Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 20 de xuño de 2002 Páx. 9.506

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 206/2002, do 6 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Quiroga (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ampliación de servicios básicos no barrio das Estradas e o barrio da Ribeira.

O Concello de Quiroga, en sesión que tivo lugar o día dezanove de outubro de dous mil un, aprobou o proxecto de ampliación de servicios básicos no barrio das Estradas e o barrio da Ribeira, e na sesión do nove de marzo de dous mil dous acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expro

piación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Quiroga foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día tres de maio de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintesete de maio de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o Concello de Quiroga nos accesos das Estradas e o barrio da Ribeira, debido á súa estreiteza e á inexistencia de beirarrúas, se están a producir situacións de grave perigo tanto para os peóns como para o tráfico rodado. Por outra banda, a carencia dos servicios básicos de abastecemento de auga potable e saneamento crean unha falta de salubridade e hixiene.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Quiroga, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación de servicios básicos das Estradas e o barrio da Ribeira.

Santiago de Compostela, seis de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais