Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 04 de xullo de 2002 Páx. 10.433

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 24 de xuño de 2002 pola que se dictan as normas sobre os distintivos dos responsables das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia.

A protección civil é un servicio público no que participan as diferentes administracións públicas e os cidadáns a través do cumprimento dos correspondentes deberes e da prestación da súa colaboración voluntaria.

O número importante de agrupacións de voluntarios en Galicia e o incremento do voluntariado de protección civil, así como a variedade de actividades que levan a cabo, fai preciso que dispoñan dos medios de identificación axeitados para facilita-la identificación dos voluntarios, na súa relación cos correspondentes niveis directivos, así como polas autoridades de protección civil.

No Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil, recóllese no artigo 50.2º que as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) para o axeitado cumprimento das súas funcións, teñen que estructurarse de acordo coas necesidades do concello, comarca ou mancomunidade na que se integre, dispoñendo das seccións correspondentes en consonancia coa tipoloxía dos riscos definidos no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu) e, se o caso, no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga).

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto da presente orde é defini-las características dos distintivos dos responsables das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, así como a estructuración das diferentes xefaturas, para os efectos de uso de galóns e distintivos de identificación.

2. Poderán optar ó uso de galóns e distintivos de identificación, os responsables das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil que teñan o nivel mínimo de formación que se indica no anexo I desta orde, e que terá como referente legal o disposto na sección segunda, capítulo IV, artigos 86 e ss. do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e demais normativa que regule a convocatoria de cursos de formación.

3. A formación á que se refire o punto anterior será a que imparte ou homologue a Academia Galega de Seguridade.

Artigo 2º.-Características dos distintivos.

As características, deseño e cores dos referidos distintivos son os que se especifican nos anexos II e III , para cada un dos responsables.

Artigo 3º.-Uso dos distintivos.

Os distintivos que se regulan nesta orde deberán utilizarse durante a realización dos servicios de protección civil.

Artigo 4º.-Responsabilidade das agrupacións.

As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil velarán polo cumprimento das disposicións desta orde ante a autoridade competente en materia de protección civil.

Disposición transitoria

As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil disporán dun prazo de dous anos, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para adaptarse ó disposto nela.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

ANEXO I

A formación mínima á que se fai referencia no artigo 1º, puntos 2 e 3, será a que imparta ou homologue a Academia Galega de Seguridade, e que é a dos niveis que se recollen nos artigos 88, 89, e 90, do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e demais normativa que regule a convocatoria de cursos de formación, concretándose para cada un dos responsables na seguinte:

* Xefe de agrupación: como mínimo cinco cursos de segundo nivel e o curso superior.

* Subxefe de agrupación: como mínimo catro cursos de segundo nivel e o curso superior.

* Xefe de unidade: como mínimo catro cursos de segundo nivel e un de terceiro nivel.

* Xefe de sección: como mínimo dous cursos de segundo nivel e un de terceiro nivel.

* Xefe de grupo: como mínimo dous cursos de segundo nivel.

* Xefe de equipo: como mínimo un curso de segundo nivel.

ANEXO II

A) Galóns.

1. Xefe de agrupación:

* Galoneira de cor azul cobalto con bordo dourado.

* Triángulo azul cobalto sobre círculo branco. Ámbolos dous elementos con bordos dourados.

* Tres barras douradas.

2. Subxefe de agrupación:

* Galoneira de cor azul cobalto con bordo dourado.

* Triángulo azul cobalto sobre círculo branco. Ámbolos dous elementos con bordos dourados.

* Dúas barras douradas.

3. Xefe de unidade:

* Galoneira de cor azul cobalto con bordo en gris.

* Triángulo vermello sobre círculo branco. Ámbolos dous elementos con bordos en gris.

* Catro barras brancas.

4. Xefe de sección.

* Galoneira de cor azul cobalto con bordo en gris.

* Triángulo verde musgo sobre círculo branco. Ámbolos dous elementos con bordos en gris.

* Tres barras brancas.

5. Xefe de grupo.

* Galoneira de cor azul cobalto con bordo en gris.

* Triángulo laranxa sobre círculo branco. Ámbolos dous elementos con bordos en gris.

* Dúas barras brancas.

6. Xefe de equipo.

* Galoneira de cor azul cobalto con bordo en gris.

* Triángulo amarelo sobre círculo branco. Ámbolos dous elementos con bordos en gris.

* Unha barra branca.

B) Distintivos de identificación.

Ademais dos galóns descritos no punto anterior, os respectivos xefes, poderán disponer dos seguintes distintivos identificadores do seu cargo ou rango, coas seguintes características.

1. Xefe de agrupación:

* Distintivo cor azul cobalto con bordo dourado.

* Tres barras douradas.

2. Subxefe de agrupación:

* Distintivo cor azul cobalto con bordo dourado.

* Dúas barras douradas.

3. Xefe de unidade:

* Distintivo cor azul cobalto con bordo en gris.

* Catro barras brancas.

4. Xefe de sección.

* Distintivo cor azul cobalto con bordo en gris.

* Tres barras brancas.

5. Xefe de grupo.

* Distintivo cor azul cobalto con bordo en gris.

* Dúas barras brancas.

6. Xefe de equipo.

* Distintivo cor azul cobalto con bordo en gris.

* Unha barra branca.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA