Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 15 de xullo de 2002 Páx. 10.920

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 230/2002, do 4 de xullo, polo que se regula a legalización de documentos da Comunidade Autónoma de Galicia que deban producir efectos no estranxeiro.

A dilixencia de legalización consiste nun recoñecemento de sinatura mediante o que unha autoridade que teña atribuída a competencia para iso declara a autenticidade da sinatura do signatario dun documento administrativo. A dita dilixencia é un requisito imprenscindible para que os documentos expedidos en España produzan efectos no estranxeiro, salvo nos supostos determinados e nos países exceptuados en virtude de convenios internacionais subscritos pola Administración xeral do Estado.

A variedade de relacións interadministrativas nun Estado de estructura complexa como o noso, no que a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu moitas competencias con carácter exclusivo e que desenvolve unha actividade administrativa que pode ter implicacións no ámbito internacional, así como a multiplicidade de documentos que esta actividade xera e os distintos rangos dos órganos que os producen e asinan, xustifican a regulación específica dun procedemento para a legalización de sinaturas na nosa Comunidade Autónoma de xeito que o Ministerio de Asuntos Exteriores poida, pola súa vez, legaliza-los documentos que se expiden na Comunidade Autónoma.

O presente decreto non abrangue os documentos académicos para os que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten creado un procedemento de legalización especializada -dada a especificidade cualitativa e cuantitativa destes documentos- na Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa e nas delegacións provinciais, de acordo coa orde do Ministerio de Educación e Ciencia do 16 de abril de 1990 sobre legalización de documentos académicos españois que teñan que producir efectos no estranxeiro (BOE nº 94, do 19 de abril de 1990) e as ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de maio de 1990 (DOG do 30 de maio) e do 16 de marzo de 1999 (DOG nº 67, do 9 de abril).

Polo tanto, previo ó trámite de legalización que realiza o Ministerio de Asuntos Exteriores, os documentos da Comunidade Autónoma galega, deben legalizarse na Dirección Xeral de Relacións Institucionais, dependente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, de acordo coas competencias que ten atribuídas no artigo 2º do Decreto 73/2002, do 14 de

marzo (DOG do 15 de marzo), polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

O procedemento iníciase co recoñecemento na Dirección Xeral de Relacións Institucionais das sinaturas dos órganos que en cada consellería visen os documentos emitidos polos distintos funcionarios desta. Pola súa vez, as sinaturas dos responsables da antedita dirección xeral figurarán recoñecidas polo Ministerio de Asuntos Exteriores, para a ulterior legalización definitiva dos documentos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa sesión do día catro de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Polo presente decreto:

1. Atribúese a función de legalización de sinaturas de documentos da Comunidade Autónoma de Galicia que vaian producir efectos no estranxeiro á Dirección Xeral de Relacións Institucionais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

2. Desígnanse os órganos competentes en cada consellería que deben visa-los documentos -agás os académicoselaborados por estas e que, unha vez asinados polos órganos competentes, teñan que ser posteriormente legalizados.

3. Establécese o procedemento para a legalización das sinaturas dos funcionarios e empregados da Comunidade Autónoma nos documentos que teñan que producir efectos no estranxeiro.

Artigo 2º.-Órganos que deben visa-los documentos para a súa legalización.

Os documentos emitidos deberán ser visados polos seguintes órganos:

-Os secretarios xerais de cada consellería.

-Os presidentes, directores, ou cargos equivalentes dos organismos autónomos e entes públicos dependentes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Procedemento.

3.1. Recoñecemento da sinatura.

As sinaturas dos titulares dos órganos sinalados no artigo anterior enviaranse á Dirección Xeral de Relacións Institucionais para o seu recoñecemento previo, de xeito que esta dirección xeral só legalizará os documentos que as conteñan.

A dita legalización será realizada polo titular da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e, na súa ausencia, polo titular da xefatura do servicio de Coordinación da mesma Dirección Xeral ou persoa na que delegue o director xeral.

Pola súa vez, as sinaturas dos responsables da dirección xeral figurarán recoñecidas no Ministerio de Asuntos Exteriores.

3.2. Texto da dilixencia de legalización.

A dilixencia de legalización realizarase mediante a inserción ó dorso do documento que se vai legalizar, ou nun espacio que non afecte o contido deste, do seguinte texto:

«Dilixencia: de acordo cos antecedentes que constan no meu poder, a/s sinatura/s que antecede corresponde/n a..(nome, apelidos e cargo que figuren no documento). Lugar, data e sinatura».

Disposición adicional

Este decreto non será de aplicación ós documentos académicos sometidos a legalización, que seguirán rexéndose pola súa normativa específica.

Disposición transitoria

A Dirección Xeral de Relacións Institucionais solicitará ós titulares dos órganos designados por este decreto a acreditación das sinaturas correspondentes no prazo dun mes a partir da entrada en vigor desta norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela.

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública