Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 16 de xullo de 2002 Páx. 11.123

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de xullo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 do programa de axudas á contratación indefinida de traballadores con discapacidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 25 de abril, e polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumentos da política activa de emprego, e dentro do ámbito funcional da súa Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, transferiuse á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude; na súa virtude, correspóndelle a convocatoria, a regulación específica, a xestión e o control das axudas e subvencións á contratación indefinida de traballadores con discapacidade, antes xestionadas polo Instituto Nacional de Emprego e reguladas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, modificado polo Real decreto 4/1999, do 8 de xaneiro, e polo Real decreto-lei 5/2002, do 24 de maio, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección polo desemprego e mellora da ocupabilidade, e na Orde do 13 de abril de 1994 que desenvolve o capítulo II do mencionado real decreto.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados ó Programa Operativo Integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Nesta liña de actuación, e de acordo cun dos piares básicos das directrices anuais establecidas na estratexia europea para o emprego, que incide na necesidade de loitar contra a discriminación e promove-la integración social mediante o acceso ó emprego, articúlase un programa específico coa finalidade de apoia-la integración socio-laboral e a calidade do emprego das persoas con discapacidade como colectivo con dificultades particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo.

Nesta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 do programa de axudas á contratación indefinida de traballadores con discapacidade, coa finalidade de impulsa-la súa inserción laboral por ser este o mellor instrumento para logra-la plena e eficaz integración social deste colectivo. De acordo co artigo 37 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, que establece que a integración laboral destas persoas debe realizarse fundamentalmente a través do sistema ordinario de traballo, preténdese favorece-la incorporación dos traballadores con discapacidade a postos de traballo na empresa ordinaria. Dadas as especiais dificultades que encontra este colectivo para a súa inserción no mercado de traballo, na pre

sente orde, en concordancia co Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, modificado polo Real decreto 4/1999, do 8 de xaneiro, e polo Real decreto-lei 5/2002, do 24 de maio, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección polo desemprego e mellora da ocupabilidade establécense diversos incentivos que pretenden incidir na decisión dos empresarios á hora de incorporar ós seus cadros de persoal traballadores con discapacidade.

Para avanzar na estratexia dirixida a promove-la integración laboral das persoas con discapacidade en Galicia, desde o ano 2001 engadíronse incentivos autonómicos adicionais ós previstos na normativa citada co obxecto de incidir máis favorablemente no emprego das mulleres con discapacidade e daqueles minusválidos cunha maior limitación funcional, en atención ó grao de minusvalidez.

No ano 2002, co obxecto de potencia-lo tránsito ó emprego ordinario, ademais das persoas con discapacidade en desemprego poderán acceder ós beneficios previstos neste programa os traballadores procedentes de centros especiais de emprego.

As axudas consideradas nesta orde están amparadas na súa adecuación ó dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (-2002) 1884 fin de 22-5-2002. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento polo seu sometemento ó Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado de CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10; 13-1-2001).

Neste marco de actuación as bases reguladoras deste programa para o ano 2002 axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial, o relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e o establecido na Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento dos programas regulados nesta orde, entre outros, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 14.04.241A.471.0, cun crédito de 13.341.735 euros, 14.04.241A.473.0 cun crédito de 14.046.855 euros, e 14.04.241B.475.1 cun crédito de 14.917.277 euros. As ditas contías constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que regula os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde que regula os programas de fomento do emprego en empresas de economía social, para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade, da orde reguladora dos incentivos ás iniciativas de emprego e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoem

prego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241 A e 241 B.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. A presente orde ten por obxecto fixa-las bases reguladoras e a convocatoria dos incentivos para o fomento da contratación por conta allea establecidos pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa finalidade de fomentar e favorece-la integración laboral das persoas con discapacidade ó sistema ordinario de traballo, mediante a concesión de axudas pola súa contratación indefinida nos termos previstos nesta orde.

2. Os beneficios establecidos nesta orde, nos termos previstos para cada un dos programas e tipos de axuda, serán aplicables ás contratacións iniciais e, se é o caso, ás transformacións realizadas entre o 1 de outubro e ó 31 de decembro do ano 2001 ou no ano 2002.

3. Os contratos iniciais e as transformacións de contratos temporais en indefinidos para que poidan ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

4. Para efectos das axudas consideradas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

5. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

6. Estes programas financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.471.0, 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B.475.1.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores con discapacidade para prestaren servicios en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Gali-

cia de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 3º.-Exclusións e requisitos.

1. Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

a) As contratacións realizadas con traballadores, que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestarán servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido. O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que a solicitante dos beneficios sucedera en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

b) Traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.

2. As exclusións previstas no punto 1. a) e b), non serán de aplicación cando a contratación indefinida se realice cun traballador con discapacidade procedente dun centro especial de emprego.

3. Para que poidan ser de aplicación os incentivos previstos nesta orde, as contratacións deberán realizarse para ocupar postos de traballo que non quedaran vacantes como consecuencia dun despido declarado improcedente e, no caso de empregos ligados a un investimento deberán supoñer incremento neto do emprego.

Artigo 4º.-Axudas.

1. As empresas que contraten con carácter indefinido a traballadores con discapacidade inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación, desempregados ou que procedan dun Centro Especial de Emprego, poderán obte-las seguintes axudas:

a) Unha subvención de ata 3.907 euros por cada traballador con discapacidade contratado por tempo indefinido a xornada completa. Así como á bonificación prevista no artigo 7.1º a) do Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, das cotas empresariais á Seguridade Social, incluídas as de accidentes de traballo e enfermidade profesional e as de recadación conxunta, do 70% por cada traballador con discapacidade contratado menor de 45 anos e do 90% se é maior de 45 anos.

b) Un incentivo adicional ó previsto na alínea a) deste artigo de ata 600 euros, no caso da contratación indefinida de persoas cun grao de discapacidade superior ó 49%.

c) Cando se trate da contratación indefinida dunha muller con discapacidade, establécese un incentivo adicional ós anteriores de ata 600 euros, calquera que sexa o seu grao de minusvalidez.

d) Cando o contrato por tempo indefinido se realice a tempo parcial, manteranse as bonificacións nas cotas descritas no punto a) anterior, ben que as subvencións e os incentivos adicionais, se é o caso, se reducirán proporcionalmente á xornada pactada.

e) Unha subvención, compatible coas anteriores, que poderá alcanza-los 902 euros, para a adaptación dos postos de traballo ou para a dotación de medidas de protección persoal necesarias para evitar accidentes laborais ó traballador con discapacidade contratado. A necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da inspección de traballo.

Esta axuda, se non é solicitada pola empresa poderá ser solicitada polo propio traballador.

2. A transformación en indefinidos de contratos de aprendizaxe, para a formación ou en prácticas, así como dos contratos temporais de fomento do emprego para persoas con discapacidade prevista no artigo 44.3º da Lei 42/1994, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, serán obxecto das subvencións establecidas no punto anterior. Tamén nestes supostos se aplicarán, se é o caso, os incentivos adicionais previstos nas alíneas b) e c) do número 1 deste artigo.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 5º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, corresponderá ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude cando a contratación se realice para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nesta orde dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato en indefinido.

As solicitudes de axudas polas contratacións ou transformacións realizadas entre o 1 de outubro do ano 2001 e a data de entrada en vigor desta orde, poderán presentarse ata o 10 de setembro do ano 2002.

3. As solicitudes de axuda para a adaptación de postos de traballo prevista no programa de axudas á contratación indefinida de persoas con discapacidade , non están suxeitas ós prazos sinalados no número anterior, sendo de aplicación o prazo xeral establecido no parágrafo seguinte.

4. Con independencia dos prazos establecidos no número 2, que terán que respectarse, en todo caso, o prazo xeral para a presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2002, aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a realización do contrato obxecto de subvención.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos á presente orde e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Relación nominal dos traballadores polos que se solicita subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que solicita, no que deberá facerse consta-lo tipo e grao de minusvalidez (anexo III).

3. DNI do traballador.

4. No caso de contratación inicial, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego e, salvo no caso de que se trate dun traballador que proveña dun Centro Especial de Emprego, do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social. Así como, contrato de traballo e a alta na Seguridade Social ou, no seu defecto, compromiso de contratación con traballador determinado (anexo IV).

5. Cando se trate de transformacións de contratos temporais en indefinidos realizados con traballadores con discapacidade, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación da variación de datos á Seguridade Social ou, no seu defecto, compromiso de conversión do contrato temporal en indefinido referido a traballador determinado (anexo IV).

