Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 19 de xullo de 2002 Páx. 11.394

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 239/2002, do 27 de xuño, sobre axudas para reparación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

A xeral aceptación das axudas previstas no Decreto 275/1999, do 14 de outubro, así como a necesidade aínda existente de actuacións de reparacións en edificios de vivendas de promoción pública explica a oportunidade da publicación dunha nova normativa que continúe como instrumento incentivador para acomete-las actuacións encamiñadas a mellora-lo estado de conservación e mantemento, solucionando os problemas de deterioración das edificacións e dotando dunha calidade de vida adecuada os seus residentes.

Así, na presente normativa ampliaranse as actuacións a aqueles edificios onde existen vivendas en alugamento, acceso diferido á propiedade ou vacantes co obxecto de non impedir que estas comunidades, polo feito de non ser todos propietarios, queden á marxe das axudas.

Así mesmo, o presente decreto adáptase ó novo réxime xurídico que se introduce no ordenamento pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e que modifica as disposicións do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; pola Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia do día vintesete de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regula-lo establecemento e a concesión de axudas á reparación dos edificios de vivendas de promoción pública.

Artigo 2º.-Actuacións protexibles.

A reparación de edificios referirase ás modalidades de actuación que se definen a continuación:

1. Adecuación estructural do edificio: obras que proporcionen ó edificio condicións de seguridade constructiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez.

2. Adecuación funcional: obras que proporcionen ó edificio condicións suficientes respecto de accesos, estanqueidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico, redes xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, servicios xerais e seguridade fronte a accidentes e sinistros, supresión de barreiras arquitectónicas e instalación de calefacción, así como a restauración de fachadas e carpinterías exteriores.

Artigo 3º.-Orzamento protexible.

Para os efectos deste decreto, o orzamento protexible sobre o que se calculará a contía da subvención estará integrado polo custo real das obras, determinado polo orzamento de execución material máis o IVE.

En todo caso, establécense como prezos máximos os das distintas partidas da base de datos da construcción de Galicia vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes e, para as partidas non definidas, determinaranse os rendementos por asimilación a outras partidas.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións previstas neste decreto as comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública sempre que se cumpran as seguintes condicións:

1. Que o edificio teña unha antigüidade superior a 10 anos.

2. Que os edificios que vaian ser rehabilitados para obte-la adecuación funcional dispoñan xa da adecuación estructural ou vaian acadala simultaneamente.

Artigo 5º.-Subvencións.

A contía da subvención fixarase porcentualmente en función do tipo de adecuación que se vaia realizar.

Adecuación estructural:

-75% do orzamento protexible, sen que o importe dela poida supera-los 4.800 euros por vivenda.

Adecuación funcional:

-60% do orzamento protexible sen que o importe dela poida supera-los 3.600 euros por vivenda.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda dictará a orde de desenvolvemento deste decreto na que se determinará o prazo de presentación de solicitudes, o modelo ó que se axustarán e a documentación que os solicitantes deberán achegar.

As solicitudes deberán ser formuladas polos presidentes das comunidades de propietarios e presentaranse, xunto coa documentación, nas delegacións provinciais do IGVS ou segundo o establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Selección de beneficiarios e actuacións.

No caso de que o importe das actuacións solicitadas por tódalas comunidades de propietarios supoña excede-las dispoñibilidades orzamentarias previstas na aplicación orzamentaria asignada para esta finalidade, farase unha selección de acordo cos seguintes criterios:

1. Terán preferencia aquelas solicitudes que obteñan un maior número de puntos como resultado da aplicación do baremo que se estableza na orde de desenvolvemento deste decreto, ata esgota-lo importe total da aplicación orzamentaria.

2. Nos casos de igualdade de puntuación, a orde de prelación será con base á urxencia ou emerxencia das obras que se vaian realizar, que serán avaliadas pola comisión de valoración.

Os servicios técnicos do IGVS, á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elaborarán un informe no que se valorará a necesidade das reparacións solicitadas, solución técnica aplicable, prazo de execución e orzamento da actuación.

Cando unha comunidade de propietarios solicite diferentes obras de reparacións, estas valoraranse individualmente en función do tipo de actuación de que se trate, de tal xeito que poida aprobarse soamente unha parte das obras solicitadas.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Co obxecto de realiza-la selección dos beneficiarios en aplicación do establecido neste decreto e na orde que o desenvolva constituirase unha comisión de valoración que terá a seguinte composición:

Presidente: o director técnico de construccións do IGVS.

Vocais:

-O xefe do Servicio de Programación, Xestión de Investimentos e Apoio Administrativo do IGVS.

-O xefe da Oficina Técnica do IGVS.

-Os xefes das áreas provinciais do IGVS.

Secretario: un funcionario designado para tal efecto polo IGVS.

A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 9º.-Aprobación provisional.

A comisión de valoración, á vista das solicitudes e da documentación presentadas, dos informes dos servicios técnicos, do crédito orzamentario dispoñible e da puntuación que resulte en cada caso, elevará a proposta de selección dos expedientes presentados ó director xeral do IGVS.

Á vista da proposta da comisión de valoración o director xeral do IGVS resolverá aprobando provisionalmente as solicitudes propostas.

A resolución aprobatoria comprenderá a puntuación acadada polo expediente e a porcentaxe de subvención que se conceda. Esta resolución poderá aprobar parcialmente unha solicitude de actuación concedendo, polo tanto, axudas soamente para algún tipo de obra das solicitadas.

Artigo 10º.-Aprobación definitiva.

Unha vez resolto o proceso de selección, os beneficiarios daquelas actuacións seleccionadas presentarán a documentación que se estableza na orde de desenvolvemento deste decreto co obxecto de que o director xeral do IGVS proceda a dictar aprobación definitiva autorizando o inicio das obras.

Artigo 11º.-Execución da obra e pagamento da subvención.

As obras executaranse con estricta suxeición ó proxecto redactado e o IGVS procederá ó pagamento das subvencións establecidas, unha vez acreditada a súa execución conforme determina a orde de desenvolvemento.

Cando nun edificio de vivendas existan vivendas vacantes, ou adxudicadas en réxime de alugamento ou de acceso diferido á propiedade, o IGVS asumirá a contía que proporcionalmente lle corresponda a estas vivendas en función da súa cota de participación.

Artigo 12º.-Compatibilidade de beneficios.

Os beneficios establecidos nesta disposición serán compatibles con calquera outra axuda que puidese outorgarse para tales fins; agora ben, en ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia coas concedidas polas administracións ou entes públicos e privados, nacionais e internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 13º.-Control.

1. O IGVS fará un seguimento puntual da execución das obras, debendo comproba-la realización da obra certificada con carácter previo ó seu pagamento.

2. O IGVS fará un control do cumprimento do obxecto, finalidade e demais compromisos adquiridos polos beneficiarios das axudas. Así, realizará as comprobacións que considere oportunas respecto destas e terá acceso a toda a documentación xustificativa delas efectuando control de conformidade co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro. O incumprimento por parte do beneficiario dos requisitos establecidos neste decreto e na orde que o desenvolva dará lugar, de acordo co previsto no artigo 78.9º da devandita lei, á revogación da axuda concedida e ó reintegro das cantidades recibidas

e mailos xuros legais desde a súa percepción, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que poida incorre-lo beneficiario.

3. No caso de que o investimento ou a actuación realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda inicialmente concedida reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Disposición adicional

O IGVS poderá realizar actuacións puntuais nos edificios de vivendas de promoción pública obxecto deste decreto cando, acreditada unha situación de urxencia ou de emerxencia, exista unha necesidade inminente de realiza-las obras, non sendo posible demora-lo seu inicio.

Disposición transitoria

Tódalas actuacións que na data de entrada en vigor deste decreto estean recollidas na programación de reparacións do IGVS serán acometidas directamente por este organismo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar, no ámbito da súa competencia, as normas necesarias en desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS

LABORAIS