Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 28 de xuño de 2002 Páx. 10.089

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 19 de xuño de 2002 pola que se fixan os horarios do período de cesamento diario da pesca de arrastre previsto no plan de pesca do Estado.

O Real decreto 1441/1999, do 10 de setembro, que regula o exercicio da pesca con artes de arrastre de fondo no caladoiro nacional do Cantábrico e Noroeste, dispón no seu artigo 9 que o período autorizado para exerce-la pesca de arrastre de fondo será para cada buque de cinco días por semana no mar e que, en todo caso, o período de descanso semanal será de corenta e oito horas continuadas.

Pola súa parte, a disposición derradeira primeira de dito real decreto establece que tal regulación do descanso semanal constitúe normativa básica de ordenación do sector pesqueiro dictada ó abeiro do artigo 149.1.19ª da Constitución.

Na disposición derradeira segunda da norma referida facúltase o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para regular plans de pesca, con normativa específica e establecer vedas e fondos, xustificados polo estado dos recursos, todo isto de conformidade co informe previo do Instituto Español de Oceanografía.

No uso da dita habilitación, apróbase a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 2 de xaneiro de 2002, pola que se establece un plan de pesca para a pesqueira de arrastre de fondo no Caladoiro Nacional do Cantábrico e Noroeste, e que determina que o período máximo autorizado para o exercicio da pesca de arrastre será de dezaoito horas diarias de sorte que o cesamento diario da actividade será de seis horas, que deberán corresponderse co período nocturno.

Pois ben, o citado período nocturno revélase distinto en función da zona litoral de que se trate debido ás diferencias nos horarios no solpor, polo que procede, respectando a extensión determinada polo Estado do cesamento diario da actividade da pesca de arrastre, localiza-las horas de descanso na Comunidade galega en función do solpor na dita comunidade.

Tal medida de localización ou concreción dos períodos obrigatorios de descanso cunha extensión que foi fixada polo Estado con carácter básico e de conformidade coa doctrina sentada polo Tribunal Constitucional (TC) nas súas sentencias 68/1992, do 30 de abril e 147/1991, do 4 de xullo, encádrase dentro da materia de ordenación do sector pesqueiro, correspondendo á Xunta e do seu desenvolvemento normativo e execución.

Por isto, de conformidade co artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no exercicio das competencias da Xunta de Galicia en materia de pesca, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

procede a través desta norma a localiza-lo cesamento de actividade de seis horas obrigatorias fixadas polo Estado para a pesca de arrastre.

Por todo isto, e en virtude das facultades conferidas no artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e o seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente orde ten por obxecto localizar, no ámbito da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e en desenvolvemento do artigo 2 da O.M. do 2 de xaneiro de 2002, o período nocturno no que deberá cesa-la actividade da pesca de arrastre durante seis horas diarias.

Artigo 2º

Na Comunidade Autónoma de Galicia fíxase o período nocturno de cesamento da actividade pesqueira de arrastre entre as vinte horas da tarde e as nove horas da mañá.

Artigo 3º

Para efectos do disposto nesta orde considérase cesamento da actividade pesqueira o momento no que a arte é virada e abandona o contacto coa plataforma marítima ata o momento en que a arte fai novamente pé na dita plataforma.

Artigo 4º

1. Á vista dos futuros cambios horarios que afectarán os períodos nocturnos e dos estudios científicos pertinentes, este horario poderá variarse, establecéndose un novo período de cesamento da actividade.

2. Para estes efectos, o período nocturno establecido na presente orde rexerá ata o 31 de decembro do ano actual contado desde a súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto nesta orde e, en especial, a orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 22 de xaneiro de 2002, pola que se fixan os horarios do período de cesamento diario da pesca de arrastre previsto no plan de pesca do Estado.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o secretario xeral para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos