Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 19 de xullo de 2002 Páx. 11.421

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2002, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se anuncia a aprobación definitiva dos proxectos de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisen ocupar para execución do proxecto de modificación do plan especial de protección e reforma interior do casco histórico de Ourense na unidade UE-4, zona 12. (Expediente 112/2002).

Vista a documentación que figura no expediente nº 112/2002, remitido polo delegado provincial do IGVS de Ourense, de acordo cos seguintes:

I. Antecedentes:

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo remitiu o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisen ocupar para a execución do proxecto de modificación do plan especial de protección e reforma interior do casco histórico de Ourense na unidade UE-4 zona 12.

2. O Concello de Ourense o 20 de decembro de 2001 acordou inicia-lo expediente de expropiación forzosa mediante o proxecto de taxación conxunta e sometelo a información pública polo prazo dun mes, anunciando no diario La Región do 28 de marzo de 2002 e no DOG do 11 de abril de 2002.

3. As taxacións foron notificadas individualmente ós que aparecen como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal da correspondente folla de taxación e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulasen alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da Lei do solo de Galicia.

4. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, emite un certificado no sentido de que non se presentaron alegacións polos interesados no expediente.

II. Fundamentos xurídicos:

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta de conformidade co disposto no artigo 145 da Lei do solo de Galicia.

Segundo.-O proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta ten por obxecto executa-lo proxecto de modificación do plan especial de protección e reforma interior do casco histórico de Ourense na unidade UE-4 zona 12.

En virtude do disposto polos artigos 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre rexime do solo e valoracións, e os artigos 54, en relación co 124 e 145, da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a dita aprobación implica a declaración de utilidade pública das obras e a necesidade da ocupación dos terreos e edificacións correspondentes para os fins da expropiación ou imposición de serviduría.

Terceiro.-O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva esixida polo artigo 145.1º da Lei 1/1997, do solo de Galicia:

-Determinación do seu ámbito territorial, cos documentos que o identifican en canto a situación, superficie e lindeiros.

-Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

-Follas de prezo xusto individualizado de cada predio.

-Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións, se é o caso.

Cuarto.-Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse ós establecidos polos artigos 23 e seguintes da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións.

Quinto.-A competencia para aproba-lo expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle por delegación ó director xeral de Urbanismo, de acordo co artigo 1 da Orde do 30 de decembro de 1999 do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, (DOG do 10 de xaneiro de 2000), pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

Na súa virtude, vista a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións e as demais disposicións aplicables, proponse adopta-la seguinte resolución:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto de modificación do plan especial de protección e reforma interior do casco histórico de Ourense na unidade UE-4 zona 12, para os efectos previstos polos artigos 145 e 146 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Esta aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 146.1º da Lei do solo de Galicia.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6º, 7º e 8º do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (artigo 146.2º da Lei do solo de Galicia).

Segundo.-Notifica-lo contido desta resolución aprobatoria do expediente ó Concello de Ourense, e de xeito individualizado a tódolos que aparezan como titulares dos bens e dereitos que figuran no expediente, ós que se lles xuntarán a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días durante o que poderán manifestar por escrito ante esta dirección xeral a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, de conformidade co disposto polo artigo 145.7º da Lei do solo de Galicia, advertíndolles que transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia).

Terceiro.-Publica-la presente resolución así como a seguinte relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

Relación de propietarios afectados pola expropiación forzosa de bens e dereitos que se precisan ocupar para execución do proxecto de modificación do plan especial de protección e reforma interior da zona histórica de Ourense na unidade UE-4 zona 12 (Ourense).

Nº predio/Natureza/Situación/Propietario/Superficie m que se vai expropiar/Construccións e outros elementos/Plantación e cultivos/Prezo xusto para o propietario/Outro dereito que se vai expropiar/Titular do dereito/Prezo xusto do dereito.

3A/Urbana/Terreo na parte posterior da Rúa Julio Prieto Nespereira nº 1/Luis e María de las Victorias Álvarez Rodríguez/205,94 m/Non/Non/32.253,22 euros/Non.

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello servirá de notificación ós propietarios descoñecidos, ós que se ignore o lugar de notificación, ou ben tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo isto, de conformidade co disposto polo artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarto.-Igualmente, notificaráselle o contido desta resolución á Fiscalía da Audiencia Provincial, para os efectos establecidos no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, en relación cos propietarios descoñecidos e os non comparecentes no procedemento expropiatorio.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigo 116, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) ou recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación (artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa).

Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo.

Todo isto sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen dun prazo de vinte días para manifesta-la súa desconformidade como se indicou no punto 2 desta resolución, nos termos establecidos polo artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2002

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo