Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 03 de xullo de 2002 Páx. 10.352

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 226/2002, do 20 de xuño, polo que se aproba a modificación dos estatutos do consorcio para o servicio contra incendios e salvamento da comarca do Salnés.

A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servicio fai necesaria unha organización axeitada del en todo o territorio galego. Este feito aconsellou que a Xunta de Galicia elaborase o Plan Galego de Dotación de Parques contra Incendios Urbanos, baseado en criterios de racionalidade técnica e económica que permita dota-la Comunidade Autónoma dun servicio integrado de extinción de incendios que garanta

este sevicio en toda Galicia, baixo condicións aceptables, en función do risco e da dificultade técnica da extinción, sendo o Parque contra Incendios e Salvamento da Comarca do Salnés un dos parques previstos no Plan Galego.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito, acordou participar no Consorcio do Parque Contra Incendios e Salvamento da Comarca do Salnés, segundo o disposto no punto 3º do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo de Administración local de Galicia.

Consonte o anterior, o Consello da Xunta de Galicia, prestou aprobación, mediante Decreto 89/2000, do 31 de marzo, ós estatutos que rexen o citado Consorcio.

Para alcanzar unha maior axilidade na xestión e eficacia na prestación do servicio cómpre proceder á modificación dos estatutos que rexen o Consorcio do Parque Contra Incendios e Salvamento da Comarca do Salnés, tanto na representatividade dos seus órganos de goberno como no seu financiamento.

A modificación e aprobación dos estatutos modificados do Consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 143 e 151 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO

Artigo único.-Aproba-los estatutos modificados do Consorcio para o Servicio contra Incendios e Salvamento da Comarca do Salnés, sendo o seu texto o que se recolle no anexo deste decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 89/2000, do 31 de marzo, polo que se aprobaron os estatutos do Consorcio para o Servicio contra Incendios e Salvamento da Comarca do Salnés.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2002.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

ESTATUTOS DO CONSORCIO PARA A PRESTACIÓN DO SERVICIO CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO DA COMARCA DO SALNÉS

As administracións públicas teñen encomendada a prestación dunha serie de servicios ós seus cida

dáns. Para mellora-la calidade destes servicios é necesario o establecemento de novas formas asociativas das administracións afectadas que fagan posible a aplicación dos principios de economía e eficacia.

Neste senso, a Comunidade Autónoma de Galicia ten asumidas competencias sobre as materias de prevención e extinción de incendios e de protección civil. Unha organización axeitada permitirá unha resposta eficaz ante calquera circunstancia que poida supoñer un perigo para a vida e bens das persoas, así como a optimización e racionalización dos medios e recursos dispoñibles.

O Decreto 161/2000, polo que se fixa a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, encoméndalle a planificación e coordinación dos plans e programas dos servicios contra incendios e salvamento local á Dirección Xeral de Administración Local, sen perxuízo das competencias que lle correspondan á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, no relativo á función operativa de protección civil, así como das atribuídas por lei ás administracións locais.

De acordo co disposto no artigo 26 c) da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, corresponde ós municipios, por si ou asociados, a prestación, entre outros, dos servicios seguintes: nos municipios con poboación superior a 20.000 habitantes, servicios de protección civil, prevención e extinción de incendios.

As deputacións provinciais teñen atribuída, pola súa parte, a competencia de cooperación e asistencia ós concellos, garantindo a prestación integral e adecuada dos servicios que estes teñen encomendados pola lei.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en virtude das competencias que lle son propias e ó abeiro do disposto no artigo 30.6º d) e h) do R.D.L. 781/1986, do 18 de abril, texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, xestionou varias actuacións en materia de colaboración cos concellos en materia de extinción e prevención de incendios.

A Lei 7/1985, reguladora de bases de réxime local, establece no seu artigo 87 que: «As entidades locais poden constituír consorcios con outras administracións públicas para fins de interese común ou con entidades privadas sen ánimo de lucro que persigan fins de interese público, concorrentes coas administracións públicas».

A Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, establece a consideración das provincias como entidades locais territoriais. De acordo co artigo 149, as entidades locais galegas poderán, con carácter voluntario, constituír consorcios locais entre si, ou con outras administracións públicas para fins de interese común.

Doutra banda, tamén se debe ter en conta a Decisión do Consello da Unión Europea do 29 de xullo de 1991, pola que se crea o número único (112) para as chamadas de urxencia, e o acordo do Goberno da Xunta de Galicia, de setembro de 1997, para a prestación do servicio público de atención de urxencias en Galicia a través do número telefónico 112. Neste número deberán quedar integrados os servicios contra incendios e salvamento dos centros asociados entre eles.

De acordo coas consideracións precedentes, as administracións participantes xustifican a concepción e a adopción da fórmula do Consorcio como a organización idónea para facilita-la súa coordinación e leal cooperación e, en consecuencia, deciden constituí-lo Consorcio, que se rexerá polos presentes estatutos:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Entidades asociadas.

Ó abeiro do establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, artigos 149 e seguintes, así como na demais lexislación vixente, constitúese o Consorcio contra incendios e salvamento da Comarca do Salnés, integrado pola Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e os concellos que se citan no anexo I, que son os que integran a comarca do Salnés.

Artigo 2º.-Constitución do Consorcio.

-Para a constitución do Consorcio requírese o acordo previo correspondente e a aprobación definitiva dos seus estatutos por parte do plenos da Deputación Provincial de Pontevedra e dos concellos que o integren, así como o acordo do Consello da Xunta de Galicia.

-Os estatutos aprobaranse mediante decreto da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia xunto co seu texto íntegro.

-Unha vez publicados os estatutos, convocarase a tódolos representantes das entidades que o integran para elixiren os órganos rectores e inicia-lo seu funcionamento.

Artigo 3º.-Carácter.

O Consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran, así como capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios. O Consorcio contará con patrimonio propio e desenvolverá a súa actividade conforme un orzamento independente.

Artigo 4º.-Sede.

-O Consorcio terá a súa sede no parque contra incendios e de salvamento de Ribadumia.

Créase unha subsede do Consorcio no concello de Vilagarcía, que estará suxeita ás directrices de

actuación que sinale a sede principal, e con dependencia orgánica e funcional desta.

-Por acordo do Pleno do Consorcio, poderá modificarse o domicilio fixado no punto anterior ou celebrarse reunións en lugar distinto ó do seu domicilio.

Artigo 5º.-Obxecto.

Constitúe obxecto do Consorcio a prestación, por calquera das modalidades previstas na normativa de réxime local, do servicio contra incendios e salvamento.

Entre os fins do Consorcio estará a colaboración cos servicios municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens, a prevención e extinción de incendios, a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguranza, que afecten a persoas, edificacións e instalacións.

Artigo 6º.-Ámbito.

1. O servicio de actuación do Consorcio estenderase á comarca do Salnés.

Así mesmo, actuará fóra do ámbito que lle é propio, nos casos de sinistro, calamidade, catástrofe e grave perigo, cando fose requirido para iso, sempre que o demanden os órganos competentes e o autorice o presidente do Consorcio.

En calquera caso efectuarase, se así procedese, a correspondente liquidación de gastos orixinados pola prestación do servicio, que deberán ser aboados polos beneficiarios deles.

2. O Consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue estas ó cumprimento dos fins expresados no artigo anterior.

3. Formará parte da rede de emerxencias do Servicio 112 - SOS-GALICIA, de acordo co protocolo de actuación que se establecerá para o efecto.

Artigo 7º.-Réxime xurídico.

1. Sen perxuízo do establecido nos presentes estatutos, entenderase tamén de aplicación, cando así proceda, o disposto tanto na normativa básica de réxime local, como na Lei de administración local de Galicia, e demais normativa que, se for o caso, se dicten en desenvolvemento dela.

2. O Consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servicios, de acordo coa lexislación do Réxime local, do réxime xurídico das administracións públicas e dos presentes estatutos.

Capítulo II

Órganos de goberno

Artigo 8º.-Órganos.

Os órganos de goberno e de xestión do Consorcio son os seguintes:

-Pleno.

-Presidente.

-Vicepresidente.

Artigo 9º.-Pleno.

O Pleno do Consorcio, máximo órgano colexiado do mesmo, estará integrado por:

-Tres representantes da Deputación Provincial de Pontevedra, designados por esa institución, que poderán ser substituídos por tres suplentes designados, así mesmo, de entre os membros que compoñen a corporación provincial.

-Tres representantes da Xunta de Galicia designados pola consellería con competencias en materia de Administración local, que poderán ser substituídos por tres suplentes, designados pola mesma institución.

-O alcalde/alcaldesa do concello de Ribadumia, sede do parque principal, que poderá ser substituído por un concelleiro do devandito concello, logo de delegación para o efecto realizada polo alcalde.

-O alcalde/alcaldesa do concello de Vilagarcía, sede do subparque, quen poderá ser substituído, logo de delegación para o efecto, por un concelleiro do devandito concello.

-Un alcalde que resulte designado nunha elección efectuada de entre os restantes alcaldes dos concellos consorciados, que poderá, pola súa vez, ser substituído, logo de delegación para o efecto, por un suplente designado por este alcalde de entre os concelleiros do seu concello.

Os representantes das distintas administracións consorciadas renovararanse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas como consecuencia da celebración de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fixesen necesario.

-Con voz, pero sen voto, asistirán:

* O funcionario que desempeñe as funcións de secretario e interventor do Consorcio.

* O xerente do Consorcio.

* Por petición da maioría dos membros con voto do Pleno do Consorcio, poderá convocarse con voz, pero sen voto, e coa única finalidade de obter información e asesoramento para casos concretos, os responsables técnicos e membros da administración ou das entidades públicas ou privadas que se estimen oportunas.

Artigo 10º.-Presidente e vicepresidente.

O presidente do Consorcio será elixido polo pleno do Consorcio por maioría absoluta do número legal dos membros do Consorcio. De igual xeito será elixido o vicepresidente.

Os cargos de presidente e vicepresidente renovaranse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas como consecuencia da cele

bración de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fixesen necesario. Para tal efecto, o pleno do Consorcio deberá celebrar sesión dentro do mes seguinte ó da sesión constitutiva das corporacións consorciadas.

O presidente exercerá as competencias que se lle atribúen nos presentes estatutos.

O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mesmas competencias que o presidente durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Cesamento dos representantes.

Os membros do Pleno poderán cesar por acordo do mesmo órgano que os nomease, ou pola perda da condición de membro da institución que representen.

Artigo 12º.-Atribucións do Pleno.

As atribucións do Pleno serán as seguintes:

1. A organización do Consorcio.

2. Iniciativa e aprobación da integración e separación de entidades no Consorcio.

3. A aprobación das ordenanzas.

4. A aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos dentro dos límites da súa competencia e a aprobación provisional das contas; todo iso de acordo co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

5. Aprobación do programa anual de actividades.

6. Aprobación da memoria anual de actividades xunto co seu seguimento control e valoración.

7. Aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro que se estableza coas administracións públicas ou entidades privadas.

8. Adquisicións de bens e dereitos, a transacción sobre eles, e a concesión de quitación e espera, agás que as competencias estean atribuídas expresamente por lei a outros órganos.

9. Control e fiscalización dos órganos de goberno.

10. A aprobación do cadro de persoal, a relación dos postos de traballo, a fixación da contía das retribucións complementarias fixas e periódicas dos funcionarios, e o número e réxime do persoal eventual.

11. Facer delegacións de competencias nos órganos de goberno do Consorcio que considere oportunos, a este respeto observarase o disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

12. A administración do patrimonio.

13. A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público .

14. O exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa do Consorcio no referente a competencia plenaria.

15. A concertación das operacións de crédito nas que a súa contía acumulada no exercicio económico exceda do 10 por 100 dos recursos ordinarios, agás as de tesourería, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, todo iso de conformidade co disposto na Lei reguladora de facendas locais.

16. As contratacións e concesións de todo tipo, cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento e, en todo caso, os 6.010.121,04 A, así como os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa maior de catro anos en todo caso, e os plurianuais de duración menor cando o seu importe acumulado supere a porcentaxe indicada, referido ós recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio e, en todo caso, cando sexa maior que a contía sinalada nesta alínea.

17. A aprobación dos proxectos de obra e de servicios cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estean previstos nos orzamentos.

18. Aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servicios e subministracións que sexan da súa competencia.

19. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así como os alleamentos patrimoniais nos seguintes supostos:

-Cando se trate de bens inmobles ou de bens mobles, que estean declarados de valor histórico ou artístico e non estean previstas no orzamento.

-Cando, estando previstas no orzamento, superen a porcentaxe e a contía que se indican para as adquisicións de bens.

20. Aquelas atribucións que deban corresponder ó Pleno por esixi-la súa aprobación unha maioría especial.

21. As demais que expresamente lle atribúan as leis.

Artigo 13º.-Compentencias do presidente do Consorcio.

Serán funcións propias do presidente as seguintes:

1. Dirixi-lo goberno e a administración do Consorcio.

2. Representa-lo Consorcio.

3. Convocar e presidi-la sesión do Pleno e calquera outro órgano do Consorcio.

4. Presenta-lo proxecto de orzamento ordinario.

5. Supervisa-lo funcionamento administrativo e técnico do Consorcio, en especial a actuación do xerente como xefe directo del, dando conta ó pleno.

6. Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo ós orzamentos do Consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

7. Dirixir, inspeccionar e impulsa-los servicios e obras dos que a titularidade e o exercicio corresponde ó Consorcio.

8. Tódalas facultades en materia de persoal que non teña atribuídas o Pleno.

9. O desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, excluíndo as contempladas no artigo 158.5º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios, agás os de tesourería, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non superen o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, ordenar pagamentos e render contas; todo isto de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

10. Aproba-la oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo Pleno, aproba-las bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo e distribuí-las retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas.

11. Desempeña-la xefatura superior de todo o persoal, e acorda-lo seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servicio dos funcionarios do Consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ó Pleno na primeira sesión que celebre.

12. O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do Consorcio nas materias da súa competencia, mesmo cando as delegase noutro órgano e, en caso de ausencia, en materias da competencia do Pleno, e neste último suposto dando conta a este na primeira sesión que celebre para a súa ratificación.

13. Presidi-las poxas e adxudicar provisionalmente o remate.

14. As contratacións e concesións de toda clase, cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento; incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de tódalas súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referido ós recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

15. A aprobación dos proxectos de obras e de servicios cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e estean previstos nos orzamentos.

16. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así como o alleamento do patrimonio que non supere a porcentaxe e a contía indicados nos seguintes supostos: a de bens inmobles sempre que estea prevista no orzamento; a de bens mobles, agás os declarados de valor histórico ou artístico o alleamento dos cales non se encontre previsto no orzamento.

17. Ordena-la publicación e execución e facer cumpri-los acordos do Consorcio.

18. O exercicio daquelas outras atribucións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

19. Render contas das operacións levadas a cabo en cada exercicio económico.

20. As demais que expresamente veñan atribuídas na normativa legal aplicable ós presidentes de entidades locais e aqueloutras que a normativa asigne ás entidades locais sen atribuílas a ningún outro órgano.

O presidente pode delega-lo exercicio das súas atribucións, agás a de convocar e presidi-las sesións do Pleno, concertar operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servicio dos funcionarios e o despedimento do persoal laboral, e as enunciadas nos números 1 e 12 do artigo anterior.

Artigo 14º.-Xerente.

1. A Xerencia é o órgano ó que corresponde realiza-la xestión ordinaria dos asuntos de competencia do Consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente. Terá a consideración de persoal eventual de acordo co establecido no artigo 104 da Lei 7/1985 de bases de réxime local, e demais normativa da función pública.

2. Serán funcións do xerente:

a) Dirixir, xestiona-los servicios e resolve-los asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presenta-lo anteproxecto de orzamentos, os plans de actuacións e o programa de necesidades do Consorcio.

c) Prestar asistencia técnica ó presidente e ó Pleno.

d) Informar sobre os asuntos que deban tratarse nas sesións do Pleno.

e) Exerce-la dirección do persoal ó seu cargo, baixo a dependencia do presidente, así como propoñe-las reformas que supoñan unha mellora do funcionamento das dependencias e dos servicios.

f) Prepara-los expedientes para adquisición de material e realización de obras de mellora e mantemento do servicio, así como os demais que se refiren ó funcionamento do Consorcio.

g) Propoñer ó presidente do Consorcio os pagamentos que deban realizarse.

h) Propoñer e tramita-la contratación, destino, ascensos, excedencias, xubilacións, permisos e baixas do persoal do Consorcio, segundo as disposicións legais vixentes.

i) Elabora-las estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual acerca do funcionamento, custo e rendemento dos servicios ó seu cargo, propoñendo as modificacións encamiñadas a unha maior eficacia do servicio.

j) Asistir ás sesións do Pleno con voz e sen voto.

k) As demais funcións que o Pleno lle encomende.

Artigo 15º.-Funcións reservadas a funcionarios de administración local con habilitaclón de carácter nacional.

No cadro de persoal e na relación de postos de traballo do Consorcio fixaranse as prazas e postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas a habilitados de carácter nacional, que serán exercidas do seguinte xeito:

a) A través de funcionario ou funcionarios con habilitación nacional, de acordo co sistema de provisión previsto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

b) A través do servicio de asistencia da Deputación, de acordo co establecido no artigo 5 do devandito texto regulamentario.

As funcións que desempeñarán son:

-Asistir as reunións do Pleno, convocando os compoñentes, por orde do seu presidente, e notificando a orde do día.

-Formalizar e cumpri-los acordos adoptados nas sesións, así como levantar acta deles.

-Asesorar e asistir xuridicamente os órganos de goberno do Consorcio.

-Calquera outra que lle veña atribuída polo ordenamento xurídico.

Capítulo III

Réxime funcional

Artigo 16º.-Reunións.

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria como mínimo unha vez ó semestre.

2. Celebrarase sesión extraordinaria por petición do presidente cando o considere oportuno ou por petición dun tercio dos membros do Pleno.

3. O presidente poderá convocar sesións extraordinarias con carácter urxente. Nas ditas convocatorias non se esixirá a antelación mínima de 2 días á que se refire o artigo 17º.1. Nas sesións extraordinarias urxentes, o Pleno deberá pronunciarse previamente sobre a urxencia da sesión. De non apre

ciarse a dita urxencia por maioría simple, levantarase acto seguido a sesión, para estes efectos para o cómputo das maiorías aplicarase o sinalado no artigo 18º.

Artigo 17º.-Convocatoria.

1. O presidente convocará as sesións cunha antelación mínima de 2 días e remitirá a orde do día a cada un dos membros do Pleno.

2. O Pleno constitúese validamente coa asistencia dun tercio do número legal dos seus membros, que nunca poderá ser inferior a tres. O presidente poderá considerar validamente constituído o órgano se está presente polo menos un representante da Xunta e Deputación. Este quorum deberase manter durante toda a sesión. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou a daqueles que legalmente os substitúan.

Artigo 18º.-Acordos.

1. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría dos membros presentes, agás nos casos no que se esixe outra maioría. Os acordos adoptados obrigan a tódalas entidades integrantes do Consorcio.

Artigo 19º.-Persoal.

1. O persoal ó servicio do Consorcio estará integrado por:

a) Xerente.

b) O persoal de prevención e extinción de incendios e salvamento, sen prexuízo de que se opte pola prestación do servicio baixo o réxime de xestión indirecta.

c) O persoal que, de conformidade co artigo 15º, atenda as funcións reservadas a funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional.

d) Calquera outro que se estableza, que en todo caso deberá estar recollido no correspondente cadro de persoal.

2. As funcións deste persoal serán as que determinan as normas de réxime interior do Consorcio; en todo caso, o persoal previsto na alínea c, realizará as funcións previstas no artigo 15º dos presentes estatutos.

Capítulo IV

Do réxime económico e financeiro

Artigo 20º.-Recursos do Consorcio.

Para o cumprimento dos seus fins o Consorcio disporá do seu propio orzamento, que estará integrado polos seguintes recursos:

a) As contribucións dos entes asociados.

b) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

d) Ingresos de dereito privado e os bens adquiridos polo Consorcio, que se integran no seu patrimonio.

e) O producto de operacións de crédito.

f) Calquera outro recurso que puidese serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 21º.-Contribucións ó Consorcio.

As contribucións dos entes consorciados para o sufragamento dos gastos ordinarios do parque efectuaranse da maneira seguinte:

-Fase de construcción e equipamento:

-Xunta de Galicia: 40% dos gastos totais de construcción e equipamento.

-Deputación Provincial de Pontevedra: 40% dos gastos totais de construcción e equipamento.

-Concellos consorciados: 20% dos gastos totais de construcción e equipamento, de acordo coas ratios de participación que se sinalan no anexo 1 dos presentes estatutos.

-Gastos de funcionamento:

-Xunta de Galicia 46,78974155% dos gastos anuais de funcionamento do Consorcio.

-Deputación Provincial de Pontevedra:

46,78974155% dos gastos anuais de funcionamento do Consorcio.

-Concello de Vilagarcía: 6,4205169% dos gastos anuais de funcionamento do Consorcio.

* As contribucións ós gastos de funcionamento por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa son consecuencia da súa poboación, posto que ó ser un municipio de máis de 20.000 habitantes debe presta-lo servicio de extinción de incendios, de acordo co disposto no artigo 26 c da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, e no artigo 81 c da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Se durante o exercicio económico se producisen ingresos superiores ós previstos inicialmente no orzamento do Consorcio, estes excesos serán dedicados, a criterio do Pleno, a actuacións adicionais ás previstas inicialmente, ou ben a minora-las achegas que lle corresponden ás partes consorciadas.

En todo caso poderase acudir ós mecanismos previstos na lexislación vixente para obte-la satisfacción das contribucións en caso de que algunha das administracións consorciadas non acheguen en prazo a totalidade das cantidades a que estean obrigadas polo presente artigo, e co fin todo isto de facer efectivas estas cantidades.

Artigo 22º.-Ingresos das contribucións.

1. Cada ente consorciado obrígase, nos termos previstos no artigo 21º, a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atende-las súas obrigas económicas relativas ó Consorcio.

2. A parte correspondente da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase por anticipado cada tres meses, na tesourería do Consorcio.

Artigo 23º.-Outras contribucións.

Os entes consorciados poderán ceder medios materiais ó Consorcio. Os medios cedidos seguirán sendo propiedade do ente que foi a achegar ó que reverterán nos supostos de separación ou disolución do Consorcio. Neste caso, e se así o acordase o Pleno, poderase efectuar unha compensación, na contía que se estableza, entre as contribucións que, se for o caso, realice unha administración, e a cantidade que lle correspondería achegar de acordo cos presentes estatutos, sen prexuízo do patrimonio do propio Consorcio.

Artigo 24º.-Aprobación do orzamento.

O pleno aprobará o orzamento do Consorcio e elevarao ós entes consorciados para o seu coñecemento.

Capítulo V

Réxime xurídico

Artigo 25º.-Réxime xurídico.

A actuación do Consorcio rexerase polo establecido nos presentes estatutos e nos regulamentos de organización e réxime interior, que se supeditarán ó ordenamento xurídico vixente.

Para o non establecido nas disposicións anteriores aplicarase a lexislación reguladora do réxime das entidades locais.

Artigo 26º.-Lexislación aplicable.

A tódalas actuacións do Consorcio seralles aplicable a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; a Lei 7/1985, de bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como calquera outra normativa concordante.

Artigo 27º.-Modificacións.

As modificacións estatutarias, así como as altas e baixas dos concellos integrantes do Consorcio, seguirán o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997.

Nos dous casos, previamente, procederase á liquidación dos compromisos e obrigas, así como as posibles responsabilidades a que houber lugar.

A separación requirirá os seguintes requisitos:

a) Ser solicitada a separación cun ano de antelación.

b) Que sexa tomada razón dela polo Pleno do Consorcio.

Artigo 28º.-Incorporacións e baixas.

1. Poderán adherirse ó Consorcio outras administracións públicas ou entes privados sen ánimo de lucro, logo de solicitude e acordo que terá que ser aprobado por tódalas entidades consorciadas, fixándose nos estatutos as contribucións das entidades consorciadas.

2. No caso de que unha entidade das que integran o Consorcio decida unilateralmente a súa separación, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo, e sempre sen prexuízo do establecido no artigo 27º.

Artigo 29º.-Disolución.

1. Para a modificación dos estatutos do Consorcio, así como para a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. No caso de disolución do Consorcio practicarase liquidación de tódolos seus bens e dereitos, e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do Consorcio, na mesma proporción que a establecida para a fixación das contribucións ó Consorcio.

Artigo 30º.-Informe anual.

O Consorcio facilitará ós entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Relación dos Concellos que integran a comarca do Salnés, e ratios de participación na porcentaxe dos concellos nos custos de construcción e equipamento.

Cambados: 12.64145295%.

O Grove: 10.71649536%.

A Illa de Arousa: 4.63227223%.

Meaño: 5.30186608%.

Meis: 5.091130825%.

Ribadumia: 4.00459036%.

Sanxenxo: 15.01147590%.

Vilagarcía de Arousa: 32.10258457%.

Vilanova de Arousa: 10.49795430%.