Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 12 de xullo de 2002 Páx. 10.869

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de xullo de 2002 pola que se convocan prazas de colaboradores para residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía atribúelle á Comunidade Autónoma galega no seu artigo 27.23º a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as que figuran as residencias xuvenís, que, ademais do aloxamento e manutención, ofrecen ós mozos estudiantes residentes unha serie de servicios e actividades convivenciais e educativas complementarias.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorece-lo acceso ó ensino universitario dos estudiantes con escasos recursos, e ó mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convoca-la presente oferta de prazas de colaboradores nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o curso académico 2002/2003, e establece-las bases para a súa concesión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

ResidenciaPrazasHome/muller

Eijo Garay (Lugo)5Home
Irmáns Pedrosa (Lugo)5Muller
F.L. Cuevillas (Ourense)5Home/muller
Altamar (Vigo)3Home
2Muller

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro residente en España no momento da solicitude de praza.

b) Ter unha idade mínima de 18 anos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo, nunha facultade ou escola universitaria.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador por causa imputable ó solicitante.

e) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

Artigo 3º.-Solicitude.

3.1. A solicitude efectuarase utilizando o impreso que figura no anexo I. O interesado poderá efectuar unha única solicitude, na que poderá optar por un centro.

3.2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI para españois ou equivalente para estranxeiros da Unión Europea, ou tarxeta de residencia do solicitante no caso de naturais doutros países.

-Fotocopia compulsada das páxinas do libro de familia onde figuren os membros da unidade familiar, ou fotocopia compulsada do título de familia numerosa, se é o caso.

-Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.

-Xustificación de ingresos da unidade familiar: copia compulsada da declaración do IRPF, correspondente ó ano 2001, de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

1. Os solicitantes de devolución rápida (mod. 104) achegarán copia compulsada da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (mod. 104) achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

-Certificado médico no que se faga constar que o solicitante non padece enfermidade infecto-contaxiosa, nin defecto físico ou psíquico, que impida o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.

-Acreditación de todos aqueles méritos alegados conforme os criterios de selección establecidos no artigo 4.1º para a súa consideración e valoración pola comisión cualificadora.

3.3. Os solicitantes que xa foran colaboradores no ano anterior, soamente deberán presenta-la seguinte documentación:

-Xustificación de ingresos da unidade familiar: copia compulsada da declaración do IRPF, correspondente ó ano 2001, de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración presentarase a documentación que se especifica para este suposto no punto 2.2.

-Certificación académica na que figure a nota media das disciplinas correspondentes ó curso anterior.

-Xustificación de variación da situación familiar, se fose o caso.

3.4. A solicitude xunto coa restante documentación deberán presentala na delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondente á provincia onde radica a residencia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.5. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG.

Artigo 4º.-Adxudicación de prazas.

4.1. Concluído o prazo outorgado para a presentación de solicitudes, constituirase unha comisión cualificadora en cada unha das provincias onde radican as residencias xuvenís, presidida polo respectivo xefe do Servicio de Xuventude e actuando como vocais o xefe da sección de xuventude, un funcionario designado polo delegado/a provincial que actuará de secretario e o/s director/es das residencias xuvenís situadas nesa provincia. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes criterios preferentes:

-Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación de ingresos/nº de membros da unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír como membros da unidade familiar os fillos de ata 30 anos de idade, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria.

-Ter sido colaborador nalgunha residencia xuvenil das relacionadas no artigo 1º. A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable do director da residencia xuvenil en relación ó comportamento ou actividade desenvolvida polo interesado como colaborador na residencia respectiva.

-Expediente académico.

-Coñecementos específicos e experiencia en animación sociocultural e actividades deportivas.

-Motivo da solicitude.

-Te-la súa residencia familiar en Galicia, ou ser fillo de emigrantes.

A comisión cualificadora poderá citar ós solicitantes para a realización dunha entrevista persoal.

4.2. A comisión competente confeccionará unha lista por orde de preferencia das solicitudes recibidas para cada residencia, elevando a correspondente proposta de resolución ó delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo máximo de vinte días, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes.

4.3. Dictada resolución polo delegado provincial, o Servicio de Xuventude respectivo procederá a comunicar ós solicitantes as adxudicacións e denegacións.

4.4. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento admnistrativo común.

4.5. No caso de non dictar resolución expresa nun prazo de 4 meses desde o día seguinte ó da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, poderá entenderse desestimada a solicitude correspondente.

4.6. Os seleccionados están obrigados:

-A presentar fotocopia compulsada do xustificante de matrícula correspondente ós estudios que van

cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel, antes do 31 de outubro de 2002. No caso de que o interesado non poida presenta-la fotocopia compulsada do resgardo de matrícula no referido prazo por causa imputable ó centro no que vaia cursa-los seus estudios, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da prescrición na facultade ou escola universitaria correspondente, debendo non obstante presenta-la fotocopia compulsada do resgardo de matrícula no momento en que a faga.

-A incorporarse ás residencias xuvenís o primeiro día do mes de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada, procedéndose a cubri-la vacante conforme a lista confeccionada pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 5º.-Exención do pagamento dos servicios residenciais.

A concesión da praza como colaborador comporta a exención do pagamento dos servicios residenciais durante o período de funcionamento deles, incluído o curso académico e o período vacacional, que abarca desde o 1 de outubro de 2002 ó 30 de setembro de 2003, así como o recoñecemento da súa condición de colaborador ante o resto dos residentes.

Artigo 6º.-Obrigas.

A condición de colaborador obriga a este a colaborar en tódalas tarefas e cometidos de orde interna e actividades que lles poida encomenda-la dirección da residencia, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e convivencias. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio colaborador.

Artigo 7º.-Extinción da condición de colaborador.

A condición de colaborador extínguese ó remata-lo período fixado no artigo 5º desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

O incumprimento por parte do colaborador das súas obrigas, das normas de réxime interno da residencia ou a ausencia inxustificada, serán causas da perda da condición de colaborador para tódolos efectos, por resolución do delegado provincial, previo informe do director da residencia, e audiencia do interesado.

A condición de colaborador non xerará ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a administración e o beneficiario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude