Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 19 de xullo de 2002 Páx. 11.432

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE AMES

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ames.

O Concello Pleno, en sesión extraordinaria celebrada o día 28 de xuño de 2002, acordou:

1. Aprobar-lo informe emitido polo equipo redactor en relación coas alegacións presentadas durante o período de información pública do proxecto do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ames, e as puntualizacións e precisións que constan nos informes dos técnicos municipais.

2. Ratificar-los convenios urbanísticos subscritos polo alcalde en representación do concello e que foron incorporados como determinacións do plan xeral.

3. Aprobar así mesmo as modificacións derivadas dos informes preceptivos dos organismos sectoriais con competencia, e especialmente as derivadas do informe vinculante do 28 de maio de 2002 da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

4. Aprobar definitivamente o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ames presentado a informe da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, incorporando a modificación referida a supresión do sector S-01 de solo urbanizable, e a súa clasificación como solo rústico de especial protección forestal similar ós terreos colindantes, en cumprimento do informe vinculante da consellería remitido con data 21 de xuño de 2002, e a elaboración dun documento refundido no que queden definitivamente recollidas as correccións da consellería e o indicado respecto ó sector S-01 de solo urbanizable.

5. Redactar-lo texto refundido do dito proxecto e cumpri-los requisitos legais necesarios para a súa entrada en vigor derivados do disposto no artigo 48 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

O que se fai público para a súa executividade, cumprindo así co disposto no artigo 48.2º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, sinalando que contra o presente acordo, que é definitivo en vía administrativa, de conformidade co disposto no artigo 6 da Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación de competencias en materia de urbanismo, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que o dictou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da derradeira publicación do presente anuncio no BOP, no Diario Oficial de Galicia, ou no periódico El Correo Gallego, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se se opta pola interposición do recurso potestativo de reposición deberá ser resolto e notificado polo

concello no prazo dun mes, segundo o establecido no artigo 117.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Transcorrido un mes desde a interposición do recurso de reposición sen que recaese resolución en prazo entenderase desestimado, e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Contra a resolución expresa do recurso de reposición, ou ben directamente contra o presente acordo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 10.1º a) e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da notificación da dita resolución, ou ó da derradeira publicación do presente acordo; se a resolución non fose expresa o prazo de interposición do recurso contencioso-administrativo será de seis meses, e contarase a partir do día seguinte a aquel no que deba entenderse desestimado o recurso potestativo de reposición interposto.

Advírtese de que tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que os interesados estimen pertinente.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Ames, 4 de xullo de 2002.

Xosé Astray Lorenzo

Alcalde