Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 18 de xullo de 2002 Páx. 11.331

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 8 de xullo de 2002 que modifica a Orde do 16 de maio de 1995 pola que se regula o establecemento de convenios de colaboración en materia de reserva e ocupación de prazas en centros residenciais e vivendas tuteladas para a atención a persoas maiores.

A crecente e continua preocupación polo sector poboacional dos maiores e polo envellecemento da

poboación na nosa comunidade autónoma determinaron a creación, mediante o Decreto 306/2001, do 15 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, da Consellería de Asuntos Sociais, con competencias específicas en materia de servicios sociais, polo que é necesario adapta-la Orde do 16 de maio de 1995 ó organigrama da nova consellería, así como axeitala ó marco global das accións previstas no eido de atención ás persoas maiores.

A Orde do 16 de maio de 1995 regula o réxime dos convenios que vai subscribi-la entón Consellería de Sanidade e Servicios Sociais en materia de reserva e ocupación de prazas en centros residenciais e vivendas tuteladas para a terceira idade.

Por outra banda, con posterioridade á publicación da Orde do 16 de maio de 1995, publicouse a normativa sobre autorización e acreditación de centros. Concretamente o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e a Orde do 18 de abril de 1996 desenvólveo no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumpri-los centros de atención a persoas maiores, iso fai tamén necesario adapta-la normativa sobre convenios de colaboración en materia de reserva e ocupación de prazas a esta regulación.

Por todo isto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, e o Decreto 402/2002, do 28 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 2º.1 e 7º.1 da Orde do 16 de maio de 1995 que quedan redactados do xeito que a continuación se sinala:

«Artigo 2º.1.-Os centros e vivendas para os que se realice convenio de reserva e ocupación de prazas deberán estar situados na Comunidade Autónoma galega e as entidades titulares deles deberán cumpri-los requisitos recollidos na normativa da Xunta de Galicia que regula o réxime de autorización e acreditación de centros e as condicións previstas para os centros de atención a persoas maiores, así como someterse ás comprobacións e inspeccións que desenvolvan os órganos competentes da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.1.-Os beneficiarios atendidos nas prazas convidas participarán no financiamento do custo destas mediante a entrega á entidade titular do centro ou vivenda das cantidades que a seguir se especifican, sen que a dita achega supere en ningún caso proporcionalmente a cantidade fixada como custo da praza/día:

-No caso de vivendas tuteladas achegarase o setenta e cinco por cento (75%) dos seus ingresos totais mensuais percibidos, quedando excluídas desta minoración as gratificacións extraordinarias.

-No caso de residencias a contribución será a establecida para os beneficiarios de centros residenciais públicos dependentes da Comunidade Autónoma».

Disposición adicional

Tódalas referencias feitas na Orde do 16 de maio de 1995 á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e á Dirección Xeral de Servicios Sociais entenderanse feitas á Consellería de Asuntos Sociais e á Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade respectivamente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade para dicta-las disposicións necesarias para a interpretación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2002.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais