Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 14 de xuño de 2002 Páx. 9.010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de xuño de 2002 pola que se clasifica como de interese asistencial a Fundación Provincial Banco de Alimentos.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Provincial Banco de Alimentos, con domicilio en Vigo, rúa Pino nº 38-baixo (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito do 9 de abril de 2002, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Provincial Banco de Alimentos foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 26 de febreiro de 2002, ante o notario José Luis Prieto Fenech, co número 283 do seu protocolo, por Ernesto Pedro Badía Iturbe, Isidro Benavides Fernández, Rafael Fernández Sanmiguel, Fernando Feijoo Santos, Joaquín Martínez Riera, Francisco Rodríguez Rodríguez e Eliseo Tormo Sanchís. Interveñen todos no seu propio nome e dereito e, ademais, Rafael Fernández Sanmiguel intervén en nome e representación de María Victoria Sanmartín Grela, Bernardino Crespo Torres, Antonio Castiñeira Redondo, Antonio Díez Fernando, Félix Domínguez Rodríguez, Eduardo Espiñeira Outerelo, Gloria Galán Díaz, Emilio Iturbe Nogueira, Argimiro Mariño Mariño, María Dolores Spuch Fernández e José Antonio Vieira González.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, é obxecto da fundación contribuír a achegar unha resposta ós problemas de fame, marxinación, paro, pobreza, mediante a recadación e redistribución de excedentes e doazóns de alimentos, e todos aqueloutros bens propios dunha organización caritativa, achegando solucións colectivas en ámbitos asistenciais, laborais, formativos e todos aqueles non descritos aínda que non limitativos no sentido e alcance da fundación

4. O padroado da fundación estará constituído por Victoria Sanmartín Grela como presidenta, José Antonio Vieira González como vicepresidente, Rafael Fernández Sanmiguel como secretario, Eduardo Espiñeira Outerelo como tesoureiro, e Ernesto Pedro Badía Iturbe, Isidro Benavides Fernández, Fernando Feijoo Santos, Joaquín Martínez Riera, Francisco Rodríguez Rodríguez, Eliseo Tormo Sanchís, Bernardino Crespo Torres, Antonio Castiñeira Redondo, Antonio Díez Fernando, Félix Domínguez Rodríguez, Gloria Galán Díaz, Emilio Iturbe Nogueira, Argimiro Mariño Mariño e María Dolores Spuch Fernández como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Provincial Banco de Alimentos, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Asuntos Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de xuño de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese asistencial a Fundación Provincial Banco de Alimentos e adscribila á Consellería de Asuntos Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública