Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 14 de xuño de 2002 Páx. 9.096

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2002 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de xuño de 2002, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro (DOG do 20 de xaneiro de 1998) establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Resolución do 14 de setembro de 1998 (DOG do 22 de setembro) publica o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de setembro de 1998 polo que se aproba a relación de postos de traballo dos servicios periféricos da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A entrada en vigor da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal do menor supón para a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que é a competente na execución das medidas que se dicten ó abeiro desta lei, a reorganización dos recursos e da rede de centros de menores da propia consellería.

Neste sentido, por Orde do 3 de maio de 2002 (DOG do 7 de maio) autorízase o cesamento de actividades do centro de menores Xesús de Nazaret-Palavea (A Coruña) e polo Decreto 176/2002, do 10 de maio (DOG do 22 de maio) péchase o devandito centro.

Todo isto fai preciso modificar, por criterios organizativos e de xestión, a relación de postos de traballo

da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude adecuándose, así, ás necesidades reais e estructurais da citada consellería.

En consecuencia, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, oídas as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Persoal Laboral da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xuño de dous mil dous, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Modifica-la vixente relación de postos de traballo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos termos que se sinalan no anexo a este acordo.

Segundo.-Ordena-la publicación da dita modificación no Diario Oficial de Galicia para efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte a ela.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de xuño de dous mil dous, relativo á modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa finalidade de cumpri-lo dito acordo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública