Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 03 de xullo de 2002 Páx. 10.360

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio de materiais de construcción e saneamento.

Visto o texto do convenio colectivo do sector comercio de materiais de construcción e saneamento de Pontevedra, con nº de código 3600345, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-5-2002, subsccrito en representación da parte econica pola Asociación Provincial de Empresarios de Materiales para la Construcción (Asemaco), e da parte social, polas centrais sindicais UGT e CC.OO., con data do 13-5-2002. De conformidad co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que constan nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de maio de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Vigo

Convenio colectivo provincial para o sector de comercio materiais para contrucción e saneamento de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais UGT e CC.OO. en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios de Materiais para a Construcción (Asemaco), en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo regula as relacións laborais e económicas entre empresas e traballadores do Sector Comercio de Materiais para a Construcción e Saneamento, da provincia de Pontevedra, determinándose que quedan afectados por este as actividades comprendidas na venda polo miúdo e venda por conxunto de artigos e materiais para a construcción e destinados para a ornamentación desta.

Artigo 3º.-Opción.

Cando nos centros de traballo das empresas afectadas se exerzan, ademais, outras actividades e estean por iso enmarcadas noutros convenios, os traballadores que presten servicios indistintamente nunha ou outra das ditas actividades, terán opción de acollerse ó convenio que resulte máis beneficioso no seu conxunto durante a vixencia deste convenio.

Artigo 4º.-Duración e vixencia.

O presente convenio entrará en vigor ós 10 días da sinatura. Terá unha duración de dous anos, contado a partir do día primeiro de xaneiro de 2002, finalizando os seus efectos o 31 de decembro de 2003.

Artigo 5º.-Prórrogas.

O convenio entenderase tacitamente prorrogado por períodos anuais, sempre que non sexa denunciado por calquera das partes.

A denuncia do convenio haberá de formularse por escrito e ser comunicada á outra parte cunha antelación mínima de tres meses á terminación da súa vixencia.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio viñera desfrutando de condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas, deberá conservalas, non podendo ser absorbidas nin compensadas.

Artigo 7º.-Retribucións.

As retribucións salariais para o primeiro ano de vixencia do convenio son as que para cada categoría se fixan na táboa salarial anexa, que supoñen un incremento do 3,5% sobre as do convenio anterior.

Para o segundo ano de vixencia, aplicarase un incremento salarial do 3,5% sobre tódolos conceptos económicos a excepción das percepcións en concepto de quilometraxe.

Artigo 8º.-Revisión salarial.

No caso de que o incremento anual do IPC a 31 de decembro de 2002, sexa superior ó 2,5%, revisaranse as táboas salariais no dito exceso con efectos de 1 de xaneiro de 2002.

No caso de que o incremento do IPC a 31 de decembro de 2003, sexa superior ó 2,5%, revisaranse as táboas salariais no dito exceso con efectos de 1 de xaneiro de 2003.

Artigo 9º.-Complemento de transporte urbano.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio percibirán un complemento de transporte urbano por día efectivo de traballo de 2,47 euros/día, efectivo.

Este complemento percibirano con independencia do complemento de distancia, e calquera que sexa o medio utilizado polo traballador para o seu desprazamento.

A cantidade percibida por este concepto non terá a consideración de salario a ningún efecto, polo cal non se computará para o cálculo de antigüidade, gratificacións extraordinarias, paga de beneficios, etc., e tampouco se percibirán cando se encontre en situación de incapacidade laboral transitoria.

Queda igualmente exento de cotización á Seguridade Social.

Artigo 10º.-Aumentos por anos de servicios.

A partir da sinatura do presente convenio (maio de 2002), os aumentos periódicos por anos de servicio consistirán en cuadrienios do 2,5 por cento sobre os salarios do convenio.

Os traballadores que a esta data teñan algún cuadrienio xerado por aplicación do sistema anterior (cuadrienios ó 5%) conservan esta porcentaxe máis a parte proporcional que tiveran devengada e non cobrada, ata o primeiro de maio de 2002.

No sucesivo a esta data os cuadrienios que se xeren aplicaranse ó 2,5%.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá en xullo e Nadal, gratificacións extraordinarias polo importe dunha mensualidade cada unha, do soldo fixado na táboa salarial que lle sexa de aplicación, máis os aumentos por anos de servicio que lle correspondan.

Artigo 12º.-Participación en beneficios.

Esta participación fíxase nunha mensualidade do salario fixado na táboa salarial do convenio para cada categoría profesional, máis os aumentos por anos de servicio que, se é o caso, correspondan.

A dita participación aboarase a todo o persoal no mes de marzo de cada ano, sendo a súa data de devengo de 1 de xaneiro a 31 de decembro.

Artigo 13º.-Rateo de pagas.

O persoal que ingrese ou cese na empresa no transcurso do ano, percibirá as pagas extraordinarias de xullo e Nadal, así como a de beneficios, na parte proporcional que lle corresponda segundo o tempo traballado.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Ante a grave situación de paro existente e co obxecto de favorece-la creación de emprego, as partes asinantes do presente convenio, acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias de acordo cos seguintes preceptos:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias motivadas por forza maior, entendendo por tales as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistro, e outros danos extraordinarios e urxentes: realización.

c) Horas extraordinarias estructurais: mantemento. Entenderase como tales as necesarias por períodos punta de producción, pedidos imprevistos, cambios

de quenda, ausencias imprevistas ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate. Todo iso sempre que non poidan ser substituídos por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei. As horas extraordinarias aboaranse cun incremento do 50% sobre o salario que lle correspondería a cada hora ordinaria segundo a táboa anexa.

Artigo 15º.-Complemento por IT.

A partir da sinatura do presente convenio (maio de 2002), durante as situacións de incapacidade laboral debidas a accidente laboral ou hospitalización, as empresas completarán desde o primeiro día o 100% do salario.

No resto de situacións de incapacidade laboral, as empresas completarán ata o 75% do salario desde o primeiro día de baixa ata a data que esta porcentaxe repercuta na Seguridade Social.

Artigo 16º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado polo convenio terá dereito a desfrutar de vacacións anuais retribuídas de 30 días naturais de duración, as cales serán concedidas entre os meses de maio a outubro, ambos inclusive.

Aquel traballador que por necesidades da empresa non desfrute as súas vacacións no dito período maio-outubro, percibirá unha bolsa de 61,25 euros.

Sempre que non se alcance un acordo unánime entre os traballadores afectados, na determinación do período de desfrute das vacacións, procederase, necesariamente, á elección dunha orde rotativa de preferencia, de tal forma que quen tivo preferencia na elección de quenda no ano anterior, perde esa primacía de opción mentres non a exerciten o resto dos seus compañeiros de traballo.

Os traballadores que non poidan desfrutar as vacacións por encontrarse xa con anterioridade ó período vacacional en situación de IT por accidente laboral, maternidade ou hospitalización, terán dereito ó desfrute destas sempre que causen alta antes de finaliza-lo ano natural. Neste caso, non terán dereito a percibi-la bolsa de vacacións mencionada anteriormente.

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo, que serán prestadas de luns a sábado pola mañá, finalizando o dito día a xornada ás 13.30 horas.

Non obstante a anterior, en cada establecemento comercial o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns dos seus traballadores para a prestación de servicios os sábados pola tarde, neste caso os traballadores terán dereito ó descanso compensatorio correspondente polo traballo nas tardes deses sábados, segundo o previsto no artigo 6 do Real decreto 1561/1995.

En todo caso, os traballadores obríganse a traballar os sábados pola tarde en caso de existir carga o descarga de barcos, camións, vagóns, etc.

Os traballadores desfrutarán de descanso retribuído nas tardes dos días 24 e 31 de decembro e o día correspondente ó sábado da Semana Santa.

O calendario laboral negociarase a principios de ano e será exposto nun lugar visible (taboleiro de anuncios) para coñecemento de tódolos traballadores.

Artigo 18º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Todo o persoal ó que se lle confire algunha comisión de servicio fóra da residencia habitual de traballo, terá dereito a que se lle aboen, en concepto de axudas de custo, as cantidades seguintes:

-A axuda de custos completa será de 26,94euros/diarios e a media axuda de custos de 6,94 euros/diarios.

-O importe das axudas de custo e medias axudas de custo previstas, aboaranse ó comezo do desprazamento.

-Nos casos en que por necesidades de servicio da empresa, o traballador utilice o seu vehículo particular, percibirá por este concepto a cantidade de 0,18 euros/km.

Artigo 19º.-Socorro por falecemento.

As empresas están obrigadas a entregar ós herdeiros forzosos dos traballadores que falezan por accidente laboral, a suma de tres mensualidades do salario fixado no presente convenio, ou dalgunha das súas prórrogas, máis a antigüidade, se é o caso, referido ó momento do falecemento.

Artigo 20º.-Seguro complementario de accidentes.

As empresas afectadas por este convenio deberán subscribir no prazo dun mes a partir da data da súa publicación, e sempre que non teña concertado con anterioridade calquera outro igual ou superior, unha póliza de seguro colectivo e/ou individual de accidentes persoais que cubra e garanta os riscos profesionais, e extraprofesionais, de morte o invalidez permanente, por un capital de dous millóns de pesetas, en ambos casos.

Artigo 21º.-Excedencia por maternidade.

Será obrigatorio o reingreso dos traballadores que se acolleran á excedencia prevista no punto 3º do artigo 46, do Estatuto dos traballadores, logo de aviso de reingreso con dous meses de antelación á finalización do período de excedencia solicitado.

Para os efectos da protección á maternidade haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais lexislación en vigor.

Transcríbese para efectos informativos o disposto no E.T., de tal maneira que se modificará automaticamente na forma que se modifique o texto legal:

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender ó coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza, como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como

preadoptivo, contado desde a data de nacemento o, se é o caso, da resolución xudicial o administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, salvo que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores para atender ó coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade o afinidade, que por razóns de idade, accidente o enfermidade no poida valerse por si mesmo, e non desempeñe actividade retribuída.

A excedencia recollida neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes o mulleres. Non obstante, se dous o máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dera dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin ó que, se é o caso, se viñera desfrutando.

O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable a efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, a participación da cal deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán dúas pezas de roupa de traballo ó ano, unha cada semestre, en concepto de útiles de traballo, ó persoal cunha actividade o uso que o aconsella.

Artigo 23º.-Pluriemprego.

As partes asinantes deste convenio estiman conveniente erradica-lo pluriemprego, como regra xeral.

Para estes efectos considérase necesario que se aplique co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente, nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social, por estar dados de alta xa noutra empresa.

Para coadxuvar ó obxectivo de controla-lo pluriemprego considérase esencial o cumprimento exacto do requisito de dar a coñece-los representantes legais dos traballadores os boletíns de cotización á Seguridade Social, así como os modelos de contrato de traballo escrito que se utilicen na empresa, e tamén os documentos relativos á terminación da relación laboral, conforme dispón o artigo 64.1º.5, do Estatuto dos traballadores. O incumprimento desta obrigación considerarase falta grave para efectos da súa sanción pola autoridade laboral.

Artigo 24º.-Licencias.

Transcríbese para efectos informativos o disposto no artigo 37.3º, do Estatuto dos traballadores, de

tal maneira que se modificará automaticamente na forma que se modifique o texto legal.

O texto actual é o seguinte:

«O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade o afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal o convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis de vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1 do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase ou importe desta do salario que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais o de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fracciones. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai en caso de que ambos traballen.

A concreción horaria e a determinación do período de desfrute do permiso de lactación e da reducción de xornada corresponderalle ó traballador, dentro da súa xornada ordinaria. O traballador deberá preavisar ó empresario con quince días de antelación a data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

As discrepancias xurdidas entre empresario e traballador sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos de desfrute serán resoltas pola xurisdicción competente a través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.

Quen por razóns de garda legal teñan ó seu coidado directo algún menor de seis anos o un minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terán o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade no poida valerse por si mesmo, e que non desempeñe actividade retribuída.

A reducción de xornada contemplada no presente punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes o mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa».

Por outra parte, en base ó disposto nos artigos 56.b) e 58 da Ordenanza Laboral de Comercio, o persoal terá dereito a unha licencia retribuída de ata un máximo de 5 días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, tendo en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que facer e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que poidan impoñerse ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

A referencia que os puntos b) e c) do presente artigo fan ó cónxuxe, entenderase feita, así mesmo, ó compañeiro/a que en situación estable e acreditada no rexistro dun concello conviva co traballador/a.

Os traballadores que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título de ensinanza regrada, terán dereito a un permiso non retribuído de ata seis días ó ano para concorrer a exames, logo de solicitude do traballador á dirección da empresa coa debida antelación e xustificación correspondente.

Artigo 25º.-Suspensión con reserva de posto de traballo.

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas, que se desfrutarán de forma ininterrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. En caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do período de suspensión.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ó parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e a

nai traballen, esta, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai desfrute dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ó parto ben de forma simultánea o sucesiva co da nai, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento, tanto preadoptivo como permanente, de menores de ata seis anos, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliable no suposto de adopción o acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á elección do traballador, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de dezaseis semanas nos supostos de adopción ou acollemento de menores maiores de seis anos de idade cando se trate de menores discapacitados ou minusválidos ou que polas súas circunstancias e experiencias persoais ou que por provir do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servicios sociais competentes. En caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase a opción dos interesados, que poderán desfrutalo

de forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Nos casos de desfrute simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas previstas nos puntos anteriores ou das que correspondan en caso de parto múltiple.

Os períodos ós que se refire o presente artigo poderán desfrutarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo de acordo entre os empresarios e os traballadores afectados, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ó país de orixe do adoptado, o período de suspensión, previsto para cada caso no presente artigo, poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción.

Artigo 26º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo de existencia de común acordo por ambas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación, por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 27º.-Recoñecemento médico.

As partes asinantes do convenio consideran necesaria a colaboración de todos na adopción de medidas preventivas orientadas á diminución dos riscos de enfermidades e accidentes dos traballadores das empresas. Por iso recomendan que con periodicidade

anual, e logo de acordo entre empresario e traballadores, se realicen recoñecementos médicos de todo o persoal das empresas, a través do Gabinete de Seguridade e Hixiene de Rande ou, se é o caso, das Mutuas Patronais de Accidentes de Traballo, ou noutra forma que a nivel de empresa se considere oportuna.

Se como consecuencia do recoñecemento médico realizado a un traballador aparecera algún aspecto que puidera afectar á realización do seu traballo, este estará obrigado a comunicalo á empresa.

Artigo 28º.-Dereitos de representación dos traballadores na empresa.

a) Crédito de horas. Os delegados de persoal disporán dun crédito de 16 horas mensuais retribuídos para o exercicio das súas funcións de representación.

b) Acumulación de horas sindicais. A nivel de empresa, os delegados de persoal ou o comité poderán acorda-la acumulación de todo ou parte do crédito de horas sindicais establecido pola lei, nun ou varios dos delegados ou membros do comité de empresa. Para que iso teña efecto, a cesión de horas haberá de ser comunicada por escrito á dirección da empresa.

c) Taboleiros de anuncios. Nos centros de traballo, porase á disposición do comité de empresa un taboleiro de anuncios para colocar a diversa información laboral que sexa de interese para os traballadores.

d) Delegado sindical. Nos centros de traballo con cadro de persoal superior a 80 traballadores, poderá existir un delegado sindical, nos termos previstos na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 29º.-Desconto en compras.

Os traballadores terán dereito a un desconto do 20% sobre prezo de venda ó público, nas compras que realicen nos establecementos nos que presten os seus servicios.

Artigo 30º.-Formación.

As empresas de comercio de materiais de construcción colaborarán coas organizacións empresariais e sindicatos para a realización de cursos de formación para os traballadores/as, segundo o Acordo de Formación Continua, son as organizacións empresariais e sindicatos os órganos autorizados e con competencias para desenvolver ese labor.

Ós/Äs traballadores/as que participen en cursos de formación continua teraselles en conta estes para efectos de promoción interna e o acceso ás categorías superiores.

Artigo 31º.-Contratación.

Contrato de prácticas.

Os postos de traballo baixo os cales se poderá celebrar este contrato serán os que correspondan a tódolos técnicos titulados por ensinanza regrada.

A duración máxima do contrato será de 2 anos, sendo a súa retribución do 85% do salario base da súa categoría profesional.

Contrato para a formación.

O contrato para a formación poderase celebrar con traballadores con idades comprendidas entre os 16 anos e os 20, ambos inclusive, que no teñan titulación requirida para formalizar contratos en prácticas no oficio ou posto de traballo.

O contrato formativo terá como obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o adecuado desempeño dun oficio cualificado no sector.

A duración deste contrato no poderá ser inferior a 6 meses, nin superior a 2 anos e medio, podendo prorrogarse por períodos de 6 meses ata alcanza-lo tope dos 2 anos e medio por considerarse este tempo suficiente para adquiri-la formación necesaria para desempeña-lo seu traballo, computándose os anos de formación para a antigüidade na empresa.

A xornada de traballo será de 34 horas efectivas de traballo semanais, dedicándose as 6 restantes á formación teórica. De non cumprirse este requisito, entenderase, salvo proba en contrario, que no existiu formación.

No contrato deberase especifica-lo horario da ensinanza. Expirada a duración máxima do contrato para a formación, o traballador non poderá ser contratado baixo esta modalidade pola mesma ou distinta empresa.

Se, concluído o contrato, o contratado para formación no continuase na empresa, esta entregaralle un certificado acreditativo do tempo traballado con referencia ó oficio obxecto da formación.

O salario será do 80% do salario base da súa categoría profesional o primeiro ano e do 85% o resto.

Os traballadores contratados en formación non poderán realizar horas extraordinarias.

Non se poderán facer contratos de formación para o grupo 1.

Contrato eventual.

De conformidade co establecido no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, polo cal se desenvolve o artigo 15 do ET en materia de duración determinada, este contrato só se poderá celebrar en épocas de acumulación de tarefas ou exceso de pedidos.

A duración máxima deste contrato será de 12 meses dentro dun período de 18 meses, cunha indemnización ó seu termo de 2 días de salario por mes de traballo.

No suposto de formaliza-lo contrato por tempo inferior ó máximo poderá prorrogarse unha única vez.

Contrato para obra ou servicio determinado.

Só se poderá realizar este contrato para feiras, exposicións, promocións de productos por obra determinada.

A duración máxima destes contratos non poderá ser superior a dous anos e medio.

Á finalización do contrato por expiración do tempo pactado, o traballador percibirá unha indemnización económica equivalente a 2 días de salario por mes traballado.

Contrato de interinidade.

É o contrato para substituír traballadores con dereito a reserva do posto de traballo (maternidade, vacacións, IT, etc.).

Especificarase no contrato o nome, apelidos, posto de traballo do traballador substituído e a causa da substitución indicando se o posto de traballo que se vai desempeñar será o do traballador substituído ou o doutro traballador da empresa que pase a desempeña-lo posto daquel.

Contrato a tempo parcial.

Neste tipo de contrato indicarase a categoría profesional e o número de horas ordinarias de traballo ó día, á semana, ó mes, ó ano e a súa distribución.

A xornada de traballo efectivo será o 77% da xornada pactada no convenio colectivo.

Cando a xornada sexa partida, esta só se poderá interromper unha soa vez. A interrupción será de 2 horas. O seu tramo máis curto de prestación efectiva de traballo será de 4 horas.

Non se poderán realizar horas extraordinarias.

Converteranse en contratos a xornada completa aqueles que durante 30 días continuados ou de forma alternativa realizaran prolongacións de xornada.

Os postos de traballo de tempo completo non se cubrirán con esta modalidade contractual.

Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba, con suxeición ós límites de duración seguintes:

Grupo V e IV: 30 días.

Grupo III e II: 60 días.

Grupo I: 120 días.

Compromiso de emprego fixo.

A partir da sinatura do presente convenio (maio de 2002), establécese como obrigatoria en empresas de máis de cinco traballadores unha porcentaxe mínima de emprego fixo do 60%.

Para a vixilancia do cumprimento deste compromiso, as empresas acollidas por este convenio están obrigadas a presenta-los datos de cadro de persoal, coa especificación dos tipos de contrato, á comisión paritaria e por petición desta.

Artigo 32º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento de cantas cuestións deriven da aplicación deste convenio, establécese unha comisión paritaria integrada por tres representantes de cada unha das partes, escollidos de entre os membros da comisión deliberadora.

Artigo 33º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, haberá que aterse ó establecido no Estatuto dos traballadores e demais disposicións de xeral ou especial aplicación.

Artigo 34º.-Faltas e sancións.

Haberá que aterse ó disposto nos artigos 12 ó 19 do Acordo Marco do Comercio de Ámbito Nacional.

A empresa poderá sanciona-las accións ou omisións punibles en que incorran os traballadores de acordo coa graduación das faltas e sancións que se establecen no presente texto.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia e transcendencia, en leve, grave ou moi grave.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

1. A suma de faltas de puntualidade na asistencia ó traballo cando exceda de quince minutos nun mes.

2. No cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado.

3. Pequenos descoidos na conservación nos xéneros ou do material da empresa.

4. Non comunicarlle á empresa calquera cambio de domicilio.

5. As discusións con outros traballadores dentro das dependencias da empresa, sempre que non sexa en presencia do público.

6. O abandono do traballo sen causa xustificada, mesmo cando sexa por breve tempo. Se como consecuencia deste se orixinase prexuízo grave á empresa ou causara risco á integridade das persoas, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave, segundo os casos.

7. Falta de aseo e limpeza persoal cando sexa de tal índole que poida afecta-lo proceso productivo e imaxe da empresa.

8. No atende-lo público coa corrección e dilixencia debidos.

9. Faltar un día de traballo sen a debida autorización ou causa xustificada.

Consideraranse como faltas graves as seguintes:

1. A suma de faltas de puntualidade na asistencia ó traballo cando exceda de trinta minutos nun mes.

2. A desobediencia á dirección da empresa ou a quen se encontre con facultades de dirección ou organización no exercicio regular das súas funcións en calquera materia de traballo. Se a desobediencia fose reiterada ou implicase quebranto manifesto da disciplina no traballo ou dela derivase prexuízo para a empresa ou para as persoas poderá ser cualificada como falta moi grave.

3. Descoido importante na conservación dos xéneros ou do material da empresa.

4. Simula-la presencia doutro traballador, fichando o asinando por el.

5. As discusións con outros traballadores en presencia do público ou que trascenda a este.

6. Empregar para uso propio artigos, útiles ou roupa da empresa, ou sacalos das instalacións ou dependencias da empresa a non ser que exista autorización.

7. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada laboral.

8. A inasistencia ó traballo sen a debida autorización ou causa xustificada de dous días en seis meses.

9. A comisión de tres faltas leves, anque sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e tendo mediado sanción ou amoestación por escrito.

Consideraranse como faltas moi graves as seguintes:

1. Faltar máis de dous días ó traballo sen a debida autorización ou causa xustificada nun ano.

2. A simulación de enfermidade ou accidente.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como no trato cos outros traballadores ou con calquera outra persoa durante o traballo, ou facer negociacións de comercio ou industria por conta propia o doutra persoa sen expresa autorización da empresa, así como a competencia desleal na actividade desta.

4. Facer desaparecer, inutilizar o causar danos en materiais, útiles, ferramentas, maquinarias, aparellos, instalacións, edificios, útiles e documentos da empresa.

5. O roubo, furto ou malversación cometidos tanto á empresa como ós compañeiros de traballo ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante a xornada laboral en calquera outro lugar.

6. Viola-lo o segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa, ou revelar a persoas estrañas a esta o contido destes.

7. Orixinar frecuentes rifas e pendencias cos compañeiros de traballo.

8. Falta notoria de respecto ou consideración ó público.

9. Os malos tratos de palabra ou obra ou a falta grave de respecto e consideración ós xefes ou ós seus familiares, así como ós compañeiros e subordinados.

10. Toda conducta, no ámbito laboral, que atente gravemente ó respecto da intimidade e dignidade mediante a ofensa, verbal ou física, de carácter sexual. Se a referida conducta é levada a cabo prevaléndose dunha posición xerárquica, suporá unha circunstancia agravante daquela.

11. A comisión por un superior dun feito arbitrario que supoña a vulneración dun dereito do traballador legalmente recoñecido, de onde derive un prexuízo grave para o subordinado.

12. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza de tal índole que poida afecta-lo proceso productivo e imaxe da empresa.

13. A embriaguez habitual e drogodependencia manifesta en xornada laboral e no seu posto de traballo. O estado de embriaguez ou a inxestión de estupefacientes manifestados unha soa vez serán constitutivos de falta grave.

14. Diminución continuada e voluntaria no rendemento normal do seu traballo, sempre que no estea motivada por dereito ningún recoñecido polas leis.

15. A reincidencia en falta grave, anque sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dos seis meses seguintes de terse producido a primeira.

Correspóndelle á dirección da empresa a facultade de impoñer sancións nos termos estipulados no presente acordo. A sanción das faltas leves, graves e moi graves requirirá comunicación escrita ó traballador, facendo consta-la data e os feitos que a motivan.

Para a imposición de sancións seguiranse os trámites previstos na lexislación xeral.

As sancións que poderán impoñerse en cada caso, atendendo á gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

1. Por faltas leves, amoestación verbal, amoestación por escrito. Suspensión de emprego e soldo ata tres días.

2. Por faltas graves. Suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

3. Por faltas moi graves. Desde a suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días ata a rescisión do contrato de traballo nos supostos en que a falta fora cualificada no seu grao máximo.

A facultade da dirección da empresa para sancionar prescribirá para as faltas leves ós dez días, para as faltas graves ós vinte días e para as moi graves ós sesenta días a partir da data en que aquela tivo coñecemento da súa comisión e, en calquera caso, ós seis meses de terse cometido.

TÁBOA DE SALARIOS DO SECTOR DE COMERCIO

DE MATERIAIS PARA A CONSTRUCCIÓN E SANEAMENTO

DE PONTEVEDRA 2002

Grupo I

* Persoal técnico titulado:
Titulado de grao superior877,07
Titulado de grao medio 729,26
Axudante técnico sanitario630,69

Grupo II

* Persoal mercantil técnico:
Director975,59
Xefe de división 847,51
Xefe de persoal, compras, vendas e encargado827,80
Encargado xeral729,26
Xefe de sucursal e supermercado729,26
Xefe almacén680,00
Xefe de sección mercantil 650,40
Encargado de establecemento, vendedor, comprador, poxador650,40
Intérprete620,87

* Persoal mercantil propiamente dito:
Viaxante630,69
Corredor de praza620,87
Dependente611,00
Axudante561,70

Grupo III

* Persoal técnico non titulado:
Director965,77
Xefe de división847,51
Xefe de administración778,53
Secretario610,16
Contable 670,13
Xefe de sección administrativa 709,54

* Persoal administrativo:
Contable-caixero, taquimecanógrafo en idioma estranxeiro670,13
Oficial administrativo e operador de máquinas-contables650,40
Auxiliar administrativo e perforista611,00
Auxiliar de caixa561,70

Grupo IV

* Persoal de servicios e actividades auxiliares:
Xefe de sección do servicio748,99
Debuxante739,12
Escaparatista689,86
Axudante de montaxe561,70
Delineante, visitador, rotulista cortador571,64
Axudante de cortador, xefe de taller571,64
Profesional de oficio de 1ª611,00
Profesional de oficio de 2ª571,64
Profesional de oficio de 3ª 571,64
Axudante571,64
Capataz591,28
Mozo especializado571,64
Ascensorista, telefonista, mozo empaquetador561,70

Grupo V

* Persoal subalterno:
Conserxe561,70
Cobrador561,70
Vixilante, sereno, ordenanza, porteiro561,70
Persoal de limpeza (por hora)2,97

TÁBOA SALARIAL ANO 2003

Co incremento do 3,5% sobre as do ano 2002 e sen ter en conta a posible desviación do IPC recollida no artigo 8º de revisión salarial.

Gupo I: enxeñeiros, licenciados e dirección:
Director xeral de empresa1.009,74
Titulado de grao superior907,77

Grupo II: enxeñeiros técnicos peritos e axudantes titulados:
Xerente de empresa856,77
Titulado de grao medio754,78
Delineante-debuxante764,99

Grupo III: xefes de administración e de taller:
Xefe de división877,17
Xefe de persoal, compras e vendas856,77
Xefe de administración805,78
Encargado754,78
Xefe de almacén703,80

Grupo V: oficiais administrativos:
Contable693,58
Oficial administrativo673,16
Axente comercial-viaxante652,76
Dependente632,39
Operador informático673,16
Vendedor673,16
Secretario/a631,52

Grupo VII: auxiliares administrativos:
Auxiliar administrativo632,39
Auxiliar de caixa581,36
Telefonista581,70

Grupo VIII: oficiais de 1ª e de 2ª:
Profesional de oficio de 1ª632,39
Profesional de oficio de 2ª591,65
Chofer transporte pesado 1ª632,39
Chofer transporte lixeiro 2ª591,65

Grupo IX: oficiais de 3ª e especialistas:
Escaparatista714,01
Mozo especializado591,65
Profesional de oficio de 3ª591,65
Cobrador581,70

Grupo X: trablladores de máis de 18 anos «non cualificados»:
Axudante591,65
Persoal de limpeza526,96

1. Os traballadores e traballadoras que teñan algunha das categorías que desaparecen con respecto ó convenio anterior, manterán a súa categoría e o seu salario cos incrementos que corresponden a cada un dos anos de vixencia deste convenio.

2. A táboa salarial anexa do ano 2003 adaptada nas súas categorías entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2003 abríndose a partir da sinatura do convenio un período de posibles modificacións.