Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 01 de xullo de 2002 Páx. 10.179

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 13 de xuño de 2002 pola que se crea e regula a Comisión de Seguimento do Plan Eólico de Galicia.

A disposición adicional segunda do decreto 302/2001 impón a obriga de crear unha comisión de seguimento para garanti-lo axeitado cumprimento do Plan Eólico de Galicia.

O devandito plan eólico é o elemento angular da planificación eólica na Comunidade Autónoma e a partir deste documento estructúrase toda a acción eólica en territorio galego.

Como é ben sabido, a concreción desta planificación realízase a través de parques eólicos e na tramitación deles concorren distintas competencias que se deben ter en conta e que poden afecta-la efectiva realización da infraestructura.

Por todo iso e dentro do novo marco procedemental no que se establece unha convocatoria previa co obxecto de determinar qué solicitudes son susceptibles de inicia-la súa tramitación parece conveniente a creación dunha comisión interdepartamental na que se poidan anticipar e resolve-las dificultades que puidesen xurdir fomentándose así un mecanismo de coordinación e obténdose unha maior eficiencia no desenvolvemento do plan sectorial antes nomeado.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación.

Pola presente orde créase a Comisión de Seguimento de Plan Eólico de Galicia coa composición e funcións que se establecen nos artigos seguintes.

Artigo 2º.-Composición.

A comisión de seguimento do Plan Eólico de Galicia estará composta polos seguintes membros:

Presidente: director xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Vocais:

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Director xeral de Conservación da Natureza.

Director xeral de Urbanismo.

Director xeral de Turismo.

Director xeral de Patrimonio Cultural.

2 representantes da Consellería de Industria e Comercio.

Secretario: subdirector xeral de Enerxía da Consellería de Industria e Comercio.

Tódolos titulares terán un suplente que será designado na reunión constitutiva da comisión.

Artigo 3º.-Funcións.

Establécense como funcións da comisión as se-

guintes:

-Debater acerca das solicitudes de autorización de parques eólicos.

-Estudiar, antes da resolución de cada convocatoria anual, de autorización de parques eólicos, a localización dos distintos proxectos presentados.

-Informar, de maneira previa, a título orientativo das posibles dificultades de tramitación de cada unha das solicitudes.

-Seguimento da execución material das planificacións eólicas anuais que se realicen.

-Colaborar na axilización da tramitación dos distintos proxectos eólicos admitidos a trámite.

Artigo 4º.-Funcionamento.

A comisión reunirase unha vez cada mes con carácter ordinario e, ademais, con carácter extraordinario, cantas veces sexa convocada polo presidente.

Para o funcionamento da comisión e co fin de aborda-lo tratamento de aspectos ou cuestións específicas, poderán constituírse subcomisións, cando así o acorde a comisión en Pleno.

As subcomisións terán carácter temporal e unha vez cumprido o seu cometido entenderanse disoltas.

Eventualmente, e logo de acordo da totalidade dos membros da comisión poderán participar expertos externos, tanto naquela como nas subcomisións que poidan constituírse.

Disposición adicional

No prazo dun mes desde a entrada en vigor da presente disposición deberá constituírse a Comisión de Seguimento do Plan Eólico de Galicia, de acordo co disposto nela.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para dicta-las disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA