Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 20 de xuño de 2002 Páx. 9.458

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de xuño de 2002 pola que se lle dá cumprimento ó Auto do 19 de xuño de 2002, da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dictado no recurso interposto pola Unión Xeral de Traballadores (UGT-Galicia), Sindicato Nacional Comisións Obreiras de Galicia e Confederación Intersindical Galega (CIG) contra a Orde do 17 de xuño de 2002, da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 20 de xuño de 2002.

No Diario Oficial de Galicia número 116, do 18 de xuño de 2002 publicouse a Orde do 17 de xuño de 2002 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 20 de xuño de 2002.

Interposto ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recurso contencioso-administrativo ó abeiro do procedemento especial para a protección dos dereitos fundamentais da persoa (artigos 114 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa) contra a devandita orde, a Sala do Contencioso Administrativo dicta auto de data 19 de xuño de 2002 polo que acorda acceder á adopción da medida cautelar de suspensión da efectividade da orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 17 de xuño de 2002 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 20 de xuño de 2002, en consecuencia, e de acordo co establecido no parágrafo 5.2º do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e por proposta de tódalas consellerías da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

En cumprimento do establecido no auto de data 19 de xuño de 2002, da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia, queda en suspenso a efectividade da Orde do

17 de xuño de 2002 da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no sentido de que os servicios mínimos que hai que fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro, departamento ou oficina, do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, salvo que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, no que haberá que aterse ás quendas establecidas para os sábados.

Artigo 2º

De conformidade co disposto no artigo anterior, quedan anuladas e sen ningunha efectividade as notificacións individuais de servicios mínimos practicadas polas secretarías xerais nos servicios centrais das consellerías, polas delegacións provinciais nos servicios periféricos e polas direccións dos centros, organismos autónomos, entes de dereito público e empresas públicas nos restantes supostos, fixadas ó abeiro da orde recorrida, que excedan do límite contido no devandito precepto.

Artigo 3º

O persoal que debe presta-los servicios mínimos establecidos, de conformidade co disposto no artigo primeiro, será fixado polos secretarios xerais nos servicios centrais das consellerías, polos delegados provinciais nos servicios periféricos, e polos directores dos centros, organismos autónomos, entes de dereito público e empresas públicas.

Artigo 4º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente aplicable ós diversos colectivos.

Artigo 5º

O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición adicional

O disposto nesta orde será de aplicación ó ámbito exclusivo do disposto na orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 17 de xuño de 2002 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 20 de xuño de 2002.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública