Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 19 de xullo de 2002 Páx. 11.435

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

SOCIEDADE DE IMAXE E PROMOCIÓN TURÍSTICA DE GALICIA, S.A.

ANUNCIO do 18 de xuño de 2002 para a convocatoria dunha praza de persoal laboral fixo para a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. anuncia a convocatoria para a contratación laboral fixa da seguinte praza:

a) Posto: adxunto á Dirección. Coordinador de stages. Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Ref.: ADX-DIR.

1. Funcións principais: baixo a dirección e supervisión da Dirección do Centro Superior de Hostalería de Galicia, asumirá o deseño, desenvolvemento, coordinación e seguimento das prácticas en empresas dos alumnos; encargarase da xestión dos puntos de venda de restauración, así como dos servicios xerais (almacén, mantemento...).

2. Prazas: 1-xornada completa.

3. Requisitos:

-Formación en xestión hostaleira.

-Experiencia, en postos de responsabilidade en empresas do sector hostaleiro ou docente, de 18 meses, dos que un mínimo de 6 serán en cadeas hostaleiras.

-Dominio de inglés e/ou francés.

-Dispoñibilidade para viaxar.

4. Valorarase:

-Currículum vitae.

-Coñecementos de xestión hostaleira.

-Tratamento de textos e folla de cálculo (Microsoft Office).

-Capacidade de dirección e integración en equipos de traballo.

5. Probas que se van realizar:

-Exame de coñecementos profesionais, eliminatorio (ver temario anexo).

-Proba oral e escrita de inglés e/ou francés.

-Proba práctica de Microsoft Word 2000 e Microsoft Excel 2000.

-Cuestionario de personalidade.

-Entrevista persoal.

b) Documentación que hai que presentar:

-Currículum vitae.

-Fotografía tamaño carnet.

-Documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite a formación esixida, así como a formación complementaria e/ou experiencia que se desexe xuntar para ser valorada, xunto co certificado de vida laboral.

c) Lugar e prazo de presentación de solicitudes:

-As solicitudes, dirixidas ó director do Centro Superior de Hostalería de Galicia, faranse chegar á dirección seguinte: estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela, indicando no sobre a referencia do posto ó que se opta.

-O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

d) Selección:

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o comité de selección designado para a praza ofertada publicará as listas previas de admitidos e excluídos no proceso de selección.

O mecanismo de selección consistirá na realización das probas especificadas no punto a.5, cunha puntuación máxima do 50% sobre o total posible, valoración de méritos cunha puntuación máxima do 40% e unha entrevista persoal cunha puntuación máxima do 10%.

e) Elaboración de listas para a cobertura de prazas temporais.

A lista da praza convocada, ordenada pola suma das puntuacións de cada un dos exercicios superados polos candidatos, con todos aqueles que aprobasen alomenos dúas das probas do proceso de selección, utilizarase para a cobertura de prazas temporais da mesma categoría, que poidan ir xurdindo na sociedade, conforme o establecido no artigo 7.2º da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

Para a contratación de persoal laboral da lista mencionada no parágrafo anterior, Turgalicia instará o primeiro da lista, mediante telegrama, para que com

pareza nas súas dependencias e, se é o caso, acepte a praza ofertada. No caso de non presentarse, entenderase que renuncia a ela, procedendo a sociedade ó chamamento do seguinte da lista, decaendo, o candidato que renunciou á praza, en tódolos dereitos que puidesen derivarse da súa participación neste proceso.

Os candidatos que sexan chamados para unha contratación serán excluídos das listas durante o tempo de duración do contrato e, unha vez finalizado este, pasarán a ocupa-lo mesmo lugar que tiñan na lista no caso de contratos de duración inferior a seis meses, e pasarán ó derradeiro lugar da lista no caso de contratos superiores a seis meses.

En tódolos contratos temporais superiores a seis meses establecerase un período de proba.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2002.

Heriberto Verdés Vilaseca

Director-xerente de Turgalicia

ANEXO

Temario

Adxunto á Dirección. Coordinador de stages

1. Tipos de servicio (restaurante, bar, cafetería).

2. Xestión de compras e almacén.

3. Control de custos en hostalería.

4. Comercialización da área de restauración.

5. Comercialización da área de aloxamento.

6. Organización do departamento de alimentos e bebidas.

7. Organización do departamento de aloxamento.

8. Fixación de prezos.

9. Confección de orzamentos.

10. Regulación xurídica do sector hostaleiro.