Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 07 de xuño de 2002 Páx. 8.682

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da ponte sobre o río Lérez en Fentáns, no concello de Cotobade (Pontevedra), promovido pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural (antes Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria).

Pola presente resolución e en cumprimento do disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 19 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da ponte sobre o río Lérez no lugar de Fentáns, no concello de Cotobade (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias (antes Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural), que se transcribe como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2002.

Alejandro Martínez Geijo Nogueira Soares

Director xeral de Infraestructuras Agrarias

ANEXO

Resolución do 19 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula declaración de impacto ambiental do proxecto da ponte sobre o río Lérez no lugar de Fentáns, no concello de Cotobade (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

O artigo 1 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, establece a obrigatoriedade de somete-la avaliación de impacto ambiental os proxectos consistentes na realización de obras, instalacións ou actividades comprendidas no seu anexo I.

Dado que o lugar da nova ponte está incluído dentro do ámbito do espacio natural denominado Río Lérez, incluído na proposta galega de lugares de importancia comunitaria (Rede Natura 2000), procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto da ponte sobre o río Lérez no lugar de Fentáns, no concello de Cotobade (Pontevedra).

O proxecto obxecto de avaliación consiste na execución dunha ponte de 55 m de longo sobre o río Lérez, ó seu paso polo concello de Cotobade (Pontevedra).

No anexo I resúmese o proxecto de trazado e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio ambiental.

En data do 11 de febreiro de 2002 recíbese, xunto co proxecto e o estudio ambiental, a autorización de Augas de Galicia para a construcción da ponte na zona de policía do río Lérez.

En virtude do establecido no artigo 5.2º do citado decreto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, mediante a publicación no DOG nº 57, do 21 de marzo de 2002, somete ó trámite de información pública con trámite de urxencia o proxecto da ponte sobre o río Lérez no lugar de Fentáns, no concello de Cotobade (Pontevedra), por un período de quince días hábiles, non tendo constancia da presentación de alegacións.

En data do 18 de febreiro de 2002 solicitáronse informes ás direccións xerais de Conservación da Natureza, Patrimonio Cultural e ó Organismo Autónomo Augas de Galicia. O informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza recíbese o 12 de marzo de 2002 e o da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 3 de abril de 2002.

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos como resultado das consultas efectuadas. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.

Unha vez formulada a tramitación, conforme se establece no Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto da ponte sobre o río Lérez no lugar de Fentáns, no concello de Cotobade (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa o Estudio de avaliación ambiental. Proxecto da ponte sobre o río Lérez no lugar de Fentáns. Novembro 2001.; a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións ambientais, ademais das incluídas na documentación avaliada, de maneira que se asegure a minimización dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que existira contradicción entre o indicado na documentación avaliada e o establecido na presente declaración, prevalecerá sempre o disposto nesta última.

A) Ámbito.

Esta declaración de impacto ambiental refírese ó proceso de execución e explotación do proxecto desenvolvido no documento titulado proxecto da ponte sobre o río Lérez no lugar de Fentáns e definido no plano Planta, alzado e sección. Xullo 2001.

B) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre as emisións de po e gases.

1.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

1.1.2. En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de construcción, debido á acción da maquinaria e ós movementos de terras, procederase á rega de vieiros e zonas de obra de forma suficiente nos períodos de seca.

1.2. Sobre o ruído.

Adoptaranse as medidas axeitadas para que os niveis de ruído cumpran co disposto na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto) e, se é o caso, co disposto nas ordenanzas municipais ó respecto.

2. Protección dos solos.

2.1. Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente dos labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no estudio ambiental, co obxecto de usala posteriormente no proceso de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras. A zona de amoreamento localizarase nos planos requiridos no punto 8.1. Esta terra vexetal mentres permaneza almacenada non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullos ou restos de escavacións.

2.2. Os amoreamentos deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica, e disporanse formando cordóns que no superen os 2 m de altura (conservándose de acordo co punto 9.1.3 de EsIA).

2.3. Delimitarase así mesmo un espacio destinado á acollida das instalacións auxiliares á obra (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etc.), así como os vieiros auxiliares. Deberá localizarse en espacios carentes de valores ambientais relevantes e estar dotada dos equipamentos necesarios para asegurar un funcionamento ambientamente seguro das ditas instalacións. Esta zona reflectirase no plano requirido no punto 8.1, restrinxíndose os movementos da maquinaria a estas zonas.

2.4. Os vieiros auxiliares deberán ser definidos e reflectidos en planos a escala 1:2.000 tal e como se require nos puntos 8.1 e 8.2.

2.5. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da execución das obras, deberán xestionarse conforme a súa natureza e conforme a lexislación vixente en cada caso. O almacenamento temporal de residuos, á espera das sucesivas entregas a xestor autorizado, só se poderá realizar dentro da superficie abranguida polo proxecto en contedores debidamente sinalizados, garantindo que non se producen afeccións ó medio por vertidos accidentais.

2.6. Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se situaran sobre a propia traza, restaurados os espacios ocupados por elas á súa situación preoperacional, de acordo co proxecto de restauración e revexetación presentado.

2.7. A totalidade dos materiais que se precisen deberán proceder de canteiras autorizadas. No caso de que se precise a apertura de canteiras para a execución das obras ou a xeración de depósitos para sobrantes do proceso de movementos de terras, solicitaranse previamente as autorizacións correspondentes en aplicación lexislación vixente.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

3.1. De forma previa á execución das obras, procederase ó replanteo e balizado da zona de traballo, co obxecto de evitar afeccións innecesarias ó río Lérez.

3.2. Tal e como se indica no estudio de impacto ambiental presentado, a fabricación de formigón será provisto desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

3.3. Previamente a calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía de álveos, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

3.4. Queda prohibido o vertido de calquera tipo de material ou substancia ás augas, en especial cemento, formigón e hidrocarburos.

3.5. O destino dos sobrantes decidirase previamente ó inicio das obras, elixindo zonas que, ademais de estaren autorizadas, pola súa situación, morfoloxía e características garantan a non afección a cursos de auga, tanto directa como indirectamente.

3.6. En fase de obra, e tal e como se reflicte no plano titulado Protección arrastres, incluído no estudio, disporanse sistemas que impidan ou controlen a chegada, a través de procesos de escorrega superficial, de materiais procedentes dos movementos de terras e escavacións ás augas continentais.

4. Protección da vexetación.

4.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, que non estea afectada directamente pola execución da obra, para o que se balizará a zona de obras previamente ó seu comezo.

4.2. A eliminación da vexetación da área que se vai explotar será sempre mediante sistemas de roza.

4.3. Previamente a calquera afección á vexetación de ribeira, terase que solicita-la correspondente autorización ó Servicio Provincial de Conservación da Natureza tal e como establece o Decreto 130/1997.

5. Protección da paisaxe.

5.1. Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que a consecuencia da realización das obras queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración indicados no proxecto de restauración presentado á maior brevidade posible, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

6. Protección do patrimonio.

6.1. Habilitarase un acceso ó camiño que comunica coa Ponte Nova.

6.2. Realizarase un control e seguimento de carácter descontinuo dos traballos de remoción de terras, para o que se deberá presentar un proxecto para a realización deste control.

7. Programa de seguimento e vixilancia ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas no EsIA e no condicionado da presente declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas.

7.1. Tódalas analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 9.4 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

7.2. Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta dirección xeral dous (2) exemplares da seguinte documentación:

7.2.1. Durante a fase de obras, e bimestralmente: cronograma actualizado das obras, xunto coa memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

7.2.2. Antes dun mes despois de rematadas as obras: memoria da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras consideradas no estudio así como as impostas na DIA, e en concreto:

-Informe, acompañado de reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado dos traballos de restauración levados a cabo, especialmente as zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións, indicando, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó

proxectado. As fotografías incluirán a data e a hora de toma.

-Estado da restauración, especialmente as zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións.

-Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

7.2.3. Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos: memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental contido no estudio de impacto ambiental, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

8. Documentación adicional.

Previamente ó comezo do proceso constructivo, o promotor remitirá ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puideran derivarse, dúas (2) copias da seguinte documentación:

8.1. Planos a escala 1:2.000 nos que se sitúen tanto as zonas de amoreamento de terra vexetal como as destinadas a parque de maquinaria e almacenamento de materiais, ou a instalacións auxiliares.

8.2. Definición de vieiros auxiliares ás obras, segundo o indicado na condición 2.4, reflectíndoos no plano requirido no punto 8.1.

8.3. Proxecto de seguimento e control arqueolóxico, conforme establece a condición 6.2.

Esta documentación, remitirase a esta dirección xeral para a valoración e, se procede, a imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven, non podendo o promotor proceder ó desenvolvemento do proxecto ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a documentación requirida.

9. Condicións adicionais.

9.1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras.

9.2. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito se poderá proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

9.3. As condicións sinaladas nesta DIA son de obrigado cumprimento. Non obstante, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa execución, e sempre e cando as novas

medidas propostas permitan alcanza-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

9.4. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

9.5. Calquera cambio no proxecto obxecto desta declaración deberá ser comunicado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para os sos efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

9.7. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

9.8 Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprimentado este trámite.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2002.

José Luís Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Descrición do proxecto

Para dar comunicación á poboación de Fentáns, na marxe dereita do río Lérez, co resto do concello de Cotobade, constrúese unha ponte 300 m augas abaixo da ponte antiga. O largo total é de 10,1 m, con calzada de 7 m, beiravías de 0,5 m e beirarrúas de 1,05 m.

Construiranse 135 m de camiños pavimentados e accesos ás pías da ponte.

A ponte ten unha lonxitude de 54,7 m, sendo a luz entre pías de 30,495.

Medidas protectoras e correctoras

* Atmosfera:

-Regas de viais en épocas de seca.

-Recubrimento dos materiais que se van transportar.

* Solos:

-Delimitación das zonas sometidas á actividade.

-Definición clara das áreas de circulación, almacenamento e parques de maquinaria, recomendando o emprego da traza como viario de obra.

-Establecerase un plan de xestión de residuos e vertidos xerados pola obra, situando o parque de maquinaria na propia traza, e se non fose posible en espacios xa degradados.

-Retirarase e reutilizarase o máximo volume posible de solo fértil na revexetación e acondicionamento paisaxístico.

-As casetas de obra terán tratamento químico dos efluíntes.

* Erosión e inestabilidade.

-Os sobrantes trasladaranse a vertedeiro autorizado.

-Para evita-la erosión levarase a cabo o plan de restauración.

* Calidade das augas:

-Definirase un plan viario co obxecto de que se evite a circulación nas proximidades do río Lérez.

-Controlarase o acceso ás marxes do río, deixando sempre que sexa posible unha franxa de 10 m desde o curso.

-Realizarase un programa de seguimento e control da calidade das augas.

-Colocarase a 2 m de distancia do pé dos noiros unha malla de xeotéxtil de 2 m de altura.

-Unha vez finalizada-las obras, aplicarase un plan de recuperación do espacio de ribeira afectado.

-Evitarase no posible a destrucción da vexetación de ribeira.

-Adquirirase o formigón en plantas autorizadas.

-O almacenamento de materiais realizarase na propia traza ou, de non ser posible, en zonas lonxe do río. No caso de detectarse risco de lixiviación cara ó río, cubriranse estes materiais con lonas.

-Controlarase o sistema constructivo nas marxes do río de xeito que se detecten as situacións de riscos. Disporanse barreiras de sedimentos listas para a súa colocación.

* Procesos de escorrega:

-Recoméndase realizar un seguimento da correcta situación e dimensionamento dos sistemas de drenaxes, así como unha limpeza e conservación.

* Vexetación:

-Reducirase ó mínimo as cortas sobre vexetación autóctona.

-Unha vez rematadas as obras procederase á revexetación con especies autóctonas de tódalas zonas afectadas.

* Fauna:

-Restauraranse os espacios situados baixo a ponte para minimiza-lo efecto barreira.

* Paisaxe:

-Levarase a cabo o proxecto de restauración presentado, que inclúe as seguintes actuacións:

-Hidrosementeira.

-Plantación de especies autóctonas en ribeiras e pilares.

* Medio socioeconómico:

-Sinalización de aviso de obras.

-Sinalización e balizamento de vía.

-Emprego de man de obra local.

-Emprego dos recursos e materiais da zona inmediata.

-Elección de vertedeiros axeitados.

-Realización dos traballos de movemento de terra e transporte de material en condicións atmosféricas favorables.

* Patrimonio cultural:

-Deixarase un acceso á Ponte Nova.

-Realizarase un seguimento arqueolóxico durante o movementos de terras.

ANEXO II

Resultado das consultas efectuadas

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza informa o seguinte:

A maior incidencia da obra prodúcese sobre as marxes nos lugares de arrinque dos piares, afectando especialmente á vexetación de ribeira. Hai que ter en conta que se incidirá nun tramo do río Lérez, inscrito na Rede Natura 2000, sendo os bosques aluviais de ribeira o valor que motivou a súa inclusión, polo que se deberá poñer especial coidado en minimiza-los efectos negativos durante a fase de construcción e a súa posterior corrección coas medidas axeitadas.

A este respecto considéranse suficientes as medidas de restaruación adoptadas no EsIA, consistentes na hidrosementeira en noiros e ribeiras e a plantación con especies vexetais autóctonas, considerándose axeitadas as especies seleccionadas.

Para os detalles de execución e consideracións medioambientais, terase en conta as indicacións do informe redactado polo técnico do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural en Pontevedra.

Emítese informe favorable a este proxecto, nos supostos constructivos nel incluídos e nas indicacións do estudio de avaliación ambiental xuntado.

O Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural en Pontevedra, no seu informe, expón as seguintes condicións:

-Tódolos movementos de terras tentaranse facer fóra dos períodos chuviosos e revexetaranse inmediatamente desmontes e terrapléns que presenten riscos de erosión.

-Nos noiros con pendentes maiores do 30% é recomendable a instalación de redes ou mantas de cobertura biodegradables para estabilizalos, fundamentalmente os de terraplén, co obxectivo de evitar arrastres de finos ó río mentres a vexetación non fixa o solo.

-Afectarase o mínimo posible a morfoloxía do leito fluvial polas obras na zona de dominio público hidráulico. Débense restrinxi-las extraccións de grava a zonas situadas por enriba do máximo nivel previsible das augas.

-Débese ser especialmente coidadoso durante os períodos de desova, de emerxencia de xuvenís e cando se produzan picos nos movementos migratorios das especies do río (troita común, reo e salmón).

-Reduciranse as cortas de vexetación de ribeira e as cortas da vexetación de cunca ó mínimo posible. En todo o caso será preciso presentar solicitude de autorización de corta de vexetación de ribeira neste servicio provincial de MAN para cada corta particular que se desexe ou se pretenda acometer, sen prexuízo doutras autorizacións precisas.

-Respectarase a servidume de paso para pescadores polas marxes deixando ó menos unha franxa de 5 m de largo inalterada desde as marxes. O ideal é ademais deixar unha franxa de 5 m de largo entre o nivel de augas medias e cada un dos estribos que permita o paso de fauna terrestre e anfibios, tal e como se considera neste caso.

-As obras de protección de marxes deben permitir o arraigamento da vexetación de ribeira.

-Reducirase ó mínimo posible a perda de capacidade de filtración e o aumento da escorrega directa.

-Evitarase a creación de obstáculos ó movemento da fauna acuática.

-Nunca se deberán atravesar correntes de auga coa maquinaria sen empregar pontóns ou estructuras similares. O parque de maquinaria localizaranse lonxe das correntes de auga.

-Non se concentrarán pequenas correntes que antes non provocaban erosión en puntos que poden non ser resistentes a esta.

-Evitaranse fugas de formigón e cementos ás augas altamente tóxicos para todo o ecosistema fluvial e en particular para a fauna piscícola.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informa favorablemente, considerando axeitadas as medidas correctoras propostas na memoria da prospección.

Como medida xenérica establece un control e seguimento de carácter descontinuo dos traballos de remoción de terras, polo que deberá presentarse un proxecto para a realización deste control e seguimento.