Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 11 de xullo de 2002 Páx. 10.788

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 25 de xuño de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Galega contra o Narcotráfico e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 3 de xuño de 2002 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 23 de maio de 2002, pola que se clasifica de interese benéfico-social a Fundación Galega contra o Narcotráfico, adscribíndoa á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos ten como obxecto loitar contra o tráfico ilícito de drogas e as súas consecuencias, a través do teléfono antidroga de denuncia, prevención e axuda ó drogodependente; colaboración permanente coas forzas e corpos de seguridade do Estado, celebración de xornadas e foros de debate, propostas lexislativas e outras actividades.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Galega contra o Narcotráfico, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Galega contra o Narcotráfico, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2002.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade