Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 01 de xullo de 2002 Páx. 10.179

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de xuño de 2002 pola que se regulan os pagamentos ás unidades informantes pola súa colaboración co Instituto Galego de Estatística.

O Instituto Galego de Estatística precisa a colaboración cidadá para a elaboración das estatísticas incluídas no Plan Galego de Estatística e nos seus programas anuais.

A obriga de colaboración regúlase na sección terceira do capítulo III, título I da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia. No artigo 23, establécese que a norma reguladora de cada estatística sinalará, se é o caso, o dereito á compensación económica polos gastos que teña que asumi-la unidade informante provocados pola esixencia de subministra-la información en soporte informático ou que obrigue a unha recompilación previa de datos que na forma demandada non se encontre á disposición da administración ordinaria informante.

Para unha adecuada execución do Plan Galego de Estatística 2002-2006, aprobado pola Lei 10/2001, do 17 de setembro, quérese compensar aquelas unidades que faciliten información de forma reiterada e aquelas que lles supoña un esforzo en tempo, polo elevado número de datos solicitados ou complexidade. É o caso da actividade estatística denominada Prezos percibidos e pagados polas explotacións leiteiras, que ten por obxecto coñece-la evolución das vendas, dos gastos e dos prezos percibidos e pagados polas explotacións leiteiras.

Con base no anterior, por proposta do Instituto Galego de Estatística e en uso da facultade que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderase compensa-lo tempo e o esforzo realizado polas unidades informantes que, elixidas mediante mostraxe, lles faciliten ó Instituto Galego de Estatística información para a actividade estatística Prezos percibidos e pagados polas explotacións leiteiras, contida no Plan Galego de Estatística 2002-2006.

Artigo 2º

A contía da compensación que se vai aboar será un pagamento de 90,15 euros anuais pola colaboración mensual na enquisa Prezos percibidos e pagados polas explotacións leiteiras.

Artigo 3º

O pagamento aplicarase á actividade estatística correspondente e con cargo á aplicación orzamentaria 05.050.441A.640.1 Plan Galego de Estatística, para cada exercicio.

Artigo 4º

A información subministrada terá o carácter de segredo e estará sometida ó preceptuado ó respecto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 16 de novembro de 1998 pola que se regulan os pagamentos ás unidades informantes pola súa colaboración co Instituto Galego de Estatística.

Disposición derradeira

Facúltase o director do Instituto Galego de Estatística para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2002.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda