:

-Encargado: xefe da quenda.

-Oficial 1ª: operador, operador de guindastre, conductor, maquinista, axente de circulación, rondista.

-Oficial 2ª: control de acceso.

-Peón: limpeza, almaceneiro ou peón de almacén, xardiñeiro, triaxe, secadeiro.

-Encargado ou xefe da quenda administrativo.

-Oficial 1ª administrativo, equiparado a oficial 1ª de oficio.

-Auxiliar administrativo, equiparado a oficial 2ª de oficio.

Cláusulas adicionais:

Primeira.-Para o non previsto neste convenio observarase o disposto no convenio xeral do sector de limpeza pública, rega, recollida, tratamento e eliminación de residuos, limpeza e conservación de redes de sumidoiros, así como a resolución da comisión paritaria do dito convenio publicada no BOE, nº 306, do 22 de decembro de 2000, ET, LOLS e demais lexislación vixente.

Segunda.-As discrepancias producidas no seo da comisión paritaria resolveranse de acordo cos procedementos regulados no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solucións de conflictos de traballo (AGA).

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA