Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 07 de xuño de 2002 Páx. 8.640

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 193/2002, do 10 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Monforte de Lemos (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de camiño da Vide a Distriz.

O Concello de Monforte de Lemos, en sesión celebrada o día trinta de maio de dous mil un, aprobou o proxecto de camiño da Vide a Distriz, e na sesión do cinco de novembro de dous mil, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Monforte de Lemos foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinteseis de febreiro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catorce de marzo de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, as parroquias da Vide e Distriz están incomunicadas entre si e tamén coa capitalidade do municipio, cuestión que se agrava ós ser uns núcleos cunha grande densidade de poboación, polo que a realización desta obra solucionaría un importante problema de tráfico.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Monforte de Lemos, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de camiño da Vide a Distriz.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais