Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 28 de xuño de 2002 Páx. 10.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 21 de xuño de 2002 pola que se convocan os premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural 2002.

O sector agroalimentario configúrase como un eixo básico dentro da sociedade e a economía galega, xa que ademais das súas funcións como productor de alimentos engádeselle a de creador de emprego

no rural, mantemento da paisaxe e conservación do medio, e tamén como elemento fixador da poboación nesas áreas.

A Xunta de Galicia cre conveniente incentiva-la difusión de traballos de contido agrario e alimentario, valora-las actividades desenvolvidas por agricultores novos galegos, valora-lo papel da muller no medio rural, a mellora da calidade dos productos agroalimentarios galegos e o esforzo, tanto persoal de agricultores e gandeiros como empresarial de industrias e cooperativas agrarias, para a posta en marcha de procesos de modernización no eido agrario. Así mesmo, estímase recoñece-la traxectoria e o esforzo realizado por persoas ou entidades ó longo da súa vida profesional, cun continuado e relevante labor no ámbito agrario ou alimentario da nosa Comunidade Autónoma. Para tal efecto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convoca-los premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural 2002 e aproba-las súas bases que se publican como anexo I á presente orde.

Artigo 2º.-Financiamento.

Os gastos que se deriven serán sufragados con cargo á partida 09.04.615 A.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2002.

O importe global máximo para o ano 2002 é de 30.000 euros.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases que rexen a convocatoria dos Premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural 2002

Primeira.-Finalidade.

Os premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural pretenden recoñecer e valorar iniciativas no eido da investigación e da información e divulgación agraria, actividades desenvolvidas polas mulleres e os mozos no mundo agrario, o esforzo do mundo cooperativo e a procura da excelencia na calidade agroalimentaria.

Así mesmo, preténdese recoñece-la traxectoria profesional de persoas ou entidades na súa dedicación ó mundo agrario.

Segunda.-Modalidades.

Estáblécense as modalidades de premios que se describen a continuación:

1. Labor informativo e/ou divulgador. Valorarase o labor realizado neste senso sobre temas agrarios e alimentarios de Galicia difundido nos medios de comunicación escrita, radio, televisións e Internet.

2. Traballo de investigación. Valoraranse os traballos de investigación ou experimentación sobre temas agrarios ou alimentarios de Galicia.

3. Muller rural emprendedora. Este premio está dirixido a tódalas mulleres que realicen actividades relacionadas co desenvolvemento rural en Galicia.

4. Iniciativa de agricultor novo. A convocatoria deste premio vai dirixida ás persoas físicas menores de 40 anos, residentes en Galicia e que se teñan incorporado á actividade agraria levando a cabo iniciativas de modernización da nosa agricultura.

5. Cooperativa agraria. Este premio vai dirixido ás cooperativas agrarias que actúen no territorio da comunidade galega.

6. Calidade alimentaria. A convocatoria deste premio diríxese cara ás empresas agroalimentarias galegas que polo seu esforzo acadaran no seu conxunto uns niveis de calidade tanto nos temas de innovación, producto, sanitario, medioambiental e outros.

7. Distinción honorífica. Este premio vai dirixido a persoas ou entidades que de xeito relevante teñan dedicado a súa actividade cara ó mundo agrario ou alimentario galego.

Terceira.-Documentación que hai que presentar.

Tódalas candidaturas virán acompañadas da seguinte documentación:

-Solicitude asinada segundo o modelo (anexo II).

-Fotocopia do DNI.

-Memoria explicativa das actividades feitas.

-Documentación que acredite a personalidade do solicitante.

-Documentación acreditativa das actividades realizadas que permitan valora-la candidatura.

Cuarta.-Participación nas modalidades 1 e 2.

1. Ó Premio ó Labor Informativo e/ou Divulgador poderán opta-los autores dos traballos publicados ou emitidos durante o ano 2001 e 2002 ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes en calquera medio de comunicación así como os autores de obras de estudio editados nese prazo.

2. Poderán optar ó Premio ó Traballo de Investigación os autores que presenten obras inéditas en calquera idioma oficial da Comunidade Autónoma galega e que teñan sido feitos ou presentados no ano 2001 e 2002 ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, debendo ir acompañados dun certificado do director do estudio ou do investigador principal.

3. Os autores dirixirán dúas copias (fotocopias, vídeos, gravacións, ....) indicando a qué premio opta. Se o traballo se publicou con pseudónimo ou sen asinar, cumprirá presentar un certificado que acredite quén é o autor. No caso de traballos radiados ou televisados presentarase tamén un certificado do director da emisora no que conste a data de emisión e mailo autor.

Unha vez realizada a decisión destes premios, os orixinais non premiados quedarán á disposición dos seus autores.

Quinta.-Participación na modalidade 7.

En relación coa participación na modalidade 7, distinción honorífica, só se admitirán aquelas propostas de candidatos que veñan avaladas por entidades, asociacións ou colectivos e acompañadas dun memoria, informe ou calquera outro documento que resulte explicativo das motivacións e méritos que se considere concorrentes na persoa ou entidade que se propón.

Sexta.-Fases.

1. Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta orde ata o 10 de setembro de 2002, na Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, situada no Edificio Administrativo San Caetano, 15771 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións e procedemento administrativo común.

2. Admisión.

Non se admitirá ningunha candidatura á que se lle teña seguido un expediente sancionador finalizado con resolución firme por falta grave ou moi grave, por calquera das administracións públicas españolas, nos catro anos anteriores á data da presentación da solicitude.

A adxudicación de premios a quen non reúna este requisito considérase nula, e de iso derivaranse as responsabilidades que correspondan.

3. Xurado.

O xurado ou xurados para a adxudicación destes premios serán nomeados polo conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e constituirano persoas de recoñecido prestixio.

A decisión do xurado elevarase á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural quen dictará resolucións de adxudicación dos premios.

As decisións do xurado ou xurados serán inapelables e o premio ou premios que considere oportunos poderán ser declarados desertos.

4. Entrega.

A resolución e a entrega dos premios farase nun acto público, en lugar e data que se dará a coñecer no seu momento.

A participación nesta convocatoria supón a aceptación incondicional das presentes bases.

Sétima.-Dotación dos premios.

Para cada unha das categorías concederase un premio de 3.000 euros ademais dun trofeo orixinal e un diploma acreditativo.

Oitava.-Publicidade das actuacións.

Os premiados só poderán facer mención do premio nas súas accións de promoción e publicidade, indicando a modalidade, o ano de concesión e o órgano convocante. En todo caso estas accións de promoción e publicidade axustaranse á normativa vixente na materia.