Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 20 de xuño de 2002 Páx. 9.505

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 5 de xuño de 2002 pola que se ratifica a extinción da Fundación A Ribeira e se dispón a inscrición desta disolución no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación A Ribeira, tramitado neste protectorado por instancia do padroado da citada fundación.

Supostos de feito:

Primeiro.-A Fundación A Ribeira foi constituída en escritura pública outorgada en Foz, o día 10 de outubro de 1997, ante o notario do Colexio da Coruña, José Antonio Caneda Goyanes, co número mil douscentos setenta e nove do seu protocolo.

Segundo.-Por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 21 de outubro de 1998 (Diario Oficial de Galicia número 212, do 2 de novembro), clasifícase como de interese cultural a Fundación A Ribeira e adscríbese á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por Orde do 27 de xaneiro de 1999 (Diario Oficial de Galicia número 26, do 9 de febreiro), recoñece de interese galego e ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da citada fundación.

Cuarto.-Con data do 25 de setembro de 2001 ten entrada, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, solicitude de ratificación polo protectorado do acordo adoptado polo órgano de goberno da Fundación A Ribeira na súa reunión do 22 de abril de 2001, relativo á extinción da fundación pola imposibilidade de cumprimento dos seus fins.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-De conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, a extinción das fun

dacións procederá polas causas previstas na carta fundacional e nos supostos establecidos no artigo 39 do Código civil, dándolles ós bens e dereitos o destino predeterminado nas devanditas disposicións.

Segundo.-A extinción das fundacións require, tal e como esixe o artigo 39 do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, acordo do seu órgano de goberno adoptado coa maioría indicada no artigo 13.3º da referida disposición, que deberá ser ratificado polo protectorado, logo da tramitación do correspondente expediente no que conste a exposición razoada da causa determinante da extinción, o balance da fundación, a proposta de designación de liquidadores, o programa da súa actuación e o proxecto de distribución do producto da venda do patrimonio da fundación.

Terceiro.-No expediente tramitado para tal efecto resulta acreditado o cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa aplicable e, basicamente, a imposibilidade de cumpri-los fins enunciados no artigo 6 dos estatutos da fundación, así como o respecto da vontade fundacional en relación co destino dos bens no suposto de disolución.

Vistas as seguintes normas xurídicas: a Constitución española de 1978; o Estatuto de autonomía para Galicia; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño; o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e demais normativa de xeral e pertinente aplicación.

DISPOÑO:

Primeiro.-Ratifica-la extinción da Fundación A Ribeira acordada polo seu padroado o 22 de abril de 2001 e, conseguintemente, dispoñe-la inscrición desta disolución no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, logo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Segundo.-Declarar que unha vez concluídas as operacións de liquidación, que se axustarán ó disposto na normativa aplicable, os liquidadores formarán a conta final de liquidación, cos xustificantes da entrega do haber líquido ás entidades chamadas a recibilo.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo