Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 04 de xullo de 2002 Páx. 10.436

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 27 de xuño de 2002 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para formulación de planeamento urbanístico.

Como continuación do programa dirixido ás entidades locais para fomento da realización de traballos de redacción de planeamento municipal, procede a publicación dunha nova convocatoria de axudas que complete os fins inicialmente establecidos.

A experiencia proporcionada por aplicación de ordes precedentes aconsella mante-los mesmos criterios básicos nela contidos, se ben, incorpóranse a esta mecanismos encamiñados ó perfeccionamento do procedemento de xestión para mellora-la eficacia finalista das axudas.

Polo tanto, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para a finalidade para a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto da presente orde a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva a entidades locais que o soliciten, para a realización de traballos de redacción de planeamento urbanístico, de acordo co disposto no seguinte punto.

2. Poderán ser obxecto de axuda:

a) A redacción de plans xerais de ordenación municipal ou proxectos de ordenación do medio rural, ben sexa como figura de nova formulación ou como revisión ou adaptación dos instrumentos de planeamento vixentes ou en tramitación.

b) A redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos.

c) A execución de cartografía analítica para a redacción de planeamento urbanístico, sempre que non forme parte dos programas de contratación da consellería e resulte compatible tecnicamente cos sistemas de execución empregados nestes programas.

d) Poderán acollerse ás axudas previstas, aqueles concellos da Comunidade Autónoma que á entrada en vigor da presente orde tiveran contratados ou en fase de contratación traballos dos previstos anteriormente, sempre que os procedementos seguidos se adapten ós que se establecen no artigo 9º desta orde

Artigo 2º-Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto na presente orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria: 06.02.332 A.760.0 e dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para

o ano 2002 e cun importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000 A). Esta cantidade poderase incrementar, se as dispoñibilidades económicas o permiten. Así mesmo destinaranse a finalidade desta orde os importes que, se é o caso, se produzan como cosecuencia da renuncia e/ou anulación de axudas concedidas ó abeiro de ordes de anos anteriores.

As axudas poderán ser de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidos no punto 3º do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia.

En todo caso a concesión da axuda estará condicionada a existencia de crédito suficiente para o seu financiamento.

Artigo 3º.-Orde de prelación.

Para establecer prioridades na selección de solicitudes que presenten os concellos, establécese a seguinte orde de prevalencia:

1. Redacción de plan xeral de ordenación municipal ou proxecto de ordenación do medio rural dos concellos que carecen de planeamento urbanístico, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

2. Revisión e/ou adaptación á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, de planeamento municipal vixente ou en tramitación, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

3. Redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

Dentro de cada un dos tres grupos anteriores, e de resultar necesario, seleccionaranse os adxudicatarios atendendo ás características do concello, valorando, de máis a menos, os seguintes aspectos: exposición das necesidades obxectivas manifestadas polo concello, na súa memoria, ou detectadas pola Dirección Xeral de Urbanismo, tendo en conta o historial urbanístico e dependencia de intereses públicos concretos da aprobación do planeamento; poboación do concello; poboación do núcleo principal; superficie do termo municipal; antigüidade do planeamento municipal vixente; situación en áreas de alta conflictividade urbanística e declaración de conxunto histórico polo organismo competente.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As subvencións que se outorguen serán dun 70% do orzamento de contratación previsto.

2. O orzamento ó que fai referencia este artigo será, en todo caso, o calculado ou aceptado pola Dirección Xeral de Urbanismo, unha vez informado pola Subdirección Xeral de Urbanismo.

3. A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico, que proveñan de entes públicos ou privados e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca supera-lo 100% do orzamento de contratación global.

A tal fin, a entidade subvencionada, deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Urbanismo

o importe de outras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. No prazo de trinta días hábiles, contados a partir da entrada en vigor desta orde, as entidades locais interesadas deberán presentar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no da súas delegacións provinciais, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha solicitude de acordo co modelo que figura como anexo I a esta orde, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria na que se xustifique a necesidade e oportunidade dos traballos para os que se solicita subvención. Esta memoria conterá unha valoración do custo de redacción dos traballos, con expresión do orzamento previsto para eles.

b) Para o caso previsto no artigo 1º.2 d) da presente orde, certificación na que se faga consta-la existencia do contrato de elaboración dos traballos e o seu importe e forma de pagamento contractual.

c) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Artigo 6º.-Resolución:

1. Deléganse no director xeral de Urbanismo o exercicio das competencias para resolve-los procedementos de concesión e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

Para tal efecto, a Subdirección Xeral de Urbanismo procederá, de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 287/2000, polo que se regulan axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, á avaliación das peticións recibidas, con base nos criterios establecidos no artigo 3º desta orde, e formulará unha proposta de concesión, ata os límites dos créditos orzamentarios destinados para tal fin.

2. Nas resolucións de concesión das subvencións, que serán motivadas de acordo cos criterios de outorgamento e porán fin á vía administrativa de acordo co artigo 10 do Decreto 287/2000, indicarase o obxecto e contía da subvención, as fases en que se desenvolverán os traballos e o programa de pagamentos correspondente a elas.

3. O prazo para resolver e notifica-las solicitudes ó abeiro da presente orde será de seis meses, que se computarán a partir do seguinte ó de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co artigo 44.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o vencemento do prazo máximo establecido, sen que se dictara e notificara resolución expresa, determinará que os solicitantes poidan entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Sen prexuízo do potestativo recurso de reposición ante o órgano que o dictou, no prazo establecido no artigo 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, contra a resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na forma e nos prazos establecidos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá do prazo dun (1) mes, contado a partir da recepción da notificación da resolución de concesión, para comunica-la aceptación da subvención. Para tal efecto deberá uni-la seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente da entidade local polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión, e se manifeste o compromiso de efectua-lo libramento da totalidade dos fondos correspondentes á entidade local con anterioridade ás achegas da consellería.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables ós traballos obxecto da axuda ou, de existir, que tódalas subvencións aplicables ós citados traballos non superan a totalidade do seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para facer fronte ás achegas que deberá realiza-la entidade local.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se produza a dita comunicación, e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, dictarase resolución deixando sen efecto a concesión da axuda. Esta resolución será recorrible nos mesmos termos que se establecen no último punto do artigo 6º da presente orde.

Artigo 8º.-Obriga de cumprimento de prazos.

1. A entidade local vén obrigada a xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo o cumprimento de execución das fases que dean lugar a libramentos parciais, segundo se estableza nos documentos contratuais que o concello teña asinados para a redacción da correspondente figura de planeamento. O importe dos libramentos xustificados acadará alomenos o total da anualidade establecida na resolución de concesión.

Todo isto de conformidade co establecido no artigo 15.c e 16.dous do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, DOG nº 238, do 11 de decembro.

2. O incumprimento dos prazos parciais, comprendidos na anualidade establecida na resolución de concesión da axuda determinará que o órgano concedente proceda á apertura do correspondente procedemento para, logo da audiencia ó interesado, resolve-la reducción da contía da mesma polo importe correspondente ó prazo incumprido, salvo circunstancias excepcionais debidamente acreditadas pola

entidade local beneficiaria da subvención e que xustificarán suficientemente ante a Dirección Xeral de Urbanismo, todo isto con anterioridade ó vencemento do prazo indicado.

Artigo 9º.-Pregos de prescricións técnicas.

As entidades beneficiarias das subvencións empregarán, con carácter preferente, no proceso de contratación dos traballos os pregos de prescricións técnicas facilitados para o efecto pola Dirección Xeral de Urbanismo. Para o caso de que os pregos sexan elaborados directamente polos concellos, deberán contar co informe favorable dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Urbanismo.

Artigo 10º.-Garantías e xustificación do investimento e pagamentos.

Para garanti-lo investimento e rendemento das axudas concedidas ó amparo desta orde, establécense as seguintes regras:

A entidade local deberá acreditar, ante a Dirección Xeral de Urbanismo, o compromiso de gasto da totalidade da achega que lle corresponde, como requisito previo para o pagamento da axuda.

O pagamento da axuda efectuarase conforme o programa de execucións por fases establecido nos documentos contratuais que o concello teña asinados para a redacción da correspondente figura de planeamento.

Para proceder ó aboamento das achegas parciais, a entidade beneficiaria deberá xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo a realización da correspondente fase dos traballos e demais requisitos establecidos na presente orde.

Para tal efecto, deberá presentarse certificación detallada, expedida polo funcionario municipal competente, relativa ó cumprimento da fase, das prescricións do contrato subscrito e do pagamento proporcional que lle corresponde ó concello con respeto á fase citada. A dita certificación, se fose o caso, tamén incluirá a xustificación de ter realizado o pagamento, ó adxudicatario do contrato, do total da axuda recibida para a fase anterior.

Os libramentos correspondentes realizaranse, se é o caso, de acordo coas prescricións establecidas no artigo 41 da Lei 2/2002, do 29 de abril, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Para estes efectos, coa aceptación da subvención a corporación local asume os seguintes compromisos:

Reintegrar á Comunidade Autónoma, de acordo co artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a cantidade total ou parcial da axuda establecida, e dos xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento, para o caso de incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión.

Facilitarlle, se fose o caso, toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo

Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas obxecto da presente orde.

Comunicarlle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, se fose o caso, as alteracións das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para os efectos de propoñer, se procedese, a modificación das condicións establecidas na resolución de concesión da axuda.

Asumir, pola súa consideración de beneficiario segundo o artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tódalas obrigas que, para o mesmo, establece o citado artigo.

As entidades beneficiarias das axudas reguladas por esta orde quedan obrigadas, ademais de ás actuacións que acorde a entidade concedente, ó disposto no Decreto 278/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e o réxime de infraccións e sancións que establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A Dirección Xeral de Urbanismo poderá supervisa-la execución dos traballos, co obxecto de comproba-lo cumprimento dos requisitos establecidos, e para tal fin as unidades administrativas dependentes dela poderán ter acceso á información necesaria durante o desenvolvemento das distintas fases.

Disposición adicional

A Dirección Xeral de Urbanismo poderá realizar, durante o prazo de vixencia da orde, os reaxustes das anualidades orzamentarias, que razoadamente considere oportunas, en función do cumprimento dos prazos inicialmente establecidos na resolución de adxudicación. O dito reaxuste non poderá modifica-lo importe total da subvención, nin no seu conxunto, as porcentaxes que, sobre investimento plurianual, establece o artigo 3 da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, que modifica os puntos 1º e 3º do artigo 58, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Destes actos darase traslado ás entidades locais afectadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2002.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL