Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 01 de xullo de 2002 Páx. 10.192

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 27 de xuño de 2002 pola que se establece unha parada temporal da flota que dirixe a súa actividade á pescada na área de NEAFC e se regula a concesión de indemnizacións ós pescadores e propietarios de buques afectados.

A crise biolóxica da pescada na área atlántica europea vén sendo diagnosticada nos informes científicos do Comité Asesor para a Xestión de Pesquerías (ACFM) do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM), e do Comité Científico e Económico da Pesca da Comisión da Unión Europea así como en diversos informes científicos nacionais.

A normativa da Unión Europea recolleu esta situación, estando vixentes o Regulamento (CE) nº 1162/2001 da Comisión do 14 de xuño de 2001 polo que se establecen medidas encamiñadas á recuperación da pescada nas subzonas CIEM III, IV, V, VI e VII e nas divisións CIEM VIII a, b, d, e e as condicións correspondentes para o control das actividades dos buques pesqueiros, así como o Regulamento (CE ) nº 494/2002 da Comisión do 19 de marzo de 2002 polo que se establecen medidas técnicas adicionais encamiñadas á recuperación da poboación da pescada nas subzonas CIEM III, IV, V, VI e VII e nas divisións CIEM VIIIa, b, d, e, que tivo o seu reflexo así mesmo na correspondente normativa nacional.

A Comunidade Autónoma de Galicia, na cal os portos teñen a súa base a maior parte dos buques pesqueiros españois que faenan na zona de NEAFC, considera necesario realizar accións encamiñadas á recuperación do recurso en este caladoiro.

As recomendacións dos organismos antes citados así como as normas referidas, propoñen e poñen en marcha medidas drásticas a curto prazo para a recuperación dos stocks. A Administración de Galicia quere desenvolver un programa que leve á paralización graduada dos buques da flota de NEAFC.

O informe do Instituto Español de Oceanografía de data 8-5-2002 establece conveniencia e idoneidade da realización dunha parada biolóxica de 45 días da flota española dirixida á pesquería da pescada europea no stock norte, con base nos informes do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM-ICES) e do Comité Científico, Técnico e Económico da pesca (CCTEP-STECF) do ano 2001, o que vai a supoñer unha importante reducción na mortaldade por pesca.

O Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello do 17 de decembro de 1999 polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, establece no seu artigo 16, 1a) a posibilidade de conceder indemnizacións ós pescadores e propietarios de buques como consecuencia da paralización temporal das actividades no caso de acontecementos impre

visibles, en particular, como resultado de causas biolóxicas.

O Real decreto 3448/2000, do 22 de decembro, polo que se establece a normativa básica das axudas estructurais no sector pesqueiro, regula nos seus artigos 33 e 34, respectivamente, as axudas de paralización temporal e a competencia da Comunidade Autónoma correspondente para a resolución destes expedientes.

Polas razóns expostas, ó abeiro do disposto nos artigos 5 e 12 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, sobre ámbito competencial e a necesidade de tomar medidas orientadas á recuperación dos recursos, consultado o sector, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécese unha parada temporal da flota que dirixe a súa actividade á pescada na área de NEAFC, e que inclúe a flota de altura e grande altura, así como a flota palangreira de menos de 100 TRBs que faena na zona, para o ano 2002 e regúlase a concesión de indemnizacións ós tripulantes e propietarios de buques con porto base en Galicia afectados polo plan.

I

Parada temporal da flota que dirixe a súa actividade á pescada na área de NEAFC.

Artigo 2º.-Finalidade.

O programa ten por obxecto contribuír á recuperación da pescada mediante unha paralización temporal da actividade extractiva deste recurso e de forma graduada.

Artigo 3º.-Contido e ámbito de aplicación.

A parada temporal abarcará un total de corenta e cinco días naturais no ano 2002, alcanzará a tódolos buques das flotas de altura e grande altura, así como a flota palangreira de menos de 100 TRBs que faena no caladoiro de NEAFC e que teña o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Incumprimento.

O incumprimento das obrigas contidas no artigo anterior dará lugar á responsabilidade e será sancionado de conformidade coa Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros.

II

Indemnizacións ós tripulantes e propietarios de buques de NEAFC.

Artigo 5º.-Obxecto.

As indemnizacións teñen por obxecto compensar economicamente os tripulantes debidamente enrolados en buques de NEAFC e os propietarios destes na medida en que se ven directamente afectados pola paralización temporal da súa actividade, e na

forma e condicións que se indican nos artigos seguintes.

Artigo 6º.-Marco normativo.

Estas indemnizacións enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 16º así como disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca e na normativa básica do Estado.

Artigo 7º.-Crédito orzamentario.

Estas compensacións económicas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias 12.03.614B.781.0 e cun importe de 1.698.519 euros polo que respecta ós tripulantes e á 12.03.614B.772.0 e cun importe de 2.967.742 euros polo que respecta ós propietarios de buques, sendo o importe máximo total de 4.666.261 euros.

O financiamento da medida farase con cargo ós fondos do IFOP coa súa correspondente cofinanciamento nacional.

Artigo 8º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas indemnizacións os tripulantes que figuren enrolados nos buques de NEAFC no momento de iniciarse a parada, que acrediten un período mínimo de actividade no sector pesqueiro de seis meses, estando vinculados un mínimo de tres meses a un ou varios dos buques indicados e que non perciban prestacións por desemprego nin incapacidade laboral transitoria durante o tempo que dure a parada. Tamén se incluirán aqueles tripulantes que, mantendo ininterrompida a súa relación laboral coa empresa, non figuren enrolados no momento da paralización a consecuencia de vacacións ou incapacidade laboral transitoria.

Tamén o serán os propietarios dos buques de NEAFC referidos no artigo 3º desta orde.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios deberán reintegrar total ou parcialmente as prestacións económicas percibidas en caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presenta-la declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para os mesmos feitos.

Deberán facilitar toda a información que lle sexa requirida en relación a aquelas e a súa contabilización, e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como ós órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, o Estado e a Unión Europea.

Ós beneficiarios seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións estabrecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime

financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 10º.-Indemnizacións.

O importe das indemnizacións estará condicionado, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

A contía máxima que se vai percibir por día de inactividade do tripulante ou paralización efectiva do buque é a indicada no anexo I desta orde.

A parada temporal da flota subvencionada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos será de 30 días entre os meses de xullo e outubro e non necesariamente durante un mes natural.

Artigo 11º.-Parada temporal adicional.

Establécese unha parada adicional de 15 días, coa posibilidade de establecer unha partición destes, establecendo dous períodos de 7/8 ou 8/7 días que será financiada polos empresarios; este período adicional de parada pode considerarse realizado se se cumpren os demais requisitos nunha data anterior á da publicación desta orde.

Esta parada adicional tamén se entende como un período de inactividade total co buque en porto.

Artigo 12º.-Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

Os tripulantes e propietarios de buques para acollerse a estas compensacións económicas deberán presentar nas delegacións territoriais ou comarcais da consellería, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dentro do prazo de vinte días hábiles dende o inicio efectivo de cada parada, as solicitudes e documentación por triplicado exemplar que a continuación se indica:

1. Tripulantes: para a concesión e pagamento das indemnizacións.

a) Solicitude normalizada do anexo II.

b) Fotocopia cotexada do DNI.

c) Copia cotexada da libreta de navegación, das follas necesarias para a acreditación do seu dereito.

d) Declaración de axudas do anexo IV desta orde.

e) Certificación bancaria de conta da que sexa titular o beneficiario, para efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

f) Certificacións acreditativas de que o interesado se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Estas certificacións só serán esixibles se a axuda non está exenta diso pola correspondente Lei de orzamentos ou normativa de desenvolvemento.

2. Propietarios de buques.

A. Para a concesión das indemnizacións.

1. Con carácter xeral.

a) Solicitude normalizada do anexo III.

b) Fotocopia cotexada do DNI.

c) Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque.

d) Declaración do anexo IV desta orde, relativa ó momento da solicitude.

e) Certificación bancaria da conta da que sexa titular o beneficiario, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

2. Se o barco pertence a unha persoa xurídica.

a) Substituirase o documento indicado no punto A.1.b) anterior pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas.

b) Certificación rexistral da sociedade na que se indicará quen é o representante legal da entidade.

3. Se o buque pertence a unha pluralidade de persoas.

a) A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita por tódolos propietarios.

b) O documento indicado no punto A.1.b) deste artigo achegarase de cada un dos propietarios da embarcación.

c) Da conta bancaria deberán ser titulares todos eles.

B. Para o pagamento das indemnizacións.

a) Certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa do depósito do rol de despachos do barco durante o período completo de paralización.

b) Declaración do anexo IV desta orde, relativa ó momento da petición de pagamento.

c) Certificacións acreditativas de que o propietario ou propietarios do barco se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidad Autónoma.

Artigo 13º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas compensacións económicas será realizada polos servicios periféricos da consellería baixo a supervisión da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca.

A resolución corresponde ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos que a delega nos delegados territoriais da consellería, que tamén proporán o pagamento, se é o caso, logo da correspondente modificación orzamentaria de transferencia de fondos ós órganos provinciais.

Artigo 14º.-Prazo de resolución.

O prazo para dictarse a correspondente resolución será como máximo de tres meses contados a partir da data de comezo do prazo de presentación de solicitudes para os tripulantes e de cinco para os propietarios dos barcos.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificara a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

A concesión destas indemnizacións queda condicionada á autorización expresa ou por silencio positivo da Comisión Europea do réxime de axudas establecidas nesta orde.

Artigo 15º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas indemnizacións, e en todo caso a obtención doutras prestacións pola mesma causa, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos dous casos, a partir do día seguinte á notificación da resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento da parte I desta orde, e ó director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para o da parte II.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Tripulantes

Contía máxima da

prima por día de inactividade

31,57 euros/día

Propietarios

Arqueo do buque en GTContía máxima da prima

por buque en euros/día de

paralización efectiva

(máximo 30 días)

Ata 100 GT.:98,31 euros + 2,75 euros por GT.

Máis de 100 e ata 250 GT.:152,93 euros + 2,18 euros por GT.

Máis de 250 GT.:289,48 euros + 1,64 euros por GT.