6. Cando se trata de empresas de nova creación deberá xuntarse proxecto e memoria da empresa que se vai crear, nos que se fará constar expresamente as características do proceso productivo e o cadro de persoal da empresa que será cuberto con traballadores con discapacidade.

7. Descrición detallada do posto de traballo que se vai cubrir e ás súas características técnicas.

8. No caso de axudas para adaptación dos postos de traballo ocupados por traballadores con discapacidade, se é o caso, memoria descritiva da necesidade de adaptación ou dotación de medios de protección persoal con indicación do seu custo.

9. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públi

cas competentes ou outros entes públicos, ou de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V).

10. Declaración da estructura da empresa e do emprego (anexo VI).

11. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo VII)

12. Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece no artigo 11º.1.b desta orde (anexo VIII).

Artigo 8º.-Instrucción e tramitación.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán ó interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

2. Unha vez completos os expedientes, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude solicitará os seguintes informes:

-Dos equipos multiprofesionais, sobre a adecuación do posto de traballo á minusvalidez dos traballadores contratados.

-Da inspección de traballo, sobre a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal, para o suposto de solicitude de subvención de adaptación de postos de traballo.

-Cando se trate de empresas de nova creación, analizarase a viabilidade técnica e económica do proxecto, podendo pedir para estes efectos á Inspección de Traballo e Seguridade Social cantos documentos e informes se consideren oportunos.

Artigo 9º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas

cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

Para a valoración da contía das subvencións terase en conta, con carácter de prioritario, o seguinte: o tamaño das empresas, a súa localización en zonas especialmente desfavorecidas, así como os colectivos de mulleres, mozos, maiores de 45 anos e parados de longa duración, cando non se considere a súa prioridade de forma específica.

Artigo 11º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións, quedará condicionado á presentación, no prazo e nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegue a solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo VIII para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

c) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas.

d) Documento de alta na Seguridade Social e contrato de traballo debidamente formalizado, de non terse achegado con anterioridade e, de se-lo caso, documentos acreditativos da transformación do contrato en indefinido.

e) A xustificación para a percepción da subvención para a adaptación do posto de traballo requirirá, ademais, a presentación das correspondentes facturas que acrediten a referida adaptación ou dotación.

f) Declaración complementaria da establecida no artigo 7.9º desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V).

2. Malia o sinalado no artigo 7 e nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de paga

mento poderá presentarse xunto coa solicitude, a opción do interesado.

3. Estas axudas faranse efectivas en forma de pagamento único. Non obstante o anterior, de conformidade co disposto no artigo 9 do Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, para facer efectiva, as bonificacións da Seguridade Social as empresas dilixenciarán os seus documentos de cotización na forma establecida con carácter xeral e con suxeición ás normas que o regulan.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Os diferentes tipos de axuda previstos nesta orde para as contratacións indefinidas por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego.

2. Os beneficios establecidos á contratación indefinida nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde:

1. Ter acreditado, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

4. Manter no seu cadro de persoal fixo ós traballadores contratados ó abeiro da presente orde, por un período mínimo de tres anos, non podendo despedir a estes traballadores sen causa xustificada, e, no caso de despedimento procedente, deberán substituílos por outros traballadores minusválidos, beneficiándose neste caso soamente da bonificación da cota á Seguridade Social correspondente ós traballadores substitutos.

E, cando se trate de empregos ligados a un investimento deberán mante-los postos de traballo durante un período de cinco anos.

5. Co fin de garanti-lo cumprimento do anterior, as empresas deberán presentar anualmente, dentro do primeiro trimestre, á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude unha relación dos traballadores polos que se lles concederon axudas para efectos de acredita-la súa permanencia na empresa e, no caso de despedimento procedente, dos traballadores que os substituíron; esta obriga esténdese durante os tres anos seguintes á data de concesión da axuda.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 15º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior, enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de

Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ó dispor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Fomento do Emprego, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de minusválido será realizada directamente polo órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra administración, distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-Para o caso de que se soliciten os incentivos previstos nesta orde pola transformación en indefinido dun contrato en prácticas que fora obxecto de subvención ó abeiro dos programas de fomento da contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e a conversión se produza con anterioridade á súa duración mínima inicial de 12 meses, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ó período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

Sexta.-A concesión das axudas e subvencións previstas na presente orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 14.04.241A.471.0, 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B.475.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 fixado na exposición de motivos da presente disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA