Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 19 de xullo de 2002 Páx. 11.405

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Estacionamientos y Servicios, S.A. (Eyssa-Grúas Vigo).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Estacionamientos y Servicios, S.A. (Eyssa-Grúas Vigo), con nº de código 3602881 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-6-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, con data do 9-5-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións ecoinómica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de xuño de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo entre a empresa Estacionamientos y Servicios, S.A., adxudicataria do concurso para a prestación do servicio de retirada, depósito e custodia de vehículos, contedores, indebida ou defectuosamente estacionados, parados ou depositados na vía pública do concello de Vigo e os traballadores que figuran adscritos ó servicio

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación, persoal, funcional e territorial.

Este convenio será de aplicación a todo o persoal que, prestando os seus servicios no centro de traballo establecido na cidade de Vigo, estea contratado por Estacionamientos y Servicios, S.A., adxudicataria do concurso para a prestación do servicio de retirada, depósito e custodia de vehículos, contedores, indebida ou defectuosamente estacionados, parados ou depositados na vía pública do Concello de Vigo.

Artigo 2º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día seguinte ó da súa publicación no BOP, agás os económicos, que se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 2002.

Artigo 3º.-Duración.

A duración deste convenio será de dous anos e estenderase desde o 1 de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2003.

Este convenio entenderase automaticamente denunciado de ano en ano, sen necesidade de aviso previo por ningunha das partes.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

No suposto de que a autoridade laboral non aprobase algún dos pactos contidos neste convenio, este quedará sen eficacia práctica, e deberá ser reconsiderado na súa totalidade.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou a orixe delas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación, só poderán afectar ás condicións pactadas neste convenio cando, consideradas as novas retribucións en cómputo anual, sexan superiores ás aquí pactadas. En caso contrario, serán absorbidas ou compensadas por estas últimas, e subsistirá este convenio nos seus propios termos e sen ningunha modificación nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 6º.-Garantía ad personam. Dereitos adquiridos.

Respectaranse as condicións superiores pactadas a título persoal que estean establecidas ó entrar en vigor este convenio e que con carácter global o excedan en cómputo anual.

Artigo 7º.-Comisión mixta paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria neste convenio, composta por un representante da empresa e outro dos traballadores. Ámbalas partes poderán contar cos asesores que consideren necesarios.

As partes conveñen en dar coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puidesen orixinarse como consecuencia da interpretación e aplicación deste convenio, co obxecto de que esta emita informe antes de interpor reclamación perante os organismos correspondentes.

Os acordos da comisión tomaranse por maioría.

Artigo 8º.-Lexislación supletoria.

Para todo o non previsto neste convenio, será de aplicación a lexislación laboral vixente e, en especial, o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Organización e condicións de traballo

Artigo 9º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade da empresa, con respecto ás condicións contratadas co concello e, en especial, correspóndelle á empresa fixar sistemas de traballo, distribución do persoal, etc.

Artigo 10º.-Definición do persoal.

O persoal ó servicio da empresa clasificarase atendendo ás funcións que desenvolva da seguinte maneira:

Encargado: é a persoa designada pola empresa que ten ó seu cargo o persoal operario e dirixe, supervisa e coordina os seus traballos.

Ten responsabilidade do traballo, disciplina, seguridade e saúde laboral do persoal ó seu cargo, e debe posuí-los coñecementos suficientes para realiza-las ordes que lle encomenden os seus superiores.

Confeccionará o cadro das quendas de servicio do persoal ás súas ordes, coidando e supervisando os relevos e asegurando que en todo momento se poidan supli-las ausencias do seu persoal por vacacións, enfermidades, etc.

Recibirá os materiais e pedidos e dará a conformidade en canto ó contido e control de calidade do recibido.

Analizará os partes diarios do persoal de guindastre, para efectos de coñece-las incidencias acaecidas no parque de vehículos e material auxiliar e as necesidades de mantemento xeradas.

Coordinará e colaborará coa policía municipal, transportes e outros servicios do concello, para un correcto funcionamento do servicio.

Conductor de guindastre: ocúpase da conducción do guindastre, a carga, descarga, retirada e traslado ó depósito municipal de vehículos e os traballos incluídos no prego de condicións vixente no momento da sinatura do convenio.

Encárgase de revisar periodicamente a situación dos niveis e estado en xeral do vehículo que vai utilizar, avisando inmediatamente os seus superiores das avarías que detecte.

Ocúpase do coidado e manexo do vehículo asignado e de tódolos elementos e equipos que están asignados a el para a prestación do servicio.

Controlador de depósito: cubrirá os impresos diarios sobre o servicio, realizará o cobramento de taxas do depósito e emitirá a carta de pagamento correspondente ó cidadán que retire o vehículo, procedendo á liquidación e arqueo de caixa coa periodicidade e formularios que en cada caso se estableza.

No suposto de que nas operacións de medio enganche e outros sexa o conductor quen efectúe os cobramentos, as cantidades recadadas liquidaranse entre este e o controlador do depósito que, á súa vez, coidará do destino e liquidación final do diñeiro, efectuando os movementos de caixa necesarios para o servicio, sendo o responsable desta.

Dará entrada e asento, no libro de rexistro e máis no ordenador, das entradas e saídas no momento de ser retirado un vehículo polo seu dono ou representante.

Encárgase do coidado e manexo da base de telefonía instalada nas dependencias do depósito, para a intercomunicación cos vehículos guindastre.

Auxiliar administrativo: é aquel persoal que ten ó seu cargo e desenvolve, con adecuada preparación profesional, tarefas administrativas dos departamentos, servicios ou seccións da administración da empresa, exercéndoas con iniciativa e responsabilidade e que pode ou non ter persoal baixo a súa supervisión.

Debe saber detectar e resolver problemas operativos como erros de operación ou de máquinas.

Artigo 11º.-Cambio de titularidade da empresa e subrogación dos servicios.

Co fin de regula-la estabilidade no emprego dos traballadores desta actividade, cando a actual empresa perda a adxudicación dos servicios contratados, a nova sociedade adxudicataria ou entidade que se faga cargo estará obrigada a subrogarse nos contratos dos traballadores adscritos a estes servicios, calquera que sexa a súa modalidade de contratación.

A nova sociedade ou entidade que se faga cargo estará obrigada a respectar tódolos dereitos económicos e laborais dos traballadores, recoñecendo

expresamente os seus representantes legais, e estará obrigada a cumpri-lo convenio colectivo en vigor.

Artigo 12º.-Xornada.

A xornada de traballo queda establecida en corenta horas semanais de traballo efectivo, que se distribuirán de luns a domingo. A xornada en cómputo anual será de 1.812 horas para o ano 2002 e 1.800 horas para o ano 2003.

Cada traballador deberá realiza-la xornada de traballo efectiva de acordo coas fórmulas de reparto horario existentes no centro de traballo, dentro dos límites establecidos na lei, en réxime de quendas e con carácter rotativo.

Enténdese como traballo efectivo a presencia do traballador no seu posto de traballo e dedicado a el.

A xornada de traballo estará supeditada en cada momento ás necesidades do servicio e ós cambios que nel poidan producirse, en función do contrato entre a empresa e o Concello de Vigo.

Os traballadores terán dereito a 15 minutos de bocadillo, que se considerarán como tempo efectivo de traballo, período que se fará coincidir co da policía.

Os excesos de xornada por acumulación de horario semanal desfrutaranse como máximo dentro do mes seguinte a aquel no que se producisen.

Artigo 13º.-Vacacións.

Todo o persoal afecto a este convenio desfrutará de 30 días naturais de vacacións retribuídas ou a parte proporcional que lle corresponda, en función do tempo de permanencia na empresa.

O período de desfrute das vacacións será do 1 de xuño ó 30 de setembro, de forma rotativa, da maneira seguinte: xuño, agosto, xullo, setembro.

En caso de comeza-las vacacións coincidindo cun día de descanso, o inicio será ó día seguinte.

Artigo 14º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración de todos aqueles conceptos retributivos que non se encontren vinculados de forma expresa á prestación efectiva da actividade laboral, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto fóra da provincia, o tempo será de catro días.

c) Tres días en caso de hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

d) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de descanso no seu traballo diario, que poderán dividir en dúas fraccións. As traballadoras poderán substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora, coa mesma finalidade.

e) Un día por traslado de domicilio habitual.

f) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber de carácter público e persoal.

g) Un día por matrimonio de fillo/a, irmán/á.

Artigo 15º.-Recoñecemento médico.

A empresa concertará coa entidade aseguradora de accidentes de traballo unha revisión médica anual para tódolos traballadores.

Artigo 16º.-Anticipos.

Os traballadores terán dereito a solicitar un anticipo mensual sobre os haberes devengados. O dito anticipo deberá solicitarse antes do día 15 de cada mes.

Capítulo III

Condicións económicas

Artigo 17º.-Salario base.

O salario base do persoal afecto a este convenio é o que para cada categoría se establece na táboa salarial anexa.

O salario base devengarase por día natural.

Artigo 18º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade consistirá en tres bienios do 5% e posteriores quinquenios do 10% do salario base de cada categoría.

Os aumentos por anos de servicio comezarán a devengarse a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel no que se cumpra o bienio ou quinquenio.

Artigo 19º.-Complemento de asistencia.

Establécese un complemento de asistencia para o persoal afecto por este convenio, na contía sinalada na táboa salarial anexa, que se aboará por día efectivamente traballado.

Artigo 20º.-Complemento de nocturnidade.

Establécese un complemento de nocturnidade para todo o persoal que realice a súa xornada entre as 22 e as 6 horas do día seguinte, consistente nun 25 % do salario base, que se aboará por día efectivamente traballado.

Artigo 21º.-Festivo traballado.

Para os traballadores que presten servicio nalgún dos catorce festivos anuais, establécese un complemento de festivo traballado na contía seguinte:

Ano 2002: 12 euros por festivo traballado.

Ano 2003: 15 euros por festivo traballado.

Artigo 22º.-Noiteboa e Noitevella.

Establécese unha prima para os conductores que traballen as noites do 24 e 31 de decembro de cada ano na contía seguinte:

Ano 2002: 42 euros por noite traballada.

Ano 2003: 45 euros por noite traballada.

Artigo 23º.-Complemento extrasalarial.

Para supli-los gastos ocasionados polo transporte, establécese un complemento extrasalarial na contía establecida na táboa salarial anexa, que se aboará por día efectivamente traballado.

Artigo 24º.-Horas extras.

As partes que asinan este convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias.

As horas que teñan a consideración de extraordinarias terán un incremento do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

A empresa, sempre e cando non se perturbe o normal proceso productivo, poderá compensa-la retribución das horas extraordinarias por tempos equivalentes de descanso.

Artigo 25º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaránselle a todo o persoal afecto por este convenio dúas pagas extraordinarias denominadas de verán e de Nadal, de acordo coas seguintes condicións:

A contía de cada unha delas será de 30 días de salario base máis antigüidade.

* O período de devengo será o seguinte:

Verán: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

Nadal: do 1 de xullo ó 31 de decembro.

* A data de aboamento será a seguinte:

Verán: o día 15 de xullo.

Nadal: o día 22 de decembro.

Capítulo IV

Melloras sociais

Artigo 26º.-Complementos por IT.

1. Accidente.

A empresa completará as prestacións que perciba o traballador nos casos de baixa por accidente laboral, ata o 100% do salario bruto mensual, a partir do primeiro día da baixa.

2. Enfermidade.

A empresa completará as prestacións que perciba o traballador nos casos de baixa por enfermidade común que requira hospitalización e mentres dure esta, ata o 100 % do salario bruto mensual e na primeira baixa do ano.

Os días de baixa por accidente laboral non penalizarán ás pagas extras, así como a primeira baixa

por enfermidade común, non devengándose no resto dos supostos.

Artigo 27º.-Contratos.

En materia de contratación laboral haberá que aterse ó disposto na lexislación laboral vixente en cada momento e normas complementarias que a regulen, e, en especial, o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Artigo 28º.-Póliza de accidentes de traballo.

A empresa comprométese a subscribir unha póliza de seguro por accidente de traballo que lle garanta ó traballador ou ós seus habentes causa, as seguintes indemnizacións:

Falecemento por accidente laboral: 15.552 euros.

Invalidez absoluta, gran invalidez ou morte derivada de enfermidade profesional: 24.041 euros.

Esta póliza entrará en vigor ós quince días da sinatura deste convenio.

Artigo 29º.-Retirada do permiso de conducir.

No suposto de que un traballador con categoría de conductor de guindastre, realizando o seu cometido, con vehículo da empresa e cumprindo a función encomendada, lle fose retirado provisionalmente o permiso de conducir, a empresa colocarao noutro posto de traballo, respectándolle a retribución de conductor de guindastre, por un período máximo de seis meses; ó final da suspensión será integrado á súa antiga categoría e posto de traballo anterior. Será de aplicación cando a circunstancia ocorra in itinere con vehículo propio.

Estes beneficios non terán lugar cando a causa da retirada do permiso de conducir sexa debida a imprudencia temeraria, embriaguez ou drogadicción.

Artigo 30º.-Conflictos cos usuarios.

En caso de conflictos que adquiran estado xudicial de empregados da empresa con usuarios do servicio, con motivo deste, aquela proporcionará avogado e procurador e sufragará os gastos que estes orixinen, para que defendan o traballador ou traballadores implicados.

Cando o traballador deba acudir ó xulgado por citación xudicial fóra do seu horario de traballo, a empresa compensará con tres horas de descanso para os temas relacionados co seu traballo.

Artigo 31º.-Axuda familiar.

Os traballadores afectados por este convenio que teñan ó seu cargo a unha persoa diminuída psíquica ou física, de acordo coas estipulacións requiridas pola Seguridade Social e logo de xustificación, percibirán un complemento extrasalarial consistente en 60,10 euros mensuais.

Artigo 32º.-Axuda escolar.

Aqueles traballadores con fillos, con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, que se encontren cursando estudios oficiais e debidamente xustifica

dos mediante presentación de matrícula, percibirán anualmente no mes de setembro, os seguintes importes:

Ano 2002: 30 euros.

Ano 2003: 33 euros.

Artigo 33º.-Préstamos.

Establécese a creación dun fondo para préstamos por un importe de 6.010,12 euros, do cal se irán concedendo, logo de solicitude por escrito que visarán a empresa e comité de empresa e que se realizará no modelo que se estableza para o efecto, préstamos cun importe máximo por traballador que será de 601,01 euros.

A devolución detraerase das nóminas das doce mensualidades seguintes e deberá transcorrer un mínimo de seis meses entre a finalización do préstamo e a solicitude doutro novo polo mesmo traballador.

Cando se esgote a cantidade fixada, non se darán máis préstamos, ata que non se vaian reintegrando as cantidades xa entregadas.

Artigo 34º.-Xubilación anticipada.

Establécese un sistema de indemnización no caso de xubilación anticipada, voluntaria e de mutuo acordo entre a empresa e o traballador de acordo coa seguinte escala:

Xubilación ós 60 anos: 5 mensualidades.

Xubilación ós 61 anos: 4 mensualidades.

Xubilación ós 62 anos: 3 mensualidades.

Xubilación ós 63 anos: 2 mensualidades.

Xubilación ós 64 anos: 1 mensualidade.

As mensualidades aboaranse con independencia dos anos de servicio na empresa.

Artigo 35º.-Roupa de traballo.

Os traballadores percibirán como dotación de roupa de traballo as seguintes pezas de uso obrigatorio, participando na elección destas o delegado de prevención, coa periodicidade que se detalla:

Anualmente:

Verán:

Dúas camisas.

Un par de zapatos.

Unha funda de traballo.

Inverno:

Dúas camisas.

Un par de zapatos.

Unha funda de traballo.

Un xersei gordo.

Bianualmente:

Un traxe de auga.

Como elementos de protección individual facilitaráselles ós conductores as seguintes pezas:

Chaleco reflectinte.

Cinto protección lumbar.

Dotarase a cada guindastre dunha lanterna para a realización de traballos nocturnos.

As datas de entrega serán como se indica:

Verán: 2 de maio.

Inverno: 1 de outubro.

En caso de producirse baixa do traballador na empresa por calquera motivo, estará obrigado a entrega-la roupa que teña en existencia. Igualmente en cada entrega de roupa, salvo a entrega inicial, recollerase a peza usada correspondente.

Cláusulas adicionais

Primeira.-O incremento salarial pactado para o ano 2002 será do 3,5% sobre a táboa laboral vixente ó 31-12-2001.

Segunda.-O incremento salarial pactado para o ano 2003 será o IPC real do ano 2002 máis un punto, sobre a táboa salarial vixente ó 31-12-2002.

Estacionamientos y Servicios, S.A.

ANEXO

Táboa salarial do persoal adscrito ó servicio de retirada, depósito e custodia de vehículos, contedores, indebidamente ou defectuosamente estacionados, parados ou depositados na vía pública do termo municipal de Vigo

Vixencia: do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2002.

CategoríasSalario base

(365 días)

Complemento

asistencia

(274 días)

C. transporte

(274 días)

Pagas

extras

ver./Nad.

Bruto

anual

Encargado37,430,732,721.122,9016.853,05

Conductor26,530,732,72795,9012.220,55

Control depósito26,120,732,72783,6012.046,30

Aux. administrativo783,2721,8567,75783,2712.040,98

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA