Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 12 de xuño de 2002 Páx. 8.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 4 de xuño de 2002 pola que se establecen axudas para dotacións e adquisicións de equipos para a prevención e defensa contra incendios forestais durante o ano 2002.

A Consellería de Medio Ambiente, coa colaboración de tódolos sectores e axentes socioeconómicos implicados, e co fin de minorar ó máximo as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais provocan sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e producción dos nosos montes, así como sobre a fauna, a flora, e a paisaxe de Galicia, considera necesario continua-la súa política de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por todo isto, e de acordo co establecido no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía para Galicia e no Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de conservación da natureza, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-las axudas que os distintos axentes sociais poderán percibir para a prevención e defensa contra os incendios forestais.

Artigo 2º.-Condicións xerais.

Para o conxunto de axudas, os interesados solicitarán a súa concesión baixo as seguintes condicións:

1ª Deberán presenta-la solicitude antes de comeza-lo servicio ou de merca-los equipamentos.

2ª Caso de ser concedida a subvención, o seu pagamento farase unha vez realizado o servicio e/ou a compra de equipamentos, sen prexuízo dos anticipos que para cada caso se establecen nos artigos que seguen.

3ª Cando as axudas consistan nunha porcentaxe do orzamento do servicio ou subministración, o total da axuda calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería de Medio Ambiente. As cantidades xustificadas en concepto de IVE non serán subvencionables na medida en que sexan recuperables pola Facenda pública.

4ª O persoal e medios engadidos nas actividades que se subvencionen, deberán estar operativos na data que estableza a Consellería de Medio Ambiente no escrito de aprobación que se remita.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades, accións ou materiais que se subvencionarán corresponden á contratación de persoal para cuadrillas de prevención e extinción de incendios durante un período mínimo de mes e medio e máximo de dous meses, á dotación de equipamentos de persoal e de medios complementarios e á operatividade do tractor con cisterna. Os importes das axudas sobre orzamento aprobado serán as seguintes:

-Contratación de persoal para cuadrillas,(mínimo mes e medio e máximo dous meses) incluída Seguridade Social en réxime xeral. Subvención: ata o 70%.

-Aluguer do vehículo todoterreo de transporte ou operatividade do vehículo todoterreo propio. Subvención: ata o 70%.

-Compra de ferramenta e material de equipamento. Subvención: ata o 50%.

-Batelumes. Subvención: ata o 100%.

Vestiario ignífugo e equipamento de seguranza persoal. Subvención: ata o 50%.

-Caixa de primeiros auxilios. Subvención: ata o 50%.

-Operatividade do tractor con cisterna cunha capacidade mínima de 2.000 l de auga e 100 m de mangueira. Subvención: ata o 100%.

2. Homoxeneidade e integración.

As características do material obxecto da subvención supeditaranse ás directivas comunitarias sobre EPIs de acordo co Real decreto 1407/1992, do 20 de novembro, polo que se regulan as condicións de comercialización e libre circulación intracomunitaria dos equipamentos de protección individual (BOE nº 311, do 28 de decembro).

Artigo 4º.-Anticipos.

O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu artigo 16.2 dous.3 á posibilidade de librar, con carácter excepcional e por resolución motivada do Conselleiro de Medio Ambiente, un anticipo do 50% do importe total da subvención aprobada, logo de petición dos solicitantes.

Para a aprobación deste anticipo, o beneficiario da subvención deberá acreditar, nun prazo máximo de quince días contados a partir da data de inicio dos traballos establecida na resolución de aprobación da axuda, que se atopa ó día das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social e que non teñen pendentes de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal de Administración Tributaria e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición do certificado correspondente ou cubrir e asinar debidamente a autorización que se xunta no anexo I, para efectos de que este órgano poida solicita-la por vía informática.

Igualmente o beneficiario deberá enviar nese mesmo prazo:

-Nome dos integrantes da cuadrilla (especificando o nome da persoa que actúa como coordinador e responsable dos integrantes da cuadrilla).

-Marca e matrícula do vehículo todoterreo (alugado ou propio), que permanecerá en perfectas condicións mecánicas e de dotación e estará ó día en toda a documentación, cumprindo coas obrigas administrativas que leva emparelladas en materia de inspección técnica (ITV), pólizas de seguro, impostos, etc.

-Un número de teléfono de contacto 24 horas.

-Escrito no que se deixe constancia de que os integrantes da cuadrilla estean equipados adecuadamente para o traballo que se vaia realizar, desde a data do inicio deste.

-Declaración de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade.

Ademais, no caso de que se reciba axuda para a operatividade dun tractor con cisterna, deberase comunica-la matrícula do dito vehículo, o/s nome/s da/s persoa/s que operan con el e un número de teléfono de contacto 24 horas. O vehículo permanecerá en perfectas condicións mecánicas e de dotación e estará ó día en toda a documentación, cumprindo coas obrigas administrativas, que leva emparelladas en materia de inspección técnica (ITV), pólizas de seguro, impostos, etc.

Artigo 5º.-Colaboración e ámbito de actuación. Obrigas dos beneficiarios.

1. As cuadrillas de prevención e extinción así como os tractores con cisterna ós que se refire esta orde, quedarán ó dispor do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais (SDCIF) da Consellería de Medio Ambiente, integraranse no seu despregue e deberán estar dotados dos medios de comunicación precisos para esta integración.

As cuadrillas e tractores colaborarán na prevención e extinción de incendios forestais no ámbito territorial do concello onde estean situados e nos concellos limitrófes con este. Así mesmo, poderán colaborar na extinción de incendios declarados nou

tros ámbitos territoriais, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, cando sexan requiridos polo SDCIF, en caso de urxente necesidade.

2. O beneficiario estará suxeito ás indicacións do SDCIF canto ó horario e puntos de traballo. As cuadrillas realizarán labores de prevención de incendios forestais (rozas, limpeza de mato, etc.) mentres non sexan requiridas para acudir á extinción.

3. A actividade subvencionada comezará e rematará na data que determine a Consellería de Medio Ambiente ó aproba-la subvención, debéndose engadir como días de traballo os domingos, festivos e festas locais para as axudas que recollan a contratación de persoal (cuadrillas de prevención e extinción), así como para o tractor con cisterna. Teranse en conta, en todo caso, os prazos mínimos e máximos para a contratación de persoal reflectidos no artigo 3º.

4. Calquera modificación na localización ou composición do persoal contratado deberá ser comunicada ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais para o seu coñecemento.

Artigo 6º.-Incumprimento das obrigas.

Consonte o disposto no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, será motivo de revogación (total ou parcial) da axuda recibida, mediante resolución razoada do mesmo órgano que a concedeu, dando lugar ó reintegro total ou parcial da axuda xunto cos xuros:

-O incumprimento da obriga de xustificar.

-A obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-O incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-O incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Artigo 7º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1. Comunidades de veciños (CV), comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), sociedades agrarias de transformación (SAT), cooperativas, asociacións forestais (AF) legalmente constituídas, agrupacións de defensa forestal (ADF), persoas físicas e xurídicas legalmente constituídas. Os interesados deberán acreditar documentalmente a súa participación na actividade forestal.

En todo caso os solicitantes deberán acreditar documentalmente a representación que teñen, de conformidade co artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. No caso de que os beneficiarios se constitúan nalgunha das formas asociativas legalmente establecidas na normativa vixente, deberán achegar cer

tificado do acordo, tomado en asemblea, no que se soliciten as axudas económicas para executa-las accións propostas.

Artigo 8º.-Importe das axudas.

1. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. No anexo II desta orde figura unha relación de prezos que se aplicará para valora-las accións, equipamentos ou subministracións. Estes prezos son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorio como tope máximo na aplicación polos servicios de defensa contra incendios forestais para a aprobación dos orzamentos.

Artigo 9º.-Incremento das axudas.

Cando o solicitante teña, aprobado pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais un plan anual de defensa contra incendios forestais, a axuda incrementarase nun 10%.

A porcentaxe final da subvención total con cargo a esta ou outra normativa non poderá supera-lo 100% do orzamento aprobado para as axudas que se recollan na presente orde. En caso contrario, procederase ó reintegro do importe que exceda do orzamento aprobado.

Artigo 10º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse en impreso normalizado que facilitarán os servicios de defensa contra incendios forestais nas súas oficinas provinciais ou de distrito, utilizando o modelo adxunto a esta orde. A presentación das solicitudes poderá realizarse en calquera lugar dos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRJPAC), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e serán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente.

Artigo 11º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Criterios de selección.

Segundo o artigo 3.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a concesión de axudas axustarase ós principios de publicidade, concorrencia, e obxectividade. Os criterios de selección para a concesión das axudas serán o seguintes:

1. Distribución territorial axeitada ós recursos, sexan do servicio de defensa contra incendios forestais ou de terceiros: ata 4 puntos.

2. Experiencia e colaboración na prevención e defensa dos incendios forestais co SDCIF: ata 3 puntos.

3. Número de incendios habidos en anos anteriores no ámbito territorial, parroquial ou do concello: ata 2 puntos.

4. Superficie a defender: ata 1 punto.

Con base nesta valoración, a puntuación mínima que deberá te-lo solicitante para a concesión da subvención será de 6 puntos.

Artigo 13º.-Órganos de xestión: emenda e mellora da solicitude. Aprobación.

As delegacións provinciais da consellería de Medio Ambiente valorarán as peticións segundo os criterios de selección mencionados no artigo anterior.

Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos esixidos nesta orde, a delegación provincial correspondente requirirá ó interesado para que, nun prazo de dez días contados a partir do día seguinte ó da recepción de requirimento, emende as faltas ou xunte os documentos perceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, se terá por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámites, consonte o disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As delegacións provinciais remitirán as súas propostas ó director xeral de Montes e Industrias Forestais, quen as elevará ó conselleiro de Medio Ambiente, a quen lle corresponderá dicta-la resolución de aprobación de subvención, notificándolla ó beneficiario.

Artigo 14º.-Resolución.

O conselleiro de Medio Ambiente resolverá conceder ou denega-la axuda no prazo máximo de 4 meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG. No caso de non recaer resolución expresa no dito prazo, o interesado poderá entender desestimada a solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRJPAC), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Estas resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes, dentro do prazo de 10 días seguintes á toma do acordo.

Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, consonte o disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRJPAC), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e o artigo 46 da Lei 26/1998, do

13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 15º.-Execución da subvención.

A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de executa-las accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberán realizarse na extensión e co orzamento indicado no impreso de solicitude. Unha realización da acción subvencionada un 50% inferior á proposta, agás por causa de forza maior, suporá a revogación da subvención concedida, logo da valoración dos técnicos dos servicios de defensa contra incendios forestais.

No caso de renuncia, despois de recibida a aprobación da subvención, deberá comunicarse por escrito á Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 16º.-Responsabilidade.

A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

Artigo 17º.-Xustificación de gastos.

Os gastos de execución das accións subvencionadas serán debidamente xustificados polo beneficiario, mediante a presentación de facturas orixinais, nóminas, boletíns de cotización da Seguridade Social, contratos e demais documentos acreditativos da xustificación do investimento tal e como establece o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

No momento da xustificación da execución total do proxecto e con anterioridade ó pagamento o beneficiario deberá xustificar que se atopa ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

No referente ós certificados da Axencia Estatal de Administración Tributaria e Economía e Facenda da Xunta de Galicia, será admisible do mesmo xeito a autorización a que se refire o artigo 4º.

O prazo para a achega de xustificantes das accións realizadas obxecto da subvención rematará o 31 de outubro.

Artigo 18º.-Comprobación.

O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente ou, se é o caso, a colaboradora e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, consonte o disposto no artigo 78.4º d) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do réxime xeral e orzamentario de Galicia e o capítulo V do

Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 19º.-Aplicación orzamentaria.

O financiamento das axudas que recolle esta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.422-C.770.0, código de proxecto 15.00.707, «Subvención para investimentos en materia de prevención de incendios» dotada con 505.563 euros, nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para o exercicio de 2002, podéndose incrementar este orzamento mediante as oportunas modificacións orzamentarias no caso de que se considere oportuno pola elevada demanda de peticións.

Artigo 20º.-Modificación da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, consonte o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas contidas nesta orde son compatibles con outras subvencións de calquera Administración pública para as mesmas finalidades, agás as concedidas ó abeiro do Real decreto 1887/1991, modificado polo Real decreto 62/1994, do 21 de xaneiro, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total do orzamento aprobado.

A concesión doutra subvención compatible, distinta da regulada pola presente orde, obriga ó beneficiario a facer declaración dela perante a Consellería de Medio Ambiente, independentemente da fase na que se atopa o trámite da solicitude presentada á citada consellería.

Segunda.-Sempre que exista crédito suficiente e, se debido a inclemencias climáticas, a Consellería de Medio Ambiente o considera necesario, poderá aprobar ampliacións nas subvencións que estean en curso.

A dita modificación, de chegar a producirse, deberá cumpri-los requisitos previstos no artigo 12 do Decreto 287/2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para dictar tódalas disposicións complementarias co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Segunda.-A entrada en vigor da presente orde será o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO II

Prezos máximos que se aplicarán para valorar orzamentos de persoal e equipamento

UnidadeDescriciónPrezo máximo aplicable en euros

XornalContratación por xornada de 8 horas e con dedicación plena durante elas para cuadrillas de prevención e extinción, incluído seguros:

Réxime xeral

31,85

DíaAluguer u operatividade de vehículo todo terreo para cuadrillas de prevención e extinción, ó día24,04

UnidadeDescriciónPrezo máximo aplicable en euros

UnidadeBatelumes de caucho con mango15,78

UnidadeFerramenta forestal18,93

UnidadeEquipamento de protección individual completo (funda, botas, casco, cinto, máscara, lentes, luvas e lanterna)145,75

UnidadeCaixa de primeiros auxilios27,11

DíaOperatividade tractor con cisterna con capacidade mínima de 2.000 l e 100 m de mangueira10,22

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